Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A música entra polos portos de mar
Xénero:
| 8 / 10 / 2021'Porto Maresía' e 'Noites do Porto' son dúas iniciativas que veñen de ser presentadas con apenas días de diferencia e que coinciden en ofrecer ciclos de concertos nun contexto de cidades costeiras portuarias, e mesmo usando algunhas das infraestruturas a tal fin. As instalacións do Palexco, no porto da Coruña coinciden en ambos programas. Do 29 ao 31 de outubro, nos terreos portuarios desas instalacións terán lugar os concertos abrindo con iso este espazo simbólico da Coruña á cidadanía. Alí instalarase o escenario e a carpa para as tres sesións, nas que o público poderá gozar de pé da música dos andaluces Derby Motoreta's Burrito Kachimba e Califato ¾ (29), Bad Gyal (30), e Xoel López e Ángel Stanich (31). O ciclo está organizado desde a promotora Masgalicia e de momento, a capacidade máxima será de 1.000 persoas de pé, mais agardan poder aumentala a 1.500.
A gaita e os seus intérpretes nas paredes do museo
Xénero:
| 29 / 9 / 2021O Museo de Pontevedra inaugura mañá a exposición "Gaiteiraos" no claustro do edificio Sarmiento. Esta mostra presenta un total de 35 debuxos de recoñecidas gaiteiras e gaiteiros de Galicia feitos polo artista César Lombera, moi coñecido pola súa faceta de escultor. A través destes 35 debuxos Lombera pretende reivindicar a figura do gaiteiro como un exemplo do patrimonio inmaterial galego. Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, Susana Seivane, Carlos Núñez, Cristina Pato, Os Trinta de Trives, o gaiteiro de Guillarei e os de Soutelo, son algunhas das persoas representadas nos gravados reunidos nesta mostra que abrirá ao público tralo acto de inauguración que terá lugar o xoves, día 30 de setembro, ás 20:00 h e poderá visitarse ata o 28 de novembro. O capitel de Melide, unha peza do século XIV pertencente á colección do propio museo provincial, complementa esta proposta expositiva dado que representa nunha das súas faces unha escena musical que inclúe un laúde e unha gaita. Na mostra, ademais, poden coñecerse explicacións sobre a orixe da gaita e a súa área de expansión.
Cita co rock galego para o outono na Estrada
Xénero:
| 29 / 9 / 2021Un novo festival ven de sumarse ao circuíto galego destes eventos e faino deslocalizándose temporal e xeograficamente , colocándose no calendario de outono escaso destes eventos, centrándose no rock de artistas e bandas galegas e ademais convocando desde a Galicia interior, na Estrada, unha localidade que xa tivo algúns intentos previos de organizar este tipo de evento, sen resultado ata agora. A primeira edición do festival Son dos arrieiros da Estrada, organizada desde a produtora Dotbeat! ofrece un programa que se desenvolverá na Fundación de Exposicións e Congresos desta localidade pontevedresa na fin de semana do 29 e 30 de outubro. A proposta de O son dos arrieiros, ideada como un festival de mediano formato e cunha capacidade fixada inicialmente nunhas 550 persoas, está fundamentada no rock, dentro do que abrangue moi diferentes estilos, ademais de ter en conta a perspectiva de xénero con bandas integramente femininas como Bala e Agoraphobia e a sesión de Señora DJ, quen picará música feita, cantada e tocada por mulleres. O cartel. Xa presentado, inclúe tamén nomes como Novedades Carminha, Heredeiros da Crus e Terbutalina.
Paraíso Canto e Charanga Trébede gañan o certame Interritmos
Xénero:
| 28 / 9 / 2021A nova edición do certame 'Interitmos: Sons do Rural' rematou coa proclamación das bandas Paraíso canto e Charanga Trébede como gañadoras tras da audición levada a cabo esta fin de semana pasada no Naútico de San Vicente do Mar entre as seis formacións finalistas. O Concurso, organizado polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) coa Asociación de Desarrollo Local Deloa, está destinado a propostas musicais instrumentais ou vocais, de ata un máximo de 8 compoñentes, con traballos que versen tanto na recreación ou evolución de pezas tradicionais, como en pezas de nova creación que beban da música de raíz. Este certame busca promover a cultura como motor de desenvolvemento territorial, así como dar visibilidade e potenciar a profesionalización de grupos e bandas que apostan pola evolución da música tradicional e de raíz.
