Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O Concello de Ortigueira saca por primeira vez a concurso a programación do Festival Internacional do Mundo Celta

Xénero: Folk | 7 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

A elaboración do programa do vindeiro Festival Internacional do Mundo Celta, en Ortigueira, será cousa de quen gañe o concurso que, con este fin, acaba de convocar este concello. Cun orzamento de 119.000 euros, a empresa ou o particular que se faga coa concesión encargarase de organizar os concertos para o escenario principal do evento nos días centrais do festival, o oito e o nove de xullo. É a primeira vez que se opta por esta fórmula para organizar o evento.

Máis información no Diario de Ferrol e no web do festival

O gaiteiro Iván Costa interpreta todos os instrumentos e leva a produción no disco “Ávrego” editado por Cumio

Xénero: Folk | 22 / 2 / 2006 + AUDIO

not_7551.jpg

Con nome de vento das Rías Baixas “Ávrego” (Cumio, 2006) o gaiteiro Iván Costa presenta o seu disco en solitario, unha obra na que conxuga sete recompilacións con outras tantas composicións propias. Iván Costa foi alumno de Xosé X. Blanco Nogueira e de Nazario González “Moxenas”, e desde a súa mocidade conseguiu dar mostras de talento artístico acadando premios en Lorient ou nos certames Constantino Bellón e Solistas da Estrada. Agás nunha canción, A Gaita de Melchor, gravada en directo na Casa das Crechas en verán de 2002, no resto das cancións do disco el mesmo produce e interpreta todos os instrumentos ademais da gaita: zanfona, charrasco, pandeiro, tamboril, etc. O disco gravouse e mesturouse nos estudos Savik Sound de Caritel, en Pontecaldelas.

As empresas Mare e Zouma alíanse e crean Turma, un selo que abordará desde a xestión de artistas á edición de discos

Xénero: Folk | 20 / 2 / 2006

imaxe non dispoñible

Son dúas firmas dedicadas á música folk. Editan discos e levan a representación de artistas. Agora, Mare e Zouma alíanse para crear Turma. Este novo selo quere servir de plataforma para abordar proxectos de maior envergadura e apoiar os seus artistas. Os Cempés, Rosa Cedrón, Cristina Pato ou Quempallou son algúns dos nomes que se cubrirán ao abeiro desta iniciativa, que non eliminará a existencia autónoma de cada unha das empresas que a constitúen.

Máis información en La Opinión

A discográfica Ouvirmos presenta os selos Vir e Localizados para lanzar proxectos actuais

Xénero: Miscelánea | 17 / 2 / 2006

imaxe non dispoñible

Logo de varios anos a desempeñar un intenso traballo de recuperación da nosa historia musical, a discográfica Ouvirmos dá un paso mais. A empresa acaba de anunciar o lanzamento de dous novos selos cos que quer potenciar traballos actuais. Deste xeito, Vir será o nome co que Ouvirmos quere desenvolver producións con grupos que pretendan manter o control dos seus proxectos. Por outra banda, Localizados potenciará produtos innovadores no noso panorama musical. Galegoz e Ecléctica Ensemble serán os encargados de abrir cada unha destas firmas.

Máis información no web de Ouvirmos e nos nosos arquivos

Lamatumbá presenta a reedición de "Lume" despois do seu éxito de vendas

Xénero: Miscelánea | 17 / 2 / 2006 + VIDEO

not_7522.jpg

Vender tres milleiros de discos en oito meses nun mercado como o galego é o equivalente a obter un disco de ouro no mercado do conxunto do Estado. Con esta idea como motivo de celebración os ourensáns Lamatumbá presentaron na tenda de discos Gong de Santiago a reedición do seu disco “Lume (para que saia o sol)” arroupados por representantes da discográfica, Falcatruada, e da distribuidora, Discmedi. Os compoñentes do grupo brindaron con licor café polos seus seguidores e amigos que fixeron isto posible. A reedición inclúe a tradución das súas letras a outras linguas do Estado cun ánimo de proxección exterior no que tamén incidirán actuacións previstas en Andalucía, Cataluña e Euskadi. Os membros do grupo congratúlanse de poder amosar fóra que aquí hai outras propostas musicais ademais das xa coñecidas e consolidadas do folk. Outra das noticias que avanzaron nesta presentación foi a inclusión dun novo tema seu no espazo da TVG Xabarín Club. Un vídeo feito ao estilo Lamatumbá aparecerá agora na oferta musical dese contedor televisivo recuperado, un feito que o grupo celebra “como se nos tiveran posto unha medalla”.

