Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Un volume recompila a música tradicional composta e interpretada polos músicos de A Limia
Xénero:
| 23 / 5 / 2005“Catálogo de músicos da Limia” é o título que recompila a música popular que veciños anónimos e cunha formación autodidacta contribuíron a crear o patrimonio musical. O volume é froito de dez anos de traballos coordinados por Castor Castro no que se pretendeu unha recompilación exhaustiva tanto das partituras, como dos instrumentos como dos músicos que tocaban. É a segunda publicación do Museo de A Limia, dentro do seu obxectivo de recuperar e por en valor a cultura da comarca.
Máis información en La Opinión e en La Región
A subvención da deputación de Pontevedra á Banda de Gaitas volve a enfadar á Asociación de Gaiteiros
Xénero:
| 9 / 5 / 2005O chamado conflicto das gaitas ten un novo capítulo. A Deputación de Pontevedra vén de conceder unha subvención por importe de 90.000 euros para a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra. Un feito que vén de alimentar o lume entre a entidade e a Asociación de Gaiteiros que acusa de fomentar a penetración da gaita escocesa no noso país. No comunicado remitido polos gaiteiros cuestiónase que esa partida “sexa o camiño axeitado para o ensino da música tradicional”. O novo comunicado chega logo de que os gaiteiros romperan coa tregua pactada hai dúas semanas.
Máis información na edición de hoxe de La Opinión e sobre o conflicto na nosa hemeroteca
Nace en Vigo un festival que dedicará quince días a encher de Jazz europeo Vigo
Xénero:
| 2 / 5 / 2005O Festival Internacional de Jazz de Vigo, "imaxina Sons", nace coa intención de cubrir un baleiro e satisfacer a demanda respecto ao ámbito europeo do Jazz, intentando mostrar tendencias descoñecidas desta música no noso país que no resto de Europa si están presentes. Trátase principalmente de dar información sobre o Jazz actual do noso entorno: dende Galicia, ata España e Europa. Este festival desenvolverase desde o 16 de xuño ata o 3 de xullo e conta cun orzamento de 300.000 euros achegado polo Concello e Caixanova. O músico Baldo Martínez ocupa o posto de director artístico do evento. O festival desenvolverá os seus obxectivos a través de diversas actividades alén dos concertos en teatros e auditorios. Haberá Jazz na rúa, actuacións nocturnas en locais, exposicións, mesas redondas, debates, conferencias e clases maxistrais.
Máis información e programa no Xornal do Concello de Vigo
A metamorfose de Doa en Cantigalia inclúe a Rosa Cedron no proxecto musical
Xénero:
| 20 / 4 / 2005A incertidume sobre o futuro da ex-Luar na lubre, Rosa Cedrón, xa rematou coa última nova que a sitúa como parte dun novo grupo de nome Cantigalia xunto aos membros de Doa. Cedrón deixou en xaneiro Luar na lubre despois de nove anos nesa formación para “facer algo diferente”. Cantigalia supón unha aposta pola música folk medieval na que a cantante traballará xunto aos membros de Doa, un grupo que se creou nos anos setenta e que aínda seguía en activo. Os veteranos músicos Xoán Piñón, Bernardo Martínez e Xaquín Blanco fornecen a formación coa voz e o violonchelo de Cedrón buscando a interpretación anovadora da música popular e medieval.
Máis información en El Ideal Gallego
A Asociación de Gaiteiros Galegos oponse ao ensino do modelo escocés nas novas escolas de gaitas da Deputación de Pontevedra
Xénero:
| 20 / 4 / 2005A Asociación de Gaiteiros Galegos mobilízase para evitar que as escolas de gaitas financiadas pola Deputación de Pontevedra sigan o modelo “escocés” da Banda de gaitas de Ourense. Os colectivos agrupados nesta asociación afirman que o convenio de creación de cinco escolas asinado pola Deputación coa Asociación Banda de gaitas provincia de Pontevedra por unha contía de noventa mil euros deixa de lado a outras asociacións culturais, institucións e escolas municipais que levan moitos anos traballando no ensino musical tradicional. O presidente da Deputación, Rafael Louzán xa negou que a intención destas escolas fose a de seguir o estilo escocés pero desde a Asociación de Gaiteiros Galegos manteñen as súas sospeitas e convocan para o sábado unha Asemblea multitudinaria no Teatro Principal de Pontevedra para expor o seu punto de vista.
