Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
AGADIC abre a convocatoria para a Rede Galega de Música ao Vivo 2009
Xénero: DOCUMENTO
| 4 / 9 / 2008 +Abriuse o pasado 1 de setembro e ata o 30 deste mes a convocatoria a músicos e salas para apuntarse na Rede Galega de Música ao Vivo por o ano 2009. Este programa, agora convocado desde a nova Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC- presenta algunhas variacións nas normas de funcionamento que o rexerán na seguinte xeira. Se ben o caché máximo que pode presentar un grupo mantense nos 800 euros rebaixa o número de concertos esixibles de seis a catro actuacións contratadas para ter una proposta musical na rede. A nova convocatoria tamén cambia o modelo de subvención ás salas das actuacións do 85% fixo anterior a entre 75% e 90% en función do caché dos músicos, a máis caché menos subvención, e da lingua que estes usen, apoiando cun 5% de subvención adicional os casos de músicos e grupos que usen a lingua galega. Suprímese tamén o reparto entre músicos e sala das recadacións de billeteira que superen a inversión, quedando o empresario co resultado íntegro de venda das entradas.
Fuxan os ventos ofrecerá dous concertos en Santiago tras vinte anos da súa última actuación
Xénero: IMAXES
| 3 / 9 / 2008 +Hai máis de dúas décadas que o grupo Fuxan os Ventