Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Boyanka Kostova saen a rachar co novo disco 'Os dous de sempre'
Xénero:
| 18 / 6 / 2020Boyanka Kostova viña de sacar Nova Canción Galega (Mushroom pillow, 2019) e non agardou moito antes de dar outro paso, neste caso con Os dous de sempre(Mushroom Pillow) tiran xutamente do título da novel de Castelao para facer un traballo que achega aínda máis os cernes da música tradicional ao trap en galego do que son un referente. Con este novo álbum os Boyanka van con toda liberdade nos seu sete temas, explorando e incluíndo detalles como un "sampleado" dun dos diálogos de Ernesto Chao en Pratos Combinados para o tema Restaurantes. Son inevitables, escoitando temas como Muinheira de Interior co que fixeron o lanzamento en vídeo, as lembranzas de aqueles temas de Os Resentidos no revolucionario Fai un sol de carallo (Grabaciones Accidentales, 1986) e eles mesmo declaran a súa condición de herdeiros neste sentido. Boyanka Kostova utilizan sen miramento os ritmos e sons urbanos para dar voz ao entorno rural. Tampouco rexeitan tirar da súa perspectiva aceda para tratar asuntos de actualidade como a controvertida personalidade do alcalde de Vigo en Abel the Knight. Noutros dos temas o dúo mantén un enfoque hip-hop máis ortodoxo. O disco tamén permite ao dúo formado por O Chicho do Funk e $aibran Gx2 tirar deses ritmos tropicais que forman parte da súa carta de presentación, tanto neste proxecto coma noutros paralelos que manteñen.
Zënzar actualizan o futuro ao que apuntaban en 1997 co seu novo disco
Xénero:
| 16 / 6 / 2020Xa está dispoñible o novo disco da veterana banda de rock de Cerceda, Zënzar. Benvidas ó futuro (Inquedanzas Sonoras, 2020) é o décimo traballo deste grupo de punk rock que leva trinta anos facendo soar os decibelios, sempre cunha mensaxe combativa que retrata os seus tempos. Por primeira vez na historia de Zënzar, un disco é composto, gravado e deseñado unicamente por membros da banda. Coa referencia clara e actualizada ao seu primeiro disco Disparado ó futuro, neste novo traballo o grupo inclúe revisións dalgúns temas do seu pasado e novas composicións nas once pistas da súa edición estándar. Tamén está dispoñible unha edición especial en USB que inclúe unha selección de 32 temas de discos (e unha maqueta) anteriores. Como exemplo desa mestura entre o novo e o anterior os dous temas cos que Zënzar fixo avances deste Benvidas ó futuro, son a revisión dun dos seus clásicos, A culpa foi de Leño, e unha das novas composicións, Todo se extingue, asinada por todos o compoñentes actuais da lonxeva formación: Laura Romero, Manolo García, Mario Grela, Paco Cerceira e Xosé Ramón Bocixa. Ademais xa teñen dous vídeos dete novo álbum: o de A culpa foi de Leño, e Standing Rock
Guadi Galego e Xabier Díaz actuarán o 4 de xullo nun grande evento adaptado en Pontevedra
Xénero:
| 8 / 6 / 2020A música galega volve a buscar reunir á cidadanía nunha experiencia colectiva con seguridade. O Concello de Pontevedra, na súa aposta pola volta á normalidade da cultura e en concreto da música ao vivo ven de presentar a celebración dun concerto especial no exterior do Pazo da Cultura a cargo de Xabier Díaz e Guadi Galego o vindeiro 4 de xullo. O evento será o xeito de fusionar os ciclos Voices e As Matinés do Principal, celebrados no Pazo da Cultura e o Teatro Principal, que deste xeito cobrarán vida nun espazo exterior onde se poidan levar a cabo os protocolos necesarios e asegurar as condicións de seguridade sanitaria previstas ao tempo que se promove o encontro da cidadanía arredor da cultura galega.
