Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Volve o blues en galego no novo disco de Víctor Aneiros
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 21 / 2 / 2008 +O bluesman Víctor Aneiros e a súa banda comezan este venres 22 e sábado 23 na sala B-Flat en Matosinhos (Portugal) a xira de presentación do seu novo traballo “Heroe secreto”. O disco, editado polo selo vasco Gaztelupeko Hotsak, é o cuarto na traxectoria do grupo liderado polo guitarrista e cantante ferrolán. Como xa fixera no seu anterior traballo Aneiros volve cantar blues en galego. No disco, as letras do ferrolán conviven con outras de autores clásicos, como Rosalía de Castro (Soia), e contemporáneos, como o eumés Ramiro Fonte (Na barra). Para presentar estas e outras cancións, a Aneiros, sobre o escenario, acompañaranlle os seus músicos de sempre: Xacobe Martínez (contrabaixo), Manolo Gutiérrez (piano) e Marcos Sánchez (batería). A presentación en terras galegas do disco será na sala Breogain de Vigo o vindeiro 29 de febreiro.
A primeira partitura do himno galego é de 1906
Xénero:
| 18 / 2 / 2008Unha adaptación para banda arranxada por Felipe Pereira en 1906. Esta é a partitura máis antiga que se coñece do Himno Galego, e posiblemente, a que se empregou para a estrea oficial da peza na Habana. A investigación para a mostra “A Nosa Voz”, que se pode ver estes días na igrexa de San Domingos de Bonaval, Compostela, tirou a luz recentemente este documento, que se conservaba no arquivo da Banda Municipal da capital cubana.
Ouvirmos recupera gravacións do coro Cantigas da Terra nos anos vinte
Xénero:
| 8 / 2 / 2008A discográfica Ouvirmos presenta estes días un novo disco-libro da súa colección A Tiracolo de gravacións históricas. Neste caso son as interpretacións rexistradas entre 1921 e 1928 polo coro coruñés Cántigas da Terra, que leva en activo desde 1917. Neste case século de historia, iniciada interpretando o himno galego, reuniron un variado repertorio e o arquivo coral mellor conservado. Algunhas desas pezas están agora restauradas e incluídas no número 14 desta colección: "Estampas coruñesas 1921-1928". Neles recollen a primeira gravación do clásico Negra sombra; o Himno a Galicia, que contribuíron a afianzar; e O quer que lle quer, entre outros fitos.
Xosé Manuel Budiño faise co Premio Opinión polo seu traballo “Home”
Xénero: VIDEO
| 4 / 2 / 2008 +O VII Premio Opinión, que recoñece o mellor disco folk galego, foi para Xosé Manuel Budiño por “Home”. Deste xeito, convértese no primeiro artista que repite como gañador do mellor álbum do ano, xa que recibiu o galardón en 2004 por “Zume de terra”. Budiño acadou a máxima puntuación, seguido por “Entre trastes” e “Fía na roca”.
Unha formación lucense fixo a primeira gravación do himno galego
Xénero:
| 1 / 2 / 2008O 20 de decembro de 1907 tiña lugar no Gran Teatro de La Habana a primeira interpretación pública e solemne do Himno galego. Pero a primeira gravación desa partitura tivo lugar moito despois, en 1918. Así o afirma a casa discográfica Ouvirmos, que asegura que foi o coro “Cantigas e Aturuxos” de Lugo quen fixo o primeiro rexistro e non “Cantigas da terra” da Coruña, considerada ata o de agora como pioneira.
As discográficas galegas voltan do Midem con acordos comerciais
Xénero:
| 1 / 2 / 2008Zouma Récords, a Fábrica de Chocolate e Falcatruada voltaron con acordos do Mercado Internacional do Disco e da Edición Musical (Midem) que pechou onte en Cannes. Deste xeito, Zouma conseguiu un distribuidor do seu catálogo para Francia e acordou traballos de xestión e dirección neste mesmo país e no Reino Unido. Pola súa banda, La fábrica de Chocolate sentou as bases dunha estrutura ibérica e latinoamericana para a promoción dos seus artistas e a distribución do seu catálogo. Finalmente, Falcatruada realizou contactos para a distribución dixital do seu repertorio. En xeral, os participantes amosáronse contentos dos resultados que obtiveron neste encontro.
A Fundación Barrié presenta a edición crítica do “Cancioneiro musical de Galicia”
Xénero:
| 30 / 1 / 2008“O cancioneiro musical de Galicia”, de Casto Sampedro, unhas das principais escolmas que sobre a nosa música tradicional se fixo no século XX, xa ten edición crítica. A Fundación Barrié acaba de publicar unha revisión deste importante volume dentro do seu proxecto “Cancioneiros”, no que está a recuperar distintas obras deste tipo. A nova obra recolle máis 500 composicións populares coas súas correspondentes partituras.
O Concello de Lalín busca un novo equipo para as clases do conservatorio folk
Xénero:
| 30 / 1 / 2008O actual proxecto do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín remata. O Padroado de Cultura deste concello acordaba onte rexeitar a última oferta que o actual equipo docente, dirixido por Ugia Pedreira, lle realizara. O padroado considera que as condicións económicas presentadas non son asumibles e comezará a contratación de novos profesores para garantir o ensino de música tradicional na vila, nun novo conservatorio que dependerá directamente deste organismo.
O Parlamento desprázase a Ourense para un recital musical
Xénero:
| 29 / 1 / 2008O Parlamento de Galicia organiza un ciclo musical titulado "Convivir, convivencias" que se organizará nas principais cidades e que se inicia mañá, mércores, no Teatro Principal de Ourense, cun concerto da soprano Laura Alonso. O ciclo está organizado por Cristina Pato. Todos os diputados desprazaranse ata Ourense para asistir ao recital.
Máis información en La Voz de Galicia
Nace en Ourense a Federación Galega de Folclore
Xénero:
| 28 / 1 / 2008Doce grupos de todo o país botaron a andar sábado en Ourense a Federación Galega de Folclore. Este colectivo, que tivo a súa xuntanza fundacional no Edificio Simeón da Cidade das Burgas, quere “ser un punto de unión das distintas formas de ver o folclore” e agarda programar tres asembleas anuais. José Antonio Viñas, da agrupación Queixumes dos Pinos foi elixido presidente neste primeiro encontro.
Máis información en La Región