Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Os cantares de Ons reclaman o seu lugar

Xénero: Folk | 17 / 7 / 2014

deixademe_cantar_ons.jpg

As gravacións que o antropólogo Steffan Mörlig realizou na Illa de Ons entre 1969 e 1972 vén agora a luz en formato CD. Déixademe cantar. Las canciones tradicionales de la isla de Ons é o título do volume que acaba de publicar o Colectivo Cultural Isleños e no que as gravacións orixinais de Mörlig están acompañadas dun libro con máis de cen páxinas coas transcricións e notacións dos temas recollidos. Josefa Otero e a súa familia son os intérpretes dos temas, mentres o musicólogo Bautista Delgado foi o responsable de os pasar a texto. O volume está á venda por 22 euros.

Elelelos amosa a tradición sonora de Bueu

Xénero: Folk | 8 / 7 / 2014

elelelos_retrouso_cela.jpg

Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, a Asociación Retrouso de Cela acaba de publicar, da man de Inquedanzas sonoras, o duplo álbum Elelelos. Música de tradición oral do Concello de Bueu. O proxecto inclúe dous CDs, o primeiro dos cales escolma as gravacións que a asociación realizou por diferentes parroquias do concello ao longo dos últimos quince anos. Música de gaita, filharmónica, pandeireta e canto atópanse nun total de 47 cortes. O segundo CD de Elelelos amosa 14 pezas tradicionais reinterpretadas por músicos da asociación. Logo da presentación oficial en Bueu o pasado día 27 de xuño, está prevista outra actuación o vindeiro 12 de xullo no marco do XIII Festival Retrouso.

Colajet volta con Seguros Mutuos

Xénero: Miscelánea | 7 / 7 / 2014

colajet_seguros_mutuos.jpg

Dous anos despois do seu último traballo Colajet presenta Seguros Mutuos. Este traballo autoeditado é un longa duración no que se reúnen cinco temas instrumentais. Segundo explica a propia banda no seu Soundcloud, "gravamos con enorme lentitude un disco que non só non se parece aos nosos concertos, senón que non o poderiamos reproducir en concertos futuros. Pero, como dicía o outro, “no son todos los tiempos unos”: este disco si foi un proxecto, e marca un fito (perceptíbel) na historia e na traxectoria de Colajet". Atmósferas envolventes e propostas experimentais danse a man neste proxecto que foi gravado no Laboratorio Soyuz (Chaián).

Fol Música ábrese aos sons do mundo

Xénero: Miscelánea | 2 / 7 / 2014

imaxe non dispoñible

Logo de 22 anos especializado na música folk e de raíz galega, o selo Fol Música, integraod na discográfica Boa, anúncia un cambio de orientación. Segundo explican os seus responsables nun comunicado, a boa experiencia do traballo con Kepa Junkera no seu álbum Galiza animounos a seguir as colaboracións con artistas foráneos, e apuntan agora a súa intención de se converter "nun dos selos de World Music máis interesantes do mundo". Entre os vindeiros proxectos, para alén do novo traballo de Junkera, Fol anuncia Historias de Radha y Krishna de Jorge Pardo, Gaduxo de Magín Blanco, o próximo disco de Guadi Galego ou a reedición de Ejazz con Jota de Carmen Paris entre outros álbums.

Víctor Aneiros amósase máis acústico que nunca no seu novo traballo

Xénero: Jazz/Blues | 30 / 6 / 2014

a_soidade_pide_copas_v_aneiros.jpg

Versións en acústico dunha selección de temas de tres discos anteriores. Esta é a nova proposta que fai Víctor Aneiros en A soidade pide copas nos bares, o seu último traballo. Editado polo selo vasco Gaztelupeko Hotsak o disco recupera dez temas entre os que se atopa títulos como Miña bala perdida, Vida bohemia, Un tute á morte ou Autor de westerns nos que o son espido da guitarra cobra protagonismo. Aneiros conta no proxecto coa colaboración de Fran Rey ao acordeón neste proxecto. Logo e presentar o disco o pasado venres 27 en San Sadurniño, o guitarrista ten previsto tocar o 17 de xullo no Festival de Blues de Getxo e o 27 no Festival de Jazz e Blues de Ribadeo.

