Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre cantan á Galicia rural en desaparición

Xénero: Folk | 13 / 3 / 2020

catedrais_slienciadas.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible As Catedrais Silenciadas (Música de Salitre) o novo e terceiro disco xurdido da xuntanza de Xabier Díaz coas cantareiras Adufeiras de Salitre. Dez temas tradicionais arranxados por Díaz e entre os que hai unha panoplia da riqueza e diversidade da música de raíz: alalás, pasodobres, muiñeiras, ribeiranas e agarrados. O título do disco fai referencia á perda do mundo rural como desaparición cultural da identidade galega, un berro de alerta ante o seu progresivo despoboamento e a perda que isto implica. As Catedrais Silenciadas, din, son os vellos soutos milenarios, o idioma, os alalás, os nomes dos cons, as vacas ou as vellas ribeiranas. Os temas volven amosar a excelencia musical dos intérpretes e a súa sensibilidade contemporánea cara o tradicional. Os concertos previstos de presentación en directo deste traballo quedan pendentes de confirmación ante a alerta sanitaria actual pero xa se pode escoitar o traballo nas principais plataformas dixitais.

Xosé Lois Romero e Aliboria continúan a explorar a percusión en Latexo

Xénero: Folk | 12 / 3 / 2020

latexo_xl_romero_aliboria.jpg

"Trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical" é o obxectivo co que Xosé Lois Romero e Aliboria presentan Latexo, o seu segundo álbum de estudio. Da man da discográfica Raso chega ás tendas este proxecto con dez novos temas catro anos despois da presentación do grupo co seu disco homónimo.

David Regueiro Trío afonda no jazz Manouche con Areal

Xénero: Jazz/Blues | 9 / 3 / 2020

areal_david_regueiro_trio.jpg

O guitarrista e compositor David Regueiro continúa o seu traballo no ronsel de Django Reinhardt. Desta volta, en formato trío, presenta Areal, un LP no que o o jazz manouche, con influencias de swing americano e be-bop, impregna nove temas de composición propia. Acompañado de Iago Reigosa á guitarra e de Juyma Stévez ao baixo, a formación incorpora colaboracións de Sarunas Pupelis ao clarinete en dous temas e de Ismael Cabaleiro ao violín noutro máis. O proxecto, autoeditado e gravado polo propio Regueiro está a iniciar este mes de marzo a súa xira de presentación. O Garufa Club da Coruña acollerá o vindeiro día 15 a presentación do álbum, e o tour continuará por Vigo (20 de marzo), Compostela (2 de abril), Zaragoza (9 de abril), Barcelona (10 de abril) e Bueu (14 de maio).

Xico de Carinho presenta 'Na harmónica', o seu primeiro disco en solitario

Xénero: Fusión | 5 / 3 / 2020

imaxe non dispoñible

A Associaçom José Afonso-Galiza e a Gentalha do Pichel de Santiago organizan hoxe un acto de presentación do libro-disco Na harmónica, de Xico de Carinho, editado pola Central Folque. O acto, que contará coa cantautora Alba María ademais do propio Xico de Carinho, será ás 20:30 h. na Gentalha do Pichel (rúa de Santa Clara, 21) en Santiago de Compostela. A entrada é libre. Francisco Peña Villar, Xico de Carinho (Cariño, 1940), é unha personalidade singular, que foi punto de conexión de José Afonso con Galiza desde os anos 70, cando se coñeceron en París, até a homenaxe de 1985 no parque de Castrelos, organizada polas Asociacións Culturais e o xornal A Nosa Terra. No limiar de entrar na súa oitava década, Xico presenta o que é o seu primeiro disco propio, coas constantes do seu repertorio galego e luso-brasileiro orbitando arredor da harmónica, o instrumento máis amado por el. Con este libro disco inaugúrase Zeca, a nova colección de Libros-Cd de aCentral Folque.

MJ Pérez amplía rexistro con A luz prendida

Xénero: Cantautor | 3 / 3 / 2020

luz_prendida_mj_perez.jpg

Un proxecto autoeditado e autoproducido, no que a autora desenvolveu mesmo o deseño gráfico. Esta é a proposta de MJ Pérez para A luz prendida o seu cuarto álbum (segundo de estudio) que saíu á venda este 1 de marzo. A cantautora presenta quince temas nos que amplía o seu rexistro musical a explorar ritmos latinos, toques folk ou orientacións cara á música do mundo, indo para alén do seu pop-rock máis habitual.

Son Trío sacan o seu primeiro disco 'Miña Almiña'

Xénero: Melódica | 2 / 3 / 2020

minha_alminha_SonTrio.jpg

Talvez poñer na rúa un disco completo xa non sexa un requisito fundamental para formar parte da escena musical ao cento por cento, pero facelo aínda ten o seu mérito ademais do seu traballo, por iso a presentación do primeiro disco longo de Son Trío, o álbum Miña almiña (Autoeditado) segue a ser un acontecemento. A Casa de Rosalía, en Padrón, acolleu o momento en que o trío formado por Katerina Linke (piano e composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello) amosaba en directo os temas que vertebran este seu disco. O sitio era o máis acaído toda vez que Miña Almiña son 9 cancións con música orixinal e letra de Rosalía de Castro. Melodías intimistas e elegantes, aproveitando os rexistros do cello e o piano para viaxar do jazz á clásica e á música tradicional, sempre en códigos contemporáneos.

