Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O libro-disco Pazos de Merexo afonda na historia do acordeón

Xénero: Folk | 14 / 4 / 2015

not_25283.jpg

Acaba de presentarse o libro-disco Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte, a primeira e única publicación que afonda na historia desta modalidade musical en Galicia. Esta monografía recolle os periplos vitais e as obras do repertorio de Pazos do Merexo, o último maestro do acordeón diatónico de Galicia. O libro conta con documentación gráfica, e se presenta ademais cun Cd no que se pode escoitar en versión orixinal unha selección de gravacións inéditas de Pazos do Merexo realizadas no últimos vinte anos polos investigadores Olga Kirk e Pablo Díaz.

A Gramola Gominola achega os estilos musicais aos máis novos

Xénero: Infantil | 8 / 4 / 2015

gramola_gominola_capa.jpg

Pop, punk, reggae, heavy ou ska. Paula Romero, Ro Muñoz, Ánxelo de Xermar e Paco Cerdeira son os responsables de A Gramola Gominiola, grupo que presenta o seu primeiro libro-CD cun percorrido polos estilos musicais contemporáneos para os máis novos. Ritmos adultos con letras nas que se abordan temas como os deberes, os cromos, os xogos, ou cantan sobre Barriga Verde a ritmo de country. O álbum, editado por Galaxia, conta con colaboracións de Luís Tosar, Pablo Dalama, Xenderal ou Mini e Mero, e está ilustrado por Lidia V. Cardeiro.

Das Kapital despídese cun último EP

Xénero: Electrónica | 7 / 4 / 2015

daskapital_daskapital.jpg

Cinco temas numerados nun EP igualmente anónimo. Das Kapital despídese sen nomes cun EP que xorde "cun ollo nas polirritmias ensaiadas por Einstürzende Neubauten ou Cut Hands e outro na asfixia dos tempos en curso, a banda procura alertar da posibilidade da derrota e emite un berro de auxilio", segundo explica Discos da Máquina. O volume, xa dispoñible na rede, contará tamén cunha edición fisica limitada. Finalizan así catro anos de carreira marcada polo compromiso e a experimentación sonora e que obtivo unha grande aceptación da crítica.

A Central Folque reivindica a historia de Amadeo Goyanes

Xénero: Folk | 6 / 4 / 2015

amadeo_goyanes_folque.jpg

Pablo Quintana é o autor da investigación que recolle a historia de Amadeo Goyanes, ferroviario e un dos pioneiros na recuperación da zanfona no noso país. A Central Folque acaba de publicar este traballo na forma do libro-CD Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de monforte. Canda a un repaso pola vida e obra deste músico, que creou a primeira escolanía de zanfonas do país, a obra inclúe partituras e edítase acompañada dun CD no que se poden escoitar pezas inéditas de Goyanes.

Manoele de Felisa Canta a lúa coas estrelas

Xénero: Infantil | 25 / 3 / 2015

canta_a_lua_coas_estrelas_manoele_felisa.jpg

Textos de Rosalía Morlán musicados e interpretados por Manoele de Felisa. Esta é a proposta de Canta a lúa coas estrelas, a nova proposta deste músico que acaba de saír do prelo da man de Arteson Producíóns. O proxecto preséntase en formato libro-CD e conta con ilustracións de Isabel Albela. As cancións do volume son poemas dos tres libros que ten publicado Rosalía Morlán, ademais de cinco textos inéditos, que se dirixen a toda a familia segundo a autora. Manoele de Felisa está acompañando nesta iniciativa polo grupo infantil Os Piñeiriños.

Ruxe-Ruxe traenos Un mundo perfecto

Xénero: Rock | 18 / 3 / 2015

un_mundo_perfecto_ruxe_ruxe.jpg

A Sala Capitol de Compostela acollerá o vindeiro 14 de abril o concerto de presentación de Un mundo perfecto. O novo disco de Ruxe-Ruxe, que sae hoxe á venda, estrearase nun concerto no que a veterana banda compostelá estará acompañada de Biribirlocke. Catorce novos temas que manteñen a personalidade da banda. Cancións ancoradas no rock, letras reivindicativas e temas urbanos complétanse con acompañamentos de metal e aires ska e mestúranse con propostas máis líricas en temas como Refachos ou Nada máis. Editado por Lobicán Records, o novo proxecto está a venda en formato físico e dixital.

Sés comeza a Tronzar os valos

Xénero: Pop | 11 / 3 / 2015

tronzar_os_valos_ses.jpg

O vindeiro 24 de marzo sae á venda da man de Fol Música o novo disco de María Xosé Silvar Sés. Tronzar os valos propón doce novos temas nos que se atopan blues, rock e ritmos latinoamericanos coa voz inconfundible e comprometida da cantante. De xeito previo ao lanzamento, están a se facer públicos os tres primeiros singles. Así, a Tronzar os valos e Opio barato, xa dispoñibles nas redes, seguirá o vindeiro 17 de marzo 2000 anos máis. A xira de presentación comezará o vindeiro día 27 no teatro Afundación de Vigo, e continuará o 28 no Pazo da Cultura de Narón.

Coanhadeira dá os seus Bicos con luvas

Xénero: Folk | 10 / 3 / 2015

bicos_con_luvas_coanhadeira.jpg

O Teatro Principal de Santiago acolle a presentación, o vindeiro 14 de marzo, do terceiro disco de Coanhadeira. Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding en Verkami, o grupo ourensán presenta Bicos con luvas, un proxecto que presenta cortes nos que o folk se mestura con toques de jazz. Batería, acordeón, bouzouki ou zanfona alíanse para artellar melodías complexas e sofisticadas que non abandonan a base tradicional. Gravado nos vigueses MuU! Estudios, o álbum Logo do concerto inaugural, a xira de presentación continuará por Ourense (Teatro Principal, 27 de marzo), Cangas (Salasón 5 de abril) e mais Vilar de Santos (A arca da Noe, 11 de abril)

Outro Felipe Villar Trío

Xénero: Jazz/Blues | 9 / 3 / 2015

outro_f_villar_trio.jpg

Un ano despois de Home, Felipe Villar Trío volta á escena discográfica con Outro. Logo de participar no ciclo Girando por Salas, a formación composta por Felipe Villar á guitarra, Jose Manuel Díaz ao contrabaixo e Max Gómez á batería lanza nove temas nos que a experimentación no jazz combínase con aires melódicos na guitarra de Villar. O volume, editado por Free Code Jazz Records, pódese escoitar en BandCamp e na páxina do músico. A xira de presentación comezou o pasado 4 de marzo no coruñés Jazz Filloa, e continuará por Vigo (17 e 18), e diferentes salas do Estado ata voltar a Compostela o 19 de xuño.

Ouvirmos publica as primeiras gravacións lucenses

Xénero: Folk | 5 / 3 / 2015

cantigas_aturuxos_1918_ouvirmos.jpg

O Salón de Actos da Deputación de Lugo acollía onte a presentación do último lanzamento da discográfica Ouvirmos no marco da súa colección A Tiracolo. O libro-CD Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio lucense. 1918 recolle en 188 páxinas a biografía desta histórica formación lucense da mana de Ramón González González. O disco inclúe ademais vinte temas entre os que se atopan os primeiros que se gravaron na provincia, en 1918. Entre eles, unha gravación tan importante como o primeiro rexistro sonoro do Himno Galego. O volume complétase cunha segunda xeira de gravacións realizada dez anos despois.

<< Inicio / Anterior . 651 a 660 de 1445 . Seguinte \ Fin >>