Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Luz Casal leva o seu último traballo a América, continente que inspira o novo de Luar na lubre

Xénero: Folk | 31 / 10 / 2005

imaxe non dispoñible

“Saudade” é o novo traballo de Luar na Lubre. Un disco coa que estrean nova cantante, Sara vidal, e que está inspirado na música feita por e para os galegos que viviron na América, tanto os emigrados como os exiliados. E en América estará a cantante de Boimorto, Luz Casal, na que será a xira de presentación do seu último traballo, o dobre álbum “Pequenos, medianos e grandes éxitos”. Un recompilatorio que se remonta a 25 anos atrás, cando comezou a súa carreira en solitario.

Máis información no web de Luar na Lubre e no de Gisaku Luz Casal

Budiño, Seivane e Sondeseu levan os premios La Opinión de folk

Xénero: Folk | 24 / 10 / 2005

imaxe non dispoñible

O pasado venres o mundo folk estaba pendente da Coruña. O xornal “La Opinión” entregaba os seus cuartos premios ás mellores gravacións deste estilo musical do pasado ano. O disco “Zume de terra” de Xosé Manuel Budiño levou o primeiro premio, seguindo de “Mar de Vigo”, da orquestra folk Sondeseu e por “Mares de tempo” de Susana Seivane. Noutro estilo esta fin de semana coñecemos a presenza dun novo galego na prestixiosa Red Bull Music Academy. O picadiscos vigués Mwëslee parte para Seattle, onde, ao longo dos vindeiros dous meses se formará en música electrónica canda a participantes de todo o mundo e coa presenza dos mais reputados nomes internacionais neste campo.

Máis información en La Opinión, no foro de Sinsalaudo.com e na edición de hoxe de Diario de Pontevedra , sobre a presenza galega na Red Bull Academy nos nosos arquivos

Mutenrohi celebra o décimo aniversario cun disco e DVD e Islabikini presenta o seu novo disco en Lugo

Xénero: Folk | 22 / 9 / 2005

imaxe non dispoñible

Comeza o outono musical coa presentación do disco recompilatorio do grupo ourensán Mutenrohi. O disco supón un repaso á historia desta banda con dezaoito temas dos seus dez anos de actividade e inclúe un DVD co seu percorrido musical. A presentación do disco, no Teatro Principal de Ourense, consistirá nunha actuación cuxa recadación irá en beneficio da Asociación Down Ourense. Os que tamén presentan traballo na súa cidade de nacemento son os lugueses Islabikini que actúan este xoves 22 na sala Clavicémbalo presentando Photographs (Falcatruada, 2005) e que ademais participarán no San Froilán co único concerto en solitario dun grupo local nestas festas.

Máis información no sitio de Islabikini
e de Mutenrohi no sitio de Zouma Records

Un tema de Luar na Lubre forma parte do proxecto musical “Love the Earth” da Expo de Aichi

Xénero: Folk | 14 / 7 / 2005

not_6544.jpg

A canción Terra, incluída no disco “XV Aniversario” de Luar na Lubre, foi seleccionada para estar incluída no CD do programa musical preparado pola Exposición Universal de Aichi, en Xapón, que ten como lema “A sabedoría da Natureza”. O grupo galego achega así un tema dos dezasete que compoñen o álbum “Love the Earth” e no que comparte disco con artistas como Loreena McKennitt, Eric Clapton, Youssou N’Dour ou The Corrs, entre outros. O disco inclúe a letra en galego e en xaponés. Os representantes do grupo están en negociacións para levar a Luar na Lubre a actuar proximamente nalgún dos festivais de música celta que se fan anualmente no Xapón.

Máis información no sitio de Luar na Lubre
e no sitio web da EXPO de Aichi

Grupos galegos de folk súmanse ao Manifesto a prol da música de raíz da SGAE

Xénero: Folk | 28 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

Membros dos grupos máis coñecidos do noso folk, coma Berrogüetto, Milladoiro, Quempallou ou Luar na Lubre, canda a outros coma Rosa Cedrón, Carlos Núñez ou Rodrigo Romaní son algúns dos asinantes do “Manifesta pola música de raíz” que presentaba onte a Sociedade Xeral de Autores e Editores en Oviedo. O texto reivindica o recoñecemento das figuras dos autores e dos intérpretes e reclama un salario xusto para os músicos deste xénero. Simultaneamnte coñecemos que as bandas Manxadoira, Xarabal, Xochilmica, Os Enxebres e Pepe Vaamonde entre outros representarán o noso país no XXXV Festival Intercéltico de Lorient, en Brataña, o vindeiro mes de agosto. No evento participarán, canda a eles, Susana Seivane e Carlos Núñez coma un dos cabezas do cartel.