Homenaxe a 'Narf' en Boiro
Xénero:
| 23 / 9 / 2021A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro acollerá este venres un acto en lembranza ao músico e compositor Fran Pérez 'Narf' (1968-2016), organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña e polo Concello de Boiro. Esta cita inclúe a presentación dunha páxina web que recolle a vida e traxectoria do artista e un concerto da banda Caldo, gañadora da pasada edición do concurso 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña.
O 'maré'21' é moito máis ca cantos
Xénero:
| 20 / 9 / 2021O festival que foi anteriormente Cantos na maré, inicia esta semana en Santiago de Compostela unha nova e ambiciosa etapa, co nome transmutado de 'maré 21' para a súa XVII edición, a meirande do seu percorrido, e incluíndo propostas máis alá da música. Diversidade, intercambio cultural e lusofonía seguen a ser as bandeiras artísticas e lingüísticas deste evento con multitude de propostas musicais e artísticas procedentes das dúas beiras do Atlántico que presenta catro días de festival, con máis de trinta concertos a cargo de artistas de máis de dez países diferentes. O lema desta diversa e plurilingüe edición, "WARETHWA!!!" está en idioma chopi timbilia e significa "avante!!!".
A Real Filharmonia ofrece 'viaxes' para a súa nova temporada
Xénero:
| 17 / 9 / 2021A Real Filharmonía de Galicia presentou a nova temporada 2021-2022, na que se continuará coa conmemoración do seu 25º aniversario (1996-2021) e durante a que celebrará na súa sede, o Auditorio de Galicia, 24 concertos. Baixo o lema Viaxes, a RFG pretende levarnos coa súa música a "percorrer a xeografía mundial, desde Australia a Finlandia pasando por París, Hamburgo, Praga, Bohemia ou cruzando o océano ata Latinoamérica; emprendendo con esta programación un camiño emocional que nos permite transitar a través da rebeldía, da fantasía, do feminismo, do amor, da ecoloxía e, sobre todo, cara a nós mesmos", segundo se afirmou na rolda de prensa desta nova temporada. Ademais en liña con estas 'viaxes, a orquestra "viaxará" coa súa música por toda Galicia, con 15 concertos: 7 en Vigo, 4 en Ferrol, 2 en Lugo, 1 en Ourense e 1 en Pontevedra. Faranse en colaboración coas Sociedades Filharmónicas de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra; Afundación e a Deputación de Ourense.
Ortiga marca o seu propio camiño cun novo disco
Xénero:
| 2 / 9 / 2021Manuel González "Chicho do Funk" xa ten novo disco. O representante máis auténtico da electrocumbia e o "TRAPicalismo" en Galicia ten desde hoxe nas plataformas Sabes el camino que elegí (Ernie Records) un álbum que reúne dez temas novos na súa liña e do que xa foi dando avances nos pasados meses con temas que ademais foi incorporando nos directos como "Nanana", "Helicóptero" ou ese "A veces", co que arranca este novo traballo chamado a facer bailar de moitas maneiras e conseguilo.
A importancia de picar música galega a debate
Xénero:
| 27 / 8 / 2021O xornalista e pica-discos Carlos Crespo presentou o "I Foro sobre o papel dos disc-jóckeys na difusión da música galega", unha iniciativa que xurde ao amparo do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo da Xunta. Na Alameda de Vilagarcía de Arousa reuniranse catro destacados nomes da nosa escena musical encabezados por Eme DJ; o músico, promotor e DJ Manuele Caamagno; o propio Carlos Crespo e a vilagarciá K DJ co xornalista musical Pepe Cunha, COMISARIO DA MOSTRA 'CantáMola en Galego' como moderador desa charla.
Baldo Martínez presenta en Jazz de Ría o Cuarteto da Terra
Xénero:
| 13 / 8 / 2021O músico de jazz ferrolán baseado en Madrid, Baldo Martínez, fará o peche do festival Jazz de Ria na súa vila natal presentando unha nova formación en formato cuarteto integramente conformado por músicos galegos cos que porá en escena un espectáculo no que aglutina grande parte do contido dos seus últimos proxectos. Será no Parque de Freixeiro de Narón onde se presentará en rigorosa estrea este Cuarteto da Terra, un espectáculo armado coa complicidade de outros afamados músicos: Pablo Castanho ao saxo alto e soprano; Antonio Bravo na guitarra; LAR Legido na batería e o propio Baldo no contrabaixo. Martínez, recoñecido contrabaixista e membro fundador de Clunia Jazz e outros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país dos últimos 40 anos, e de atesourar ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, fai así un agasallo á súa vila e terra de orixe con este proxecto. O festival inclúe outras destacadas formacións galegas como a Orquestra Galega de Liberación ou a banda Aló Django.