Esposa comparten dor e ilusión lanzando dous EP ao tempo
Xénero:
| 5 / 5 / 2020O grupo Esposa ven de deixar nas plataformas dixitais dous traballo ao tempo, os EP É o que hai e Belo Horizonte, cos que xuntan oito temas , algúns deles xa presentes en discos colectivos e outras que son versións adaptadas de outros autores do seu universo referencial. Estes son os primeiros lanzamentos da banda despois daquel LP de debut Xardín interior (2017). En Belo horizonte agrúpanse os catro temas de composición propia, o que dá nome ao disco é un tema composto e interpretado coa banda Pantis e os outros tres apareceron anteriormente en recopilatorios colectivos como Galician Bizarre 3 (Autoeditado, 2018), no libro disco conmemorativo editado pola sala ourensá Torgal en 2018 ou, coma no caso de Belo Horizonte en Nada(l). 13 panxoliñas orixinais de 13 bandas galegas actuais (Xonix Records, 2017). No caso de É o que hai o cuarteto ofrécenos a súa revisión de catro temas de artistas de referencia como Yo La Tengo ( Ohm), Modern Lovers, cun Pablo Picasso cuxa versión lírica inclúe autorreferencias dos porpio Esposa; os Feelies (É o que hai) e tamén de Billy Bragg coa coñecida New England trocada aquí en Pra que serve esta canción? nunha adaptación libre. Todas elas, dos dous Ep, en galego.
Nace Tradi Na Rede, a primeira escola virtual privada de música e baile tradicional
Xénero:
| 29 / 4 / 2020Antonio Prado, Noa Migal e Miguel Vázquez son os mestres que están detrás de Tradi Na rede, a primeira escola virtual privada para achegarse ao mundo da música e baile tradicional. A nova escola ábrese xustamente neste momento no que a aprendizaxe a través de redes está normalizándose pola vía de ser a única opción, e aspira a manterse no tempo, pudendo obter un alcance global. Usando vídeos semanais con material adicional que completará a aprendizaxe dende a casa, así como contidos xerais para toda a escola estes tres mestres ofrecen na plataforma inicialmente cursos de iniciación a tres especialidades: baile, gaita e pandeireta, así como obradoiros que se publicarán nas vindeiras semanas. Os tres atesouran experiencia docente e profesional nos seus campos. Prado e Migal forman parte do grupo Xosé Lois Romero & Aliboria e Miguel Vázquez dirixiu Grupo da Música da A.C. Xacarandaina entre os anos 2009 e 2017. Os tres son docentes habituais das materias que agora van impartir de xeito virtual a través de Tradi Na Rede pero tamén ofrécense para levar a cabo cursos presenciais.
SonDaRúa saen co seu primeiro disco longo 'Eterno combate'
Xénero:
| 27 / 4 / 2020SonDaRúa, o grupo de hip hop formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, ven de presentar Eterno Combate (PlayPlan 2020), o seu primeiro disco de longa duración tras o lanzamento do EP Liberando mentes (2018). SondaRúa plasma neste novo traballo o seu estilo, que sempre bebe da ironía, da musicalidade no fraseo e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política. Eterno Combate non defrauda nin en contido nin en calidade de produción, ofrece 12 cortes en galego nos que o trío conta coas colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas e Ezetaerre. O disco é unha proposta ecléctica na que teñen cabida unha morea de estilos musicais; dende o rap clásico ao máis puro estilo 90’s, pasando polo ska, o rock e chegando aos sons máis característicos do reggae e a fusión.