Máis información sobre o manifesto da SGAE en Galicia Hoxe e en Faro de Vigo sobre Lorient no web do festival

Tres grupos galegos competirán en Ortigueira dentro da sección Runas

Xénero: Folk | 21 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

Dríade, Madialeva e Xochilmica son tres grupos galegos que compartirán espazo cos asturianos Xera, cos vascos Kukuma e cos portugueses Dazkarieh no Festival Internacional Folk de Ortigueira (o 9 e o 10 de xullo). Son os grupos seleccionados para participar no Escenario Runas, lugar reservado para os novos valores. O público asistente será o que vote ao gañador que se subirá no 2006 ao Escenario Estrela do Festival.

Máis información na web do Festival de Ortigueira e na nosa hemeroteca

Os Diplomáticos emprenden a súa xira de despedida logo de quince anos de actividade

Xénero: Pop | 14 / 6 / 2005

not_6404.jpg

O grupo por excelencia do rock bravú despídese logo de quince anos de actividade. Os Diplomáticos de Monte Alto iniciarán no vindeiro festival de Ortigueira, o día dez de xullo, a súa xira de despedida, que rematará o vindeiro mes de setembro na Coruña logo de percorrer boa parte do país.

Máis información en Vieiros

Leilía distribuirá o seu novo disco Son de Leilía exclusivamente en Internet

Xénero: Folk | 13 / 6 / 2005

not_6398.jpg

O grupo Leilía demostra unha vez máis a modernidade da súa proposta coa distribución exclusiva a través da rede do seu novo disco. As pandeireteiras composteláns presentarán neste traballo, de nome “Son de Leilía” como o espectáculo que veñen facendo en directo, unha recompilación de temas inéditos da formación en colaboracións en discos colectivos que non se chegaron a distribuír en España, temas de bandas sonoras e colaboracións con outros músicos e grupos. O disco estará dispoñible na rede a mediados de xullo. O grupo ten actualmente no seu sitio web o tema “Mil camiños” dispoñible para a súa descarga de balde.

Máis información en La Voz de Galicia
e no sitio web de Leilía

Un acordo pon fin á “guerra das gaitas” que enfrontaba a Asociación de Gaiteiros Galegos coa Deputación de Pontevedra

Xénero: Folk | 7 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

Semella que desta vez si. Logo do anterior amago de acordo, e de numerosas reunións, o delegado de cultura da Administración Provincial, José Juan Durán e o representante da Asociación de Gaiteiros Galegos, Santiago Caneiro, anunciaban onte o acordo que pon fin á chamada “guerra das gaitas”. O pacto consiste nun convenio que asinarán en breve as dúas partes polo que a Asociación de Gaiteiros Galegos creará unha escola de música tradicional dentro da que se integrarán os polémicos cursos da Asociación de Bandas de Gaitas da Provincia de Pontevedra que foran a base da confrontación ao empregar gaitas escocesas. O proxecto, que conta cun orzamento de cen mil euros, porase en marcha o vindeiro mes de outubro.

Máis información en Diario de Pontevedra; e nos nosos arquivos

A discográfica Ouvirmos recupera gravacións do principal gaiteiro da emigración galega

Xénero: Folk | 6 / 6 / 2005

not_6361.jpg

Un dos gaiteiros máis destacados da historia da música galega, Manuel Dopazo, desenvolveu toda a súa carreira na emigración a partir dos anos da posguerra. Agora, unha selección de dezaoito temas recuperados de antigos discos comerciais, está a disposición do público grazas á colaboración entre a discográfica Ouvirmos, especializada na recuperación de gravacións antigas, e do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O pasado venres a sede desta institución en Compostela acollía a presentación do CD que permitirá coñecer no noso país a obra deste intérprete.

Máis información en El Correo Gallego e en La voz de Galicia e no web do Consello da Cultura

<< Inicio / Anterior . 1391 a 1400 de 1431 . Seguinte \ Fin >>