Máis información en Vieiros

O Palacio da Ópera da Coruña acolle a gala de homenaxe a Pucho Boedo que gravará a TVG

Xénero: Pop | 31 / 1 / 2006

not_7415.jpg

Vinte anos despois do pasamento do cantante Pucho Boedo a televisión autonómica vai gravar un programa especial de homenaxe ao artista. O palacio da Ópera da Coruña acollerá o vindeiro domingo 5 de febreiro está gala na que participarán artistas como Miguel Ríos, que foi amigo do cantante, Deluxe, Paco Lodeiro, Uxía Senlle e Nancho Novo. Tamén actuarán as orquestras coas que Boedo cantou, Os Satélites e Os Tamara. A gala estará presentada por Xurxo Souto, eterno reivindicador do cantante do Ventorrillo, e Yolanda Vázquez. A entrada será de balde previa recollida da invitación na oficina do Instituto Municipal A Coruña Espectáculos na Praza de Ourense.

Máis informaciónno sitio de Asociación de Veciños do Ventorrillo sobre Pucho Boedo

Os compositores galegos entran no Macuf nun ciclo

Xénero: Miscelánea | 27 / 1 / 2006

imaxe non dispoñible

A prensa destacaba onte que o Museo de Arte Contemporánea non acudía este ano a ARCO, a feira de galerías, para volcarse en dar a coñecer o museo. Hoxe presenta unha desas actividades que marcan o seu cambio de tendencia. Trátase dun ciclo que pretende recuperar e difundir a obra de compositores galegos. A iniciativa ten este ano un nome propio, o do compositor e director Ángel Barja (Santa Cruz de Terroso, Vilardevós, Ourense, 1938) a quen se lle renderá homenaxe e se lle dedicará un concerto que ten lugar mañá. Colaboran co Macuf neste proxecto a Asociación Galega de Compositores e a delegación provincial de Cultura.

Máis información en La Voz de Galicia e no web do museo

O duodécimo traballo discográfico de A Roda engade as composicións intrumentais ao seu repertorio

Xénero: Folk | 17 / 1 / 2006 + VINCULO

disco_7338.jpg

A piques de cumprir trinta anos dentro do panorama da música popular, A Roda presenta o último proxecto da formación e que suporá o seu duodécimo traballo discográfico. Baixo o título “A roda alalá adorA”, xúntanse doce temas que van desde a música folk-instrumental, ata a máis característica canción tradicional, sen esquecernos da canción autógrafa (espazo no que destacan os temas compostos ad hoc dos diversos lugares da nosa xeografía), e do folclore luso. Baixo o seu título palindrómico o disco encerra unha filosofía especular que mantén nos seus textos entre os que hai un poema do escritor Gonzalo Navaza. Coa incorporación no repertorio do grupo de temas instrumentais A Roda fai deste traballo un punto de inflexión na súa longa traxectoria.

O disco “Cantos na maré” reúne a sete artistas e un grupo coa lusofonía como denominador común

Xénero: Miscelánea | 5 / 1 / 2006

not_7590.jpg

O proxecto “Cantos na maré” xurdiu dun concerto celebrado en agosto de 2003 na pontevedresa Praza da Ferrería e que reuniu en dezaseis temas as voces de diferentes artistas da música en galego e portugués. Xunto aos galegos Xabier Díaz e Uxía, aparecen neste digipack que recolle aquel concerto, o brasileiro Chico César; a portuguesa Filipa Pais; Manecas Costa, de Guinne-Bissau; a mozambicana Astra Harris; o caboverdiano Jon Luz; e o grupo de caboverdianas afincadas en Burela, Batuko Tantaka. O disco está editado baixo o selo Cartafol Editores e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Fundación Caixa Galicia, así como da empresa Nordesía nas labores de produción. Os beneficios xerados por esta edición irán destinados ao Instituto Cultural Casa de Beradêro, Catolé do Rocha, Estado da Paraiba, Brasil, para o desenvolvemento humano e estímulo cultural dos pequenos e pequenas desfavorecidos. A institución está promovida por Chico César, que exerceu de director musical no espectáculo que recolle o disco.

Máis información en Vieiros

Mutenrohi e Luvas Verdes presentan novos discos mentres o Xabarín anuncia a súa vindeira escolma de grupos

Xénero: Folk | 21 / 11 / 2005

imaxe non dispoñible

A banda de folk Mutenrohi cumpre dez anos e publica “... e van dez”, un álbum que, ademais de varios dos temas máis coñecidos do grupo, inclúe un DVD no que se pode ver unha actuación en directo. Tamén pola banda folk, o cuarteto tradicional Luvas Verdes debuta con “Fandango desesperado” no campo discográfico. Virándonos cara ao rock, chéganos a nova de que para o Nadal publicarase un novo álbum do Xabarín Club. Ademais do tema “Os colegas de Xabarín”, con letra de Manuel Romón e Julián Hernández, barállanse para o álbum colaboracións coma as de Iván Ferreiro, Xoel Gómez ou Lamatumbá, segundo asegura “El Correo Gallego”.

Máis información sobre o disco de Mutenrohi e o de Luvas Verdes en La Opinión; o novo álbum do Xabarín en La Voz de Galicia e en El Correo Gallego

<< Inicio / Anterior . 1381 a 1390 de 1431 . Seguinte \ Fin >>