Emilio Rúa presenta en Mondoñedo Novelovento

Xénero: Cantautor | 28 / 2 / 2020

novelovento_emilio_rua.jpg

Ao longo deste venres 28 de febreiro o Concello de Mondoñedo celebra unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro. Na mesma, para alén dunha maratón de lectura de Merlín e familia e dunha ofrenda floral, desenvolverase o nomeamento de Víctor F. Freixanes como "Cunqueiriano de honra". No programa inclúese tamén a presentación de Novelovento, novo disco de Emilio Rúa no que o músico adapta catorce poemas que o mindoniense publicou na súa obra Herba aquí ou acolá. O volume, publicado en formato libro-CD ve a luz da man da editorial Galaxia.

Sés amosa boa saúde en 'Liberar as arterias'

Xénero: Cantautor | 21 / 2 / 2020

Ses_liberararterias.jpg

Un poema de Luz Fandiño dá título ao sétimo álbum de María Xosé Silvar "Sés", que hoxe mesmo sae ao mundo da man de Altafonte. Liberar as arterias é tamén a única das doce cancións do disco homónimo cuxa letra non é da propia Sés, no resto dos temas a cantautora asina letras e músicas. Como se agarda dela, Sés, mantén viva e saudable a súa mensaxe de denuncia social ao longo de todo o álbum que, de novo bebe musicalmente do legado dos cantautores latinoamericanos que desde os anos 60 marcaron a historia musical da conflitividade política tanto nos países americanos como na España da ditadura e a transición. Coherente con esta liña que estaba tan presente no anterior Rabia ao silencio(Altafonte, 2019) están cancións como a que dá titulo ou Quen son os meus, O silencio non marcha e Na fronteira, por exemplo. Pero ademais nesta ocasión Sés ofrece ao longo do disco cortes nos que teñen sitio con bo resultado – como xa fixera en anteriores discos- sons do rock máis electrico, o soul, o blues ou o jazz funk coma en Para a curación, Trampa de odio, Mafia, na que semella saldar contas pendentes moi concretas, ou esa contundente Espiña sen rosa no que se declara con forza: "prefiro ser herba mala que camelia pra lucir". As presentacións en directo en na América do Sul xa tiveron lugar durante este mes de febreiro e agora comeza a súa xira peninsular o vindeiro día 28 na sala barcelonesa Luz de Gas. O primeiro concerto en Galicia terá lugar o 6 de marzo no teatro Afundación de Vigo. Na Coruña e Pontevedra tamén hai previstas actuacións.

Monoulious DOP presenta o seu Black Album cun concerto en Compostela

Xénero: Pop | 13 / 2 / 2020

black_album_monoulious_dop.jpg

Catorce novos temas compoñen Black Album o novo lanzamento do dúo Monoulious DOP, cancións de ton festivo e humorístico que ironizan sobre os máis diversos aspectos da nosa sociedade. Os selfies, a hipocrisía, as redes sociais ou o Tinder non escapan da crítica desenfadada do grupo. Desta volta, os ritmos funk, o pop e mesmo toques disco (Millenial) substitúen os sons máis roqueiros do seu anterior traballo. A banda presenta este sábado 15 o seu último traballo cun recital na Sala Capitol ás 21 horas. Os estudios Bungalow acolleron a gravación do disco, para o que o grupo desenvolveu un crowdfunding co que recadaron 6.800 euros.

O Festival Metropolitano Elas son artistas achegará 10 de días de música e arte a oito concellos

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2020

imaxe non dispoñible

Unha das citas máis refrescantes do país, o Festival metropolitano de música e artes pola igualdade, Elas Son Artistas, ven de presentar a súa terceira edición. O Teatro Colón da Coruña, cidade epicentro do evento que se desenvolve en oito concellos da área metropolitana, acolleu o acto de posta en público do festival. Os concellos de A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros e Sada acollerán este ano 10 días de actividades que irán do 17 ao 26 de abril, e que farán unha homenaxe á raíña da música soul, a desaparecida Aretha Franklin. Así un dos grandes atractivos da programación deste ano é a estrea na cidade da Coruña do documental Amazing Grace, unha peza de cine en directo en torno á gravación dese álbum, unha das cimas creativas de Aretha Franklin. O programa multidisciplinar ten as mulleres creadoras como protagonistas e vai dirixido a un público de mente aberta, que se achega a diversas artes e diversos espazos, e incluso a diversos estilos dentro da música.

<< Inicio / Anterior . 311 a 320 de 1442 . Seguinte \ Fin >>