Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Sonia Lebedynski debuta en solitario con Deserto de centos

Xénero: Fusión | 29 / 4 / 2016

imaxe non dispoñible

Logo de pór voz en Fía na Roca e de colaborar en numerosos proxectos musicais, Sonia Lebedynski inicia carreira en solitario. O vindeiro tres de maio sae á venda Deserto de centos, un álbum no que a cantora revélase tamén como autora a mesturar tradición, folk, funk, pop ou música brasileira. O proxecto, desenvolvido con Sérgio Tannus, conta con colaboracións como as de Xosé Lois Romero, Guadi Galego, Uxía e Óscar Losada. A festa de presentación celebrarase o vindeiro 8 de maio no Miramar de Boiro, mentres a estrea ao vivo está prevista para o vindeiro 26 de maio en Compostela. Para as actuacións ao vivo Lebedynski estará acompañada de Sérgio Tannus, Carlos Freire, Roberto Comesaña, Martiño Domínguez, José Manuel Díaz, Manu Paino e Jose Luis Miranda, nunha formación que combina metais, percusión, cordas e acordeón entre outros instrumentos.

Unha ópera-rock en galego narrará o Alzamento de Pascua en Irlanda

Xénero: Miscelánea | 28 / 4 / 2016

the_rebel_cartaz.jpg

Pai e fillo, Miguel e Iván Caride, asinan The Rebel (O rebelde, unha ópera folk-rock na que se recrea o alzamento de Pascua en Irlanda, que se considera o punto de partida da independencia do país. Con Patrick Henry Pearse, líder dos rebeldes como eixe, o proxecto quere amosar a parte máis humana deste proceso, e faino cunha mestura de música, teatro, cine e artes gráficas. A obra, que se estrea o vindeiro 12 de maio no Auditorio Municipal de Ourense conta con Ledicia Piñeiro, Javier Octavio, José Manuel Mao e Mela Casal, baixo a dirección de Óscar Doviso. O espectáculo conta tamén cun número de danza irlandesa. Para alén da posta en escena, o proxecto inclúe dúas curtametraxes sobre o alzamento e un libro-disco no que se recollen dez temas en inglés e gaélico e no que os autores contan con colaboracións como a de Daniel Minimalia, Miguel Caride, Xabier Vaz ou Sebastián Mato entre outros.

Rebeliom do Inframundo renóvase con Lume e Rebeliom

Xénero: Hip-Hop | 26 / 4 / 2016

lume_rebeliom_r_inframundo.jpg

Cunha formación ampliada e anovada, Rebeliom no Inframundo publica o seu segundo álbum de estudio. O Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC) e Ichi Som (DJ) son agora os membros fixos do grupo, que conta tamén con contribucións a cargo de Movementss, Frank, 2Pas0s, Dj Rapu e J.CNNR. O novo disco Lume e rebeliom sae á luz da man de Língua Nativa e achega catorce temas nos cales o rock, o folk, o reggae ou a música electrónica se deixan sentir sobre a base de hip-hop que caracteriza o grupo. A denuncia socal mestúrase co lirismo íntimo nun proxecto que inclúe coas colaboracións da viguesa Íria Medranho e o cantante irlandés Brian Brody. A Farándula, en Vigo, acollerá o vindeiro 30 de abril a presentación do título.

NAO presenta o duplo EP Soñar-Crear

Xénero: Rock | 20 / 4 / 2016

nao_sonhar_crear_3.jpg

Santiago de Compostela acollía onte, 19 de abril, a presentación do novo proxecto discográfico de NAO. Trátase dun duplo EP que, co título Soñar-Crear sae en dúas partes e achega un total de nove composicións novas. En concreto, onde saía á luz a primeira parte, Soñar, que xa está dispoñible para libre descarga no web da banda. O disco, producido e gravado por Iago Pico, produtor dos seus últimos traballos, amosa "probablemente o son máis potente gravado" polo grupo nos seus catro temas. A edición física do mesmo incluirá ademais as versións que fixeron de Venceremos Nós e Porque este soño é necesario para un soño.

Gelria debuta por todo o alto con Cantos de poeta

Xénero: Melódica | 19 / 4 / 2016

cantos_poeta_gelria_promo.jpg

Naceu hai só dous anos, pero a banda Gelria debuta xa no mercado discográfico cun ambicioso proxecto. O vindeiro 23 de abril sae á venda Cantos de poeta, un álbum de debut no que o grupo percorre mediante catorce temas a historia da poesía galega desde o século XIX. Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra, Chus Pato ou, como non, o homenaxeado no Día das Letras, Manuel María, aparecen nas versións do trío composto por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano). O álbum, autoeditado, preséntase en formato libro-CD con fotografías de Juan Luis Rúa e ilustracións de Sonia García Vidal, ademais de textos en varias linguas e unha introdución de Xosé Lois Romero, que tamén colaborou nalgún dos temas. Por se fose pouco, o propio Manuel Rivas achega no libro unha serie de textos orixinais que serven de conexión entre os diferentes poemas recollidos no proxecto.