Máis información en Galicia Hoxe
e no sitio da AGG
O músico Pablo Carpintero cédelle ao Arquivo Sonoro de Galicia a principal colección de música instrumental tradicional do país
Xénero:
| 14 / 4 / 2005Trescentas vinte e cinco horas de gravacións sonoras de gaiteiros e de cantos de reis, maioritariamente instrumentais. Esta é a extensión da colección que o músico Pablo Carpentero cedía onte ao Arquivo Sonoro de Galicia nun acto no que tamén estiveron presentes o coordinador deste organismo, Rodrigo Romaní e o xerente do Consello da Cultura Galega, Antonio Montero. Esta colección, produto dun longo traballo de recolleita por toda a xeografía do país, está considerada como a máis importantes de música instrumental de raíz, e foi xa catalogada polo propio músico. O Arquivo Sonoro iniciará agora os traballos de dixitalización deste material, que se agarda estean rematados no prazo dun ano.
Máis información no web do Consello da Cultura
O legado de Andrés Gaos, un dos principais compositores galegos corre o risco de acabar en Estados Unidos
Xénero:
| 21 / 2 / 2005Foi un dos compositores galegos con maior produción. A súa obra pode encontrarse en CDs recompilatorios canda a nomes coma Schubert ou Dvorak. Forma parte do repertorio da Orquestra Sinfónica de Galicia. E, no entanto, a súa figura permanece no esquecemento e o seu legado corre serio risco de acabar fóra do noso país. A memoria de Andrés Gaos, emigrante, violinista e compositor, agarda unha oportunidade para ocupar un posto na memoria de Galicia.
A importancia da música para a construción da identidade centra a primeira xornada dos encontros “O Son da Memoria”
Xénero:
| 18 / 2 / 2005Os colectivos de galegos emigrados empregaron e empregan aínda a música como un elemento para construír a súa identidade no estranxeiro. Este proceso centrou a primeira xornada dos IV Encontros “O Son da Memoria” que organiza o Arquivo Sonoro de Galicia e que analizan a música na emigración. Na xornada de hoxe, ademais de abordar a situación da música galega en Cuba durante o primeiro terzo do século XX tratarase tamén a figura de Andrés Gaos, quizais o compositor galego que máis prestixio internacional acadou.
Máis información no web do Consello da Cultura e en La Voz de Galicia
Berrogüetto presenta en Compostela o seu vindeiro traballo, “DeSolaSons”
Xénero:
| 20 / 12 / 2004Música gravada con enerxía solar nas Illas Cíes para servir como banda sonora a un documental, onda novos temas integran o novo traballo de Berrogüetto. O disco, titulado “DeSolaSons”, preséntase o vindeiro día 22 en Compostela cun concerto enmarcardo no ciclo “Sons da diversidade”, no que o grupo contará co apoio sonoro da orquestra catalá Ségle XXI. Os compoñentes de Berrogüetto agardan que o CD estea nas tendas ao longo do ano 2005.
Máis información en La Voz de Galicia; en La Opinión e no web de Sons da Diversidade
O Conservatorio de Música Tradicional de Vigo presenta a primeira orquestra folk de Galicia
Xénero:
| 3 / 6 / 2004Cando se xunta a parte académica coa musical xorden cousas como "Son de seu". É a primeira orquestra folk de Galicia que recupera músicas tradicionais, actualizadas e arranxadas que contan cun timbre peculiar. Profesores e alumnos do Conservatorio de Música Tradicional traballan xuntos neste proxecto. Pasen e escoiten.