Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Ruxe Ruxe presentan o seu novo traballo 'O estraño falar dun monstro da aldea'
Xénero:
| 12 / 2 / 2020Ruxe Ruxe presentan un novo traballo de estudio e con este xa van 12 discos nos 23 anos de traxectoria da banda compostelá. Con O estraño falar dun monstro da aldea (Autoeditado), a banda liderada por Vituco Neira ofrece 15 novos temas coherentes coa súa traxectoria de punk rock en galego e combat rock, compostos polo propio Neira. O novo traballo consegue ademais un son moi pulido e eléctrico, potente como corresponde a unha banda que nunca perdeu de vista as súas maneiras loitadoras, pero dando ademais un paso adiante grazas á calidade da gravación efectuada nos estudios Gárate (Euskadi) coa produción de Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu). Como xa é marca da casa, a contundencia guitarreira e da percusión vese ben acompañada con instrumentos de vento como a gaita, harmónica ou saxo en varios dos temas do novo disco. As letras, sempre apegadas no amor ao país e ás súas mensaxes de punk combativo crítico co poder reflicten tamén nalgún dos temas reflexións de perspectiva vital engadindo variedade e profundidade a un sempre potente discurso. A banda xa presentou en avance tres vídeos con primeiras cancións e este vindeiro venres, 14 de febreiro, na Sala Capitol de Santiago farán a presentación en directo ante a súa numerosa parroquia de fieis cun moi posible cheo. O disco xa está dispoñible en tendas e plataformas dixitais.
As primeiras Xornadas sobre a festa galega tratarán a reivindicación das verbenas como BIC
Xénero:
| 11 / 2 / 2020O mundo profesional da festa tradicional galega e a verbena vai dedicar os vindeiros días 12 e 13 de febreiro a reunirse na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e levar a cabo a primeira edición das Xornadas sobre as festas onde se celebrarán diversas mesas redondas con debate más cales se analizarán as principais cuestións que afectan o mundo das Festas nestes intres (Patrimonio, Lei de Espectáculos, Convenio Laboral, etc.). O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurará as xornadas dando paso a unha mesa de debate sobre A festa como patrimonio da cultura galega, no que se tratará da petición de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial da verbena galega que está a ser impulsada desde o mundo das orquestras. Outra das mesas tratará o tema da representación artística na verbena. As xornadas promovidas pola Asociación de Orquestras de Galicia (AGO) e a Asociación de Representantes Técnicos de Galicia (ARTEGAL) contarán coa presenza de especialistas en cada tema para aclarar as últimas novas con respecto as festas e coa representación de tódolos axentes do sector (Oficinas de Espectáculos, Axentes e Orquestras) ademais da colaboración de ASEVEGA (Asociación de Empresarios da Verbena). Os debates están abertos ao público en xeral.
Paco Montero musica oito poemas de Carballo Calero nun libro CD
Xénero:
| 4 / 2 / 2020Logo de o presentar o pasado dez de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol, está a chegar ás tendas o libro CD Paco Montero canta a Lumieira Poética de Carvalho Calero. O que foi cantante dos Tamara musica oito poemas do homenaxeado no Día das Letras deste 2020 nun volume que conta con prólogo de Vicente Araguas e no que colaboran intérpretes como Francisco Teixido (Treisi), Jesús Fernández, Frank Rodríguez, Carlos Godel, Ramiro Cartelle e mais Belén García e Ana Buche, que interpretan A Canzón das Lavandeiras. O álbum complétase con catro temas do propio Montero nos que homenaxea a Pucho Boedo, a cidade de Ferrol, o atleta Javier Gómez Noya e mais o actor Javier Gutiérrez. O disco gravouse nos estudios Penteo de Ferrol.
A exposición 'Xirarei' fai unha homenaxe a corenta anos de deseño de discos
Xénero:
| 22 / 1 / 2020A exposición Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995 percorre 40 anos de deseño de cubertas a través de case 600 pezas no Auditorio de Galicia, en Santiago. Comisariada por Fausto Isorna, esta mostra parte do disco de Joselín do ano 1955, primeiro EP con ilustración na portada do que hai constancia; desde aí faise unha viaxe de 40 anos levará aos visitantes desde as primeiras portadas xenéricas, onde o deseño aínda era secundario, ata o momento no que adquire presenza con nomes como Pepe Barro, Xoán Piñón ou Victor Aparicio. En palabras do comisario "estamos ante un proxecto expositivo que non pretende ser unha revisión cronolóxica ou histórica no eido da música en Galicia, senón unha homenaxe ao vinilo e a carpeta nun 'safari tipolóxico' de portadas que se agrupan e relacionan por temas como a Catedral, Sargadelos, os gaiteiros ou o traxe galego, a paisaxe, a bandeira, os deseños máis modernos ou minimalistas, as portadas con fotografías ou aquelas que recollen obras de pintores como Luis Seoane, Laxeiro, Joán Miró, ou portadas como a do disco 'Anduriña' de Juan e Junior ilustrada cun cadro de Picasso".
O grupo de rock Grilo pon música á derradeira carta de Alexandre Bóveda
Xénero:
| 17 / 1 / 2020O grupo compostelán Grilo presentará o vindeiro día 31 de xaneiro na Sala Capitol de Santiago o seu primeiro disco de longa duración (Seisepés Producións Creativas, 2019), un traballo que se pecha coa canción Xandre, que pon música á derradeira carta escrita por Alexandre Bóveda, asesinado polos fascistas que deron o golpe de Estado o 17 de agosto de 1936. O pasado 15 de xaneiro tivo lugar un encontro dos integrantes do grupo de rock con Valentín García Bóveda e Amalia Bóveda -representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da familia Bóveda - co obxectivo de facerlles chegar aos organismos que representan a canción editada pola formación compostelá. No encontro, Adrián, Alberte e Miguel, membros do grupo, fixéronlles entrega a Valentín e Amalia, neto e filla de Bóveda, dunha lámina conmemorativa coa letra completa da canción, así coma de convites para o concerto de presentación e discos en formato físico.