Viento de plata recupera as composicións de Bal y Gay e García Ascot

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 4 / 2016

viento_plata_balygay_ascot.jpg

O pouco coñecido traballo que realizaron para piano e para canto e piano a parella de compositores Jesús Bal y Gay e Rosa María Ascot acaba de ver a luz en Viento de plata. Jesús Bal y Gay & Rosa García Ascot. O álbum, que edita Columna Música, achega un total de trece pezas, das cales dez non foran gravadas nunca. Entre estas están as seis que García Ascot compuxo sobre poemas de Amado Carballo. A pianista Paula Ríos e a soprano Eva Juárez interpretan os temas neste álbum que saiu á luz co apoio da Xunta de Galicia, da Diputación de Lugo e do Concello de Santiago de Compostela

Oviravai súmase aos grupos galegos para crianzas

Xénero: Infantil | 5 / 4 / 2016

as_andanzas_paio_o_viravai.jpg

Un novo grupo incorpórase a xa longa lista de propostas musicais para os máis cativos da casa. Oviravai debuta na colección Sonárbore de Galaxia co libro-CD As andanzas de Paio. As peripecias dun teixugo aventureiro e dos seus amigos serven de base para dez temas nos que se mesturan diferentes estilos musicais. Laura Iglesias, Verónica Santalices, David Álvarez e Federico Welicki son os membros da banda, autores dos temas e tamén responsables das ilustracións. O Auditorio Municipal de Ourense acolle o vindeiro sábado 9 o concerto de presentación deste proxecto.

Novedades Carminha decláranse Campeones del mundo

Xénero: Pop | 4 / 4 / 2016

campeones_del_mundo_novedades_carminha.jpg

Da man de Ernie Récords, Novedades Carminha daba a coñecer o pasado 1 de abril o seu cuarto disco. Campeones del mundo amosa un xiro na carreira do grupo, cunha aposta polos ritmos máis bailables que non deixan fóra as letras irónicas e os tons punks dos seus comezos. Mesturas de rock e de electrónica coinciden en temas como Que Dios reparta fuerte, Lento ou Chispas relax que se poden escoitar tanto en formato CD como en plataformas dixitais. O álbum gravouse nos estudios sevillanos de La Mina con Hevi, de Malandrómeda como produtor.

Fanfarria Taquikardia convida ao Café Bar Sovia

Xénero: Fusión | 31 / 3 / 2016

cafe_bar_sovia_taquikardia.jpg

Logo de se facer coñecidos nas redes sociais polo vídeo no que se lle vía acompañar unha procesión cun himno anarquista, a Fanfarria Taquikardia presenta o seu segundo traballo discográfico. O conxunto de Candeán amosa en Café Bar Sovia que continúa a súa preferencia polos ritmos balcánicos e os sons festeiros que teñen levado por múltiples eventos dentro e fóra do noso país. A formación está composta por Isman Bass (baixo) Berto Cuchi (caixa pratos) Carlos Carlitos (bombo sen prato) Alejandro Chiru (Trombón) Petete (trompa) Garzón (trompa) Nico Ricón (saxo tenor) Lucas (saxo tenor) Rubén Chino (saxo alto) Candi (trompeta) Chus Potro da Madroa (Clarinete) e Harrinho (violín), e acaba de regresar dunha xira de presentación deste seu último traballo que os levou por Madrid, Barcelona, Valencia e o Bierzo.

Zoar debuta con No vento

Xénero: Miscelánea | 16 / 3 / 2016

no_vento_zoar.jpg

Logo de seis anos de actividade ao vivo e de proxectos conxuntos con diferentes compositores e artistas do país, como Elementa! ou Windbox, o quinteto de vento Zoar acaba de presentar o seu primeiro disco. Ouvirmos edita No vento, un álbum no que a formación se centra en compositores galegos, desde Martín Codax a Milladoiro, pasados polos arranxos de Xoán Durán "a través da sonoridade do quinteto de vento clásico, tan cheo de suxestións tímbricas coma de percepcións sinestésicas", segundo explican. Un total de dezasete pezas abranguen desde a música popular aos compositores do Rexurdimento e cobran vida da man e dos pulmóns de Álex Salgueiro, Antonio Suárez, David Villa, Benxa Iglesias e Joan Ibáñez, que continúan co seu proxecto de fusión e de encontros musicais.

<< Inicio / Anterior . 521 a 530 de 1395 . Seguinte \ Fin >>