Malraio presentan 'Demo' o primeiro disco longo
Xénero:
| 21 / 4 / 2020A banda compostelá Malraio ven de sacar o que é o seu primeiro disco longo. Máis dun ano despois de meterse a gravar de xeito autoxestionado os Malraio puxeron desde onte no seu Bandcamp o disco Demo cos seu oito temas e presentaron xa un videoclip coa canción Ninja. Ata o de agora a banda tiña un EP, Prótese (2017). O resultado da gravación e mestura reflicte perfectamente a potencia do grupo comprobable nos directos que levan dado nestes anos. Carga garaxeira de guitarras, nalgúns casos psicodélicas noutros ata o shoegaze ou o rock gótico postpunk máis escuro, pero sempre con temas que moven pes e cabezas para non deixar de encher de baile a súa escoita ao estilo máis R&R. Malraio demostran tamén coas súas letras, en galego, densidade intelectual e capacidade para crear retrousos ou frases que quedan no aire para quen as escoita. É o caso do tema de lanzamento, Ninja, moi acaída para o momento por pura casualidade pero co tema universal dos medos amplificados polos medios de comunicación. Pero tamén pasa con grande temas como A dor ou A redonda. A banda agarda que ata que poidan comezar dar concertos, o seu esforzo produtivo poida compensarse coa venda da ´sua música en formato físico, en CD. Demo foi gravado en febreiro de 2019 nos estudios Potemkin de Santiago de Compostela por Jacobo Iglesias e Dani Blanco. Algúns arranxos e overdubs foron regravados e producidos por Fon Botana.
Entre Trastes presenta o seu álbum Umami, gravado ao vivo
Xénero:
| 14 / 4 / 2020Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding o cuarteto Entre Trastes lanzou Umami, un álbum ao vivo que recolle a actuación da banda na gala dos Premios Opinión de Música de 2019. A seguir a liña da banda, o disco recolle nove temas de folk acústico interpretado polas cortas de Álvaro Iglesias (Contrabaixo), Xosé Liz (Bouzuki, Mandolina), Daniel Vilar (Guitarra acústica e española) e Hugo Franco (Guitarra acústica). Temas propios que beben da tradición musical galega, acompañada de achegas de bluegrass, música bretoa, irlandesa ou escocesa, entre outras influencias.
Puro Ocio é o debut discográfico de Verto
Xénero:
| 8 / 4 / 2020Logo de revolucionar as redes coa súa actuación en Luar a presentar o tema Oie Gayego, Verto lanza o seu primeiro álbum. Puro Ocio achega sete temas nos que o dúo de Alberto Mira "Berto" e Fernando Peleteiro "Fer" continúan coa súa fusión de trap con toques latinos e elementos ambientais, a cantar sempre en galego. Repasos cantados da propia historia do grupo, retratos do ambiente compostelán e expresións de teimas e desexos íntimos combínanse en temas alegres e reflexivos. Puro Ocio, autoeditado e producido de xeito doméstico, está dispoñible en Spotify e Youtube e súmase aos cinco singles previos que o grupo fora publicando desde 2019.
Luar na Lubre avanzan dous temas do seu seguinte disco sobre o Camiño de Santiago
Xénero:
| 27 / 3 / 2020Luar Na Lubre estrea hoxe dous temas novos de adianto do seu seguinte traballo discográfico Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos. As pezas Benvido e Mártiros e o vákner son os primeiros cortes que se avanzan do 19º disco da banda, un álbum no que Luar Na Lubre explora os escritos, as lendas, as sonoridades e as pegadas que os peregrinos deixaron a través dos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio galego. A saída do disco estaba prevista para o vindeiro 17 de abril e foi posposta, aínda sen nova data, ao igual que os primeiros concertos de presentación directo. O primeiro dos temas, Benvido, é un canto de benvida e de presentación aos peregrinos que chegan a Galicia a través do Camiño e conta coa colaboración da voz de Miguel Ríos que rexistra por vez primeira un tema en galego; mentres que o segundo, Mártiros e o vákner, pon o foco sobre a lenda da ruta xacobea que aborda a peregrinación do armenio Mártiros e o seu encontro nos montes de Dumbría cunha besta maligna á que nomeou vákner. O disco conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Os temas xa están dispoñibles en plataformas dixitais (iTunes, Deezer, Tidal, Spotify e Amazon).