Ulträqäns contraatacan co seu segundo disco

Xénero: Fusión | 26 / 6 / 2014

Ultraquans_II.jpg

"Música retrovangardística. Steampunk. Ciberfolc. Speed-folc. Psicodelia enxebre con raíces bravús". Ulträqäns continúan coa mestura de ritmos no seu novo traballo, titulado simplemente Ulträqäns II. O ritmo frenético e as letras irreverentes mestúranse nunha proposta que de certo ha se deixar sentir nos festivais do verán. A sala Garufa da Coruña acolle esta mañá unha escoita comentada na que o grupo dará a coñecer o álbum, e o venres 27 o concerto de presentación, no que o grupo estará acompañada por A Banda de Andrelo.

Fernando Reyes ponlle música ao Camiño

Xénero: Antiga | 13 / 6 / 2014 + AUDIO

viaxe_compostela_fernando_reyes.jpg

As músicas do Camiño de Santiago nos relatos dos peregrinos Leo Von Rozmital, William Wey, G. Manier, Bartolomeo Fonana e Nicola Albani compoñen o eixe o novo traballo de Fernando Reyes acompañado de boa parte do grupo de música antiga Resonet no que el tamén milita. Carlos Castro, X.R.Martínez e Trinidad de Miguel acompañan o músico en Viaxe a Compostela, onde interpretan composicións antigas e propias para ambientar as viaxes que desenvolveron estes personaxes entre 1456 e 1742. Resonet xa publicara anterioremente diferentes traballos nos que vencella música e peregrinación.

Unha charla concerto recupera a compositora Eugenia Osterberger

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle esta tarde a partir das sete a charla concerto Eugenia Osterberger. Unha compositora galega na Belle Époque. A iniciativa, desenvolvida da man da Consellaría de Cultura, pretende reivindicar o traballo desta música e artista do século XIX. O programa inclúe os relatorios Achegamento á biografía de Eugenia Osterberger de Rosario Martínez e A obra de Mme. Saunier e a súa contribución á creación musical galega, no que Beatriz López-Suevos analizará a relevancia da súa produción musical no contexto da época. Como final, López-Suevos, ao piano e a soprano Susana de Lorenzo interpretarán varias pezas desta compositora.

Fracasados mantén a aposta pola fusión no seu novo traballo

Xénero: Fusión | 10 / 6 / 2014

diaspora_fracasados.jpg

Catro anos depois do seu primeiro lanzamento, Fracasados voltan á carga con Diáspora. O grupo coruñés presenta oito novos temas nos que manteñen a súa fusión de ritmos latinos, rock e rap. Temas como o que dá nome ao álbum, coa colaboración de Xurxo Souto e inequívocos aires bravú, conviven con propostas máis próximas á electrónica como Alma presa, toques pop ou aproximacións ao hip hop como en Mass Media. A banda anuncia para o vindeiro mes de xuño o comezo da xira de presentación do álbum.

María Fumaça volta con Xiqui Xoque, fiu, fiú!

Xénero: Infantil | 6 / 6 / 2014

xiqui_xoque_fiu_fiu_maria_fumaca.jpg

Uxía Senlle capitanea de novo o equipo María Fumaça para lanzar Xiqui Xoque, fiu, fiú!. O novo libro-CD-DVD publicado por Galaxia conta con colaboracións como a de Sérgio Tannus, Isaac Palacín, Santi Cribeiro, Héctor Lorenzo, Serginho Sales, Magín Blanco, Carlos Blanco ou Tanxarina e, como non, Roi, que achega a súa particular voz ao proxecto. O DVD inclúe os vídeos dos temas con karaoke e algúns deles con pictograms incluídos para poder chegar a todos os públicos.

<< Inicio / Anterior . 661 a 670 de 1395 . Seguinte \ Fin >>