Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Brath, Cristina Pato ou GalegoZ son algúns dos grupos que reciben axudas á difusión do IGAEM
Xénero:
| 14 / 8 / 2007Os últimos traballos discográficos de sete grupos galegos van recibir axudas de entre 7.500 e 11.500 euros polas axudas o IGAEM á difusión. Máis concretamente, os elixidos foron Brath, Cristina Pato, Emilio Rúa, GalegoZ, Faltriqueira, Nordestin@s e Sete Saias, que poderán investir estes cartos en promocionar e publicitar os seus traballos.
Máis información no web do IGAEM
O galego Edelmiro Fernández Parada vence na XXII edición do Trofeo Mac Grimmon de gaita, en Lorient
Xénero: VIDEO
| 7 / 8 / 2007 +Considerado o galardón de gaita máis prestixioso no mundo, o Trofeo Mac Grimmon chegaba este ano á súa XXII no marco do celebérrimo festival Intercéltico de Lorient, en Bretaña. E foi un galego, Edelmiro González, o que se fixo co premio por terceira vez, o que o converte o músico que máis veces o levou. Canda a el, outro galego, Alberto Coya, quedou no terceiro posto. Estes premios sitúan os dous intérpretes entre os mellores do mundo no seu instrumento.
Máis información en Galicia Hoxe e en Vieiros
A Asociación de Gaiteiros Galegos reúne aos mellores artesáns e luthiers no Festival de Pardiñas
Xénero:
| 31 / 7 / 2007Os vindeiros 4 e 5 de Agosto de 2007 terá lugar en Guitiriz a "XIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional" que a comisión de artesáns da Asociación de Gaiteiros Galegos organiza, dentro do marco do festival de Pardiñas organizado pola A.C. Xermolos de Guitiriz. Esta Mostra comezou xa fai catorce anos, coa idea de crear en Galicia unha cita anual onde os mellores luthiers e artesáns estivesen nunha feira amosando o seu traballo de ano en ano, fora do seu obradoiro. O gaiteiro e estudoso do folclore Pablo Carpintero impartirá un obradoiro de construción de xoguetes sonoros para cativos. As actividades previstas están enfocadas para que sexan totalmente participativas, así pois haberá un escenario dispoñible durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.
Máis información no Portal da AGG
O “dobarrismo” protagonizará unha das xornadas da semana cultural do Felipop
Xénero:
| 31 / 7 / 2007O festival pop que se celebra cada ano na parroquia de Limodre, en Fene, inclúe na súa programación do 2007 tres días previos de actividade cultural que converten o evento nun dos de máis longa duración. Os concertos comezarán o xoves 9 de agosto e seguirán ata o sábado pero desde o luns xa haberá actividades culturais no programa. O mércores 8 será a xornada dedicada ao “dobarrismo” coa presentación do disco “Manifesto dobarrista” (Falcatruada,2007) a proxección dun trailer que avanza o documental feito por Anxo Fernández sobre Andrés Dobarro que se estreará en televisión e unha mesa de debate sobre o artista ferrolán. Fernández será un dos compoñentes da mesa na que o acompañarán Xurxo Souto, Xavier Alcalá e Noel Feáns, responsable do net-label A Regueifa. A xornada inclúe a actuación dalgún dos grupos que participaron no disco como Boy Elliot ou Jules e Jim.
Máis información no Diario de Ferrol
O gaiteiro Pablo Seoane presenta o seu segundo disco no que usa a dixitación pechada
Xénero:
| 27 / 7 / 2007O gaiteiro Pablo Seoane presentará oficialmente durante as Festas do Apóstolo de Compostela o seu novo traballo discográfico “Fluíndo en pechado”. Este segundo disco de Seoane, foi gravado nos estudios de produción da Radio Galega, e está editado polo selo “Leilear”. O disco púxose á venda o pasado 1 de xullo. “Fluíndo en pechado” é un traballo con 14 temas baseado na música de raíz galega, especialmente na dixitación “pechada”, a cal estivo practicamente en desuso debido a grande dificultade, tanto de interpretación como de afinación e interrelación con outros instrumentos. O concerto no que presentará oficialmente este disco será ás 22:30 horas na Praza do Toural. Pablo Seoane, acadou no 2002 o terceiro posto do trofeo McAllan de gaita do Festival Internacional de Música Celta da localidade francesa de Lorient.
