Malraio presentan 'Demo' o primeiro disco longo
abril 21, 2020
A banda compostelá Malraio ven de sacar o que é o seu primeiro disco longo. Máis dun ano despois de meterse a gravar de xeito autoxestionado os Malraio puxeron desde onte no seu Bandcamp o disco Demo cos seu oito temas e presentaron xa un videoclip coa canción Ninja. Ata o de agora a banda tiña un EP, Prótese (2017). O resultado da gravación e mestura reflicte perfectamente a potencia do grupo comprobable nos directos que levan dado nestes anos. Carga garaxeira de guitarras, nalgúns casos psicodélicas noutros ata o shoegaze ou o rock gótico postpunk máis escuro, pero sempre con temas que moven pes e cabezas para non deixar de encher de baile a súa escoita ao estilo máis R&R. Malraio demostran tamén coas súas letras, en galego, densidade intelectual e capacidade para crear retrousos ou frases que quedan no aire para quen as escoita. É o caso do tema de lanzamento, Ninja, moi acaída para o momento por pura casualidade pero co tema universal dos medos amplificados polos medios de comunicación. Pero tamén pasa con grande temas como A dor ou A redonda. A banda agarda que ata que poidan comezar dar concertos, o seu esforzo produtivo poida compensarse coa venda da ´sua música en formato físico, en CD. Demo foi gravado en febreiro de 2019 nos estudios Potemkin de Santiago de Compostela por Jacobo Iglesias e Dani Blanco. Algúns arranxos e overdubs foron regravados e producidos por Fon Botana.