Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Mutenrohi celebra o décimo aniversario cun disco e DVD e Islabikini presenta o seu novo disco en Lugo
Xénero:
| 22 / 9 / 2005Comeza o outono musical coa presentación do disco recompilatorio do grupo ourensán Mutenrohi. O disco supón un repaso á historia desta banda con dezaoito temas dos seus dez anos de actividade e inclúe un DVD co seu percorrido musical. A presentación do disco, no Teatro Principal de Ourense, consistirá nunha actuación cuxa recadación irá en beneficio da Asociación Down Ourense. Os que tamén presentan traballo na súa cidade de nacemento son os lugueses Islabikini que actúan este xoves 22 na sala Clavicémbalo presentando Photographs (Falcatruada, 2005) e que ademais participarán no San Froilán co único concerto en solitario dun grupo local nestas festas.
Máis información no sitio de Islabikini
e de Mutenrohi no sitio de Zouma Records
Un tema de Luar na Lubre forma parte do proxecto musical “Love the Earth” da Expo de Aichi
Xénero:
| 14 / 7 / 2005A canción Terra, incluída no disco “XV Aniversario” de Luar na Lubre, foi seleccionada para estar incluída no CD do programa musical preparado pola Exposición Universal de Aichi, en Xapón, que ten como lema “A sabedoría da Natureza”. O grupo galego achega así un tema dos dezasete que compoñen o álbum “Love the Earth” e no que comparte disco con artistas como Loreena McKennitt, Eric Clapton, Youssou N’Dour ou The Corrs, entre outros. O disco inclúe a letra en galego e en xaponés. Os representantes do grupo están en negociacións para levar a Luar na Lubre a actuar proximamente nalgún dos festivais de música celta que se fan anualmente no Xapón.
Máis información no sitio de Luar na Lubre
e no sitio web da EXPO de Aichi
Grupos galegos de folk súmanse ao Manifesto a prol da música de raíz da SGAE
Xénero:
| 28 / 6 / 2005Membros dos grupos máis coñecidos do noso folk, coma Berrogüetto, Milladoiro, Quempallou ou Luar na Lubre, canda a outros coma Rosa Cedrón, Carlos Núñez ou Rodrigo Romaní son algúns dos asinantes do “Manifesta pola música de raíz” que presentaba onte a Sociedade Xeral de Autores e Editores en Oviedo. O texto reivindica o recoñecemento das figuras dos autores e dos intérpretes e reclama un salario xusto para os músicos deste xénero. Simultaneamnte coñecemos que as bandas Manxadoira, Xarabal, Xochilmica, Os Enxebres e Pepe Vaamonde entre outros representarán o noso país no XXXV Festival Intercéltico de Lorient, en Brataña, o vindeiro mes de agosto. No evento participarán, canda a eles, Susana Seivane e Carlos Núñez coma un dos cabezas do cartel.
Máis información sobre o manifesto da SGAE en Galicia Hoxe e en Faro de Vigo sobre Lorient no web do festival
Tres grupos galegos competirán en Ortigueira dentro da sección Runas
Xénero:
| 21 / 6 / 2005Dríade, Madialeva e Xochilmica son tres grupos galegos que compartirán espazo cos asturianos Xera, cos vascos Kukuma e cos portugueses Dazkarieh no Festival Internacional Folk de Ortigueira (o 9 e o 10 de xullo). Son os grupos seleccionados para participar no Escenario Runas, lugar reservado para os novos valores. O público asistente será o que vote ao gañador que se subirá no 2006 ao Escenario Estrela do Festival.
Máis información na web do Festival de Ortigueira e na nosa hemeroteca
Os Diplomáticos emprenden a súa xira de despedida logo de quince anos de actividade
Xénero:
| 14 / 6 / 2005O grupo por excelencia do rock bravú despídese logo de quince anos de actividade. Os Diplomáticos de Monte Alto iniciarán no vindeiro festival de Ortigueira, o día dez de xullo, a súa xira de despedida, que rematará o vindeiro mes de setembro na Coruña logo de percorrer boa parte do país.
