Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Guadi Galego e Xabier Díaz actuarán o 4 de xullo nun grande evento adaptado en Pontevedra

A EXPLANADA DO PAZO DA CULTURA ACOLLERá ESTE CONCERTO ASEGURANDO AS MEDIDAS SANITARIAS

Guadi Galego e Xabier Díaz actuarán o 4 de xullo nun grande evento adaptado en Pontevedra

MISCELáNEA | xuño 8, 2020

imaxe non dispoñible

A música galega volve a buscar reunir á cidadanía nunha experiencia colectiva con seguridade. O Concello de Pontevedra, na súa aposta pola volta á normalidade da cultura e en concreto da música ao vivo ven de presentar a celebración dun concerto especial no exterior do Pazo da Cultura a cargo de Xabier Díaz e Guadi Galego o vindeiro 4 de xullo. O evento será o xeito de fusionar os ciclos Voices e As Matinés do Principal, celebrados no Pazo da Cultura e o Teatro Principal, que deste xeito cobrarán vida nun espazo exterior onde se poidan levar a cabo os protocolos necesarios e asegurar as condicións de seguridade sanitaria previstas ao tempo que se promove o encontro da cidadanía arredor da cultura galega.

Todo isto responde á política de non cancelación que se levou a cabo na cidade do Lérez durante o confinamento, buscando diferentes formatos que permitiran levar a cabo a programación ou manter os compromisos para buscar, como é o caso, novas vías de levalos a cabo. Xabier Diaz e as Adufeiras de Salitre estaban programadas para As Matinés do Principal o pasado mes de maio e Guadi Galego para outubro dentro de Voices. A explanada do Pazo da Cultura, permite reunir unha gran cantidade de público levando a cabo todas as medidas e adaptando e deseñando o espazo en concreto para este evento. Este concerto será o primeiro da prevista e truncada xira de presentación do novo traballo de Xabier Diaz e as Adufeiras de Salitre, As catedrais silenciadas que quedara sen comezar sequera por mor da pandemia. Pola contra este concerto, significará para Guadi Galego cambiar a data do que sería o seu concerto de peche de xira do álbum Immersión, previsto para outubro. As entradas estarán dispoñibles a partir do mércores 10 de xuño a través de Ataquilla.com a un prezo único: 18€ (+ gastos de xestión).