O SonRías Baixas espállase por toda Galicia chegando a Portugal e o Bierzo
Xénero:
| 13 / 1 / 2020O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto en Bueu pero previamente a iso e por vez primeira o evento espállase esta primavera por toda a xeografía galega, celebrando festas de presentación ao longo do mes de marzo en A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto. A organización do evento, capitaneada pola produtora Play Plan, quere converter estes "petiscos de música e filosofía SonRías" nun punto de encontro entre artistas e público, ao tempo que achegan a súa proposta musical e festiva a novos públicos dentro e fóra das fronteiras galegas, neste caso en Portugal e León. A idea de levar a marca dun festival máis alá da súa localización e datas xa a viña facendo en Galicia o festival Atlantic cos Atlantic Days e sae dun mellor aproveitamento das estruturas e loxísticas profesionais que o éxito destas propostas van facendo medrar no tecido das industrias culturais. A primeira destas festas coa que SonRías promociona a súa marca terá lugar o vindeiro 5 de marzo na cidade lusa de Porto coa actuación de García Mc & Nación Quilombo + SonDaDúa na sala Maus Hábitos. Sete concertos despois será a festa final na Sala Capitol de Santiago o sábado 21 de marzo con Muyayo Rif e Poetarras coincidindo co concerto en Ponferrada de Dakidarría en acústico + SonDaRúa. Podes atopar toda esta información no popular portal de xogos gratuítos.
Osa do Mar confirma edición e avanza cartel
Xénero:
| 8 / 1 / 2020O festival Osa do Mar de Burela, ven de adiantar unha parte do seu cartel e confirmar as datas da súa vindeira edición. O evento, un dos poucos festivais gratuítos de música independente e alternativa, resiste co seu modelo entre o acénao de festivais de verán e celebrarase de novo na localidade lucense arredor da praia da marosa da que sacan o seu nome os días 14 e 15 de agosto. Once nomes de banda de moi variados estilos chegan neste primeiro anuncio da organización do festival e entre elas hai moitos grupos da escena musical galega. Así pasarán polo Osa do Mar o combo caboverdiano- burelán Batuko Tabanka & Bando Krioula e tamén están os composteláns Blanco Palamera e Ezetaerre, os muradáns The Rapants, os coruñeses The Wonderminds e o vigués Sen Senra. Ademais deles actuarán en Burela unha das bandas máis populares da música alternativa independente como Derby Motoreta's Burrito Kachimba, os madrileños KITAI, Parquesvr, Grande Amore e Grande osso.
aCentral Folque lanza Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade
Xénero:
| 12 / 12 / 2019Xavier Groba asina o último lanzamento de aCentral Folque na súa colección Chave Mestra. Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade é un libro-CD que recolle un cancioneiro musical inédito do homenaxeado no Día das Letras deste 2019, unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas e gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal entre outros.
GZMúsica edita unha video-lista dos temas galegos máis escoitados en 2019
Xénero:
| 9 / 12 / 2019A colleita musical deste ano que xa está a dar os derradeiros pasos resultou, unha vez máis, moi completa e variada, chea de calidade e de creatividade. O magazine GZMúsica ven da presentar unha lista de reprodución en YouTube de 101 videoclips de artistas galegos que este ano foron os que máis soaron, os máis reproducidos. Para iso, a equipa de estatísticas de GZmúsica levaron a cabo, segundo eles mesmos din, unha análise das reproducións de cancións nas diversas plataformas habituais de música : número de reproducións en Youtube e Spotify, o número de seguidores nestas plataformas dixitais e noutras como Deezer, bandcamps dos artistas, tempo de publicación, etc. O resultado son máis de 6 horas de creatividade musical e tamén audiovisual feitas no país. A meirande parte das cancións son en galego, pero tamén hai espazo para algunha en outros idiomas. Os estilos son do máis variado, desde o rock ao reggae, a música electrónica, ou o trad, entre outros e os nomes daas bandas e artistas poden ser daqueles máis coñecidos como de outros emerxentes ou que teñen un nicho fiel de seguidores.
A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'
Xénero:
| 5 / 12 / 2019En decembro de 2017 saíu á rúa o primeiro traballo discográfico da Banda da Loba, Bailando as rúas (Seispés). Tras o gran éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, preséntannos agora o seu novo traballo, Fábrica de luz no que estas cinco mulleres ofrecen doce novas cancións baixo o seu particular estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk, etc. Segundo elas Fábrica de luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. Así, a banda ve na lingua e a terra as primeiras nais, fábricas de luz. "As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz", din no comunicado de saída deste traballo. Ademais o disco fai unha chiscadela á música dos 80 coas súas luces e cores, que xa é visible no seu primeiro vídeo Fabricando luz cunha chamada ás discotecas, tanto no ritmo de base como na estética de luces e brillos. Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) son os "cinco motores" desta formación que se define como banda feminina que fai música "con M de muller". O traballo xa foi obxecto dunha presentación no Culturgal, pero será o vindeiro1 8 de xaneiro de 2020 na Sala Capitol de Compostela onde se fará a presentación principal antes de continuar cunha xira que as levará por toda Galicia nos vindeiros meses e que pronto anunciarán.