Máis información en Vieiros
Leilía distribuirá o seu novo disco Son de Leilía exclusivamente en Internet
Xénero:
| 13 / 6 / 2005O grupo Leilía demostra unha vez máis a modernidade da súa proposta coa distribución exclusiva a través da rede do seu novo disco. As pandeireteiras composteláns presentarán neste traballo, de nome “Son de Leilía” como o espectáculo que veñen facendo en directo, unha recompilación de temas inéditos da formación en colaboracións en discos colectivos que non se chegaron a distribuír en España, temas de bandas sonoras e colaboracións con outros músicos e grupos. O disco estará dispoñible na rede a mediados de xullo. O grupo ten actualmente no seu sitio web o tema “Mil camiños” dispoñible para a súa descarga de balde.
Máis información en La Voz de Galicia
e no sitio web de Leilía
Un acordo pon fin á “guerra das gaitas” que enfrontaba a Asociación de Gaiteiros Galegos coa Deputación de Pontevedra
Xénero:
| 7 / 6 / 2005Semella que desta vez si. Logo do anterior amago de acordo, e de numerosas reunións, o delegado de cultura da Administración Provincial, José Juan Durán e o representante da Asociación de Gaiteiros Galegos, Santiago Caneiro, anunciaban onte o acordo que pon fin á chamada “guerra das gaitas”. O pacto consiste nun convenio que asinarán en breve as dúas partes polo que a Asociación de Gaiteiros Galegos creará unha escola de música tradicional dentro da que se integrarán os polémicos cursos da Asociación de Bandas de Gaitas da Provincia de Pontevedra que foran a base da confrontación ao empregar gaitas escocesas. O proxecto, que conta cun orzamento de cen mil euros, porase en marcha o vindeiro mes de outubro.
Máis información en Diario de Pontevedra; e nos nosos arquivos
A discográfica Ouvirmos recupera gravacións do principal gaiteiro da emigración galega
Xénero:
| 6 / 6 / 2005Un dos gaiteiros máis destacados da historia da música galega, Manuel Dopazo, desenvolveu toda a súa carreira na emigración a partir dos anos da posguerra. Agora, unha selección de dezaoito temas recuperados de antigos discos comerciais, está a disposición do público grazas á colaboración entre a discográfica Ouvirmos, especializada na recuperación de gravacións antigas, e do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O pasado venres a sede desta institución en Compostela acollía a presentación do CD que permitirá coñecer no noso país a obra deste intérprete.
Máis información en El Correo Gallego e en La voz de Galicia e no web do Consello da Cultura
O Festival Internacional de Ortigueira presenta o programa logo de ser declarada festa de interese turística internacional
Xénero:
| 2 / 6 / 2005O Festival Celta de Ortigueira preséntase máis forte que nunca. Non só porque recupera os catro días de evento, senón porque desde o pasado mes de abril foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional. Pero esta edición, a vinte e unha, é especialmente significativa porque renderá unha homenaxe á Galicia exterior, terá como invitada a música mediterránea e será un punto de encontro para todo aquelo que leve a etiqueta celta. As citas: do 7 ao 10 de xullo.
Máis información en La Voz de Galicia enEl Progreso e no seu web
O Coro Lonxe da Terra do Centro Galego de Barcelona presenta o CD Froita Madura
Xénero:
| 2 / 6 / 2005En activo desde 1934, a formación coral Lonxe da Terra da emigración galega en Cataluña leva con este catro traballos editados, o primeiro deles a banda sonora da película "Niebla al sol" en 1952. Nun acto celebrado o domingo 29 de maio no CGB presentouse esta gravación, "Froita madura", de catorce temas divididos en catro bloques temáticos: Terra, Mar, Ar e Alén. Nestas categorías insírense cinco obras do músico Ángel Barja (Ourense, 1938 - León, 1987); cantigas dos trobadores medievais (obras de Xohán de Requeixo, Don Dionís, Martín codax e Mendinho); unha obra de Roxelio Groba; arranxos corais sobre obras de Lennon/McCartney, James Hudson/Robert Sund, e un espiritual negro; unha peza tradicional raiana de Galicia, León e Asturias; e a popular "brincando no ar". As imaxes do libreto que acompaña ao disco son do pintor noiés Alfonso Costa e mailo fotógrafo Fco. Javier Alonso Peláez. Na presentación interviron Luis Lamas, presidente do CGB, César del Caño, director do coro, Xosé Aviñoa, Catedrático de Musicoloxía da UB, Basilio Losada, Catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da UB e Alfonso Costa, pintor.
Máis información no Centro Galego de Barcelona