Convocada a segunda edición do certame de maquetas NovaXove Music dirixido a grupos noveis
Xénero:
| 19 / 7 / 2007Coa presenza e actuación do grupo Stereotipos, gañadores da primeira edición, deuse o disparo de saída da segunda edición do Certame NovaXove Music que está aberto ata o 23 de novembro. O concurso de maquetas convocado por Caixanova conseguiu na súa primeira edición unha participación de máis de cincuenta grupos que espera superar nesta segunda convocatoria. NxMusic ten como obxectivo dar a coñecer e promover a música de artistas e grupos descoñecidos en busca dunha oportunidade. Dentro das súas fases a primeira consiste en que as cancións, colocadas na páxina web de Nova Xove serán votadas polos internautas e tamén por un xurado de expertos musicais. As dúas notas xuntas conformarán a clasificación da que sairán os catro máis votados a un concerto no que o xurado decidirá ao gañador. O premio inclúe a gravación dun disco, xira de promoción e actuación nun festival nacional.
Máis información en NovaXove
O festival Popkomm de Berlín contará cunha ampla representación galega
Xénero: VIDEO
| 19 / 7 / 2007 +Faltriqueira, Berrogüeto e Lamatumbá son os grupos galegos que estarán presentes na décimonovena edición do Popkomm. Unha das citas máis importantes do mundo en materia musical que terá lugar en Berlín do 19 ao 21 de setembro. Grupos, empresas e institucións relacionadas coa música en todo o Estado irán baixo o paraugas da iniciativa “Sounds from Spain”, na que tamén colaborou o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.
Máis información no web do Popkomm e sobre a política de promoción de festivais na nosa hemeroteca
A agrupación Os Folerpas gaña o VIII Memorial Ricardo Portela de Pontevedra
Xénero:
| 16 / 7 / 2007En homenaxe a un dos mestres gaiteiros máis afamados celebrouse en Pontevedra a oitava edición do certame que leva o seu nome. No Memorial Ricardo Portela participaron seis agrupacións de música tradicional chegadas de toda Galicia. Na final, celebrada o sábado na Praza da Verdura, a agrupación compostelá Os Folerpas, na que milita Pablo Carpintero, acadou o primeiro premio desta edición. O segundo e terceiro premios foron para Rédea Solta de Pontevedra e Contracocheno de Vigo respectivamente. O premio especial Seivane foi para a agrupación Os Enxebres de Cacheiras mentres que o especial Ricardo Portela á mellor interpretación dunha peza do gaiteiro homenaxeado foi para os Rédea Solta.
Máis información no blog Malmequer
Preséntanse as novidades do concurso Constantino Bellón e o disco coas gravacións da edición do 2006
Xénero:
| 13 / 7 / 2007O presidente do Ateneo Ferrolán, Eliseo Zaera, e o organizador do certame de gaita Constantino Bellón, Víctor Gabeiras, presentaron as novidades da edición 2007 deste consolidado concurso de gaiteiros e o disco dobre que recolle as interpretacións do ano pasado. Un dos compactos leva a gravación en directo das catro pezas que gañaron o concurso de composición e o outro leva as interpretacións do concurso de solistas gañado por Daniel Bellón. O disco ten unha tiraxe de un milleiro de exemplares que se poñerán á venda e se distribuirán por ateneos e centros galegos no exterior. A décimo sétima edición do certame trae como novidade un aumento importante dos premios en metálico grazas ao apoio conseguido por parte da Consellaría de Cultura, a deputación da Coruña e o Concello de Ferrol.
Máis información no Diario de Ferrol
e sobre as bases do XVII Concurso Constantino Bellón
A Xunta gastará ata sesenta mil euros en gaitas para enviar ás organizacións de emigrantes galegos
Xénero:
| 13 / 7 / 2007Ata o venres da semana que ven teñen todos os fabricantes de gaitas para presentar á Xunta as súas ofertas para o subministro de 55 gaitas. O Diario Oficial de Galicia de onte, xoves 13 de xullo, anuncia o concurso público por procedemento aberto e tramitación urxente, para a contratación dunha subministración de 55 gaitas tradicionais galegas pola Secretaría Xeral de Emigración. A adquisición ten un orzamento base de 60.000 euros, o que suporía un máximo de 1.091 euros por gaita e todas deberán entregarse antes do 30 de novembro deste ano.. Segundo informa La Voz de Galicia estes instrumentos están destinados como agasallos ás organizacións de emigrantes galegos no exterior para fomentar entre elas a querenza á nosa música.
Máis información en La Voz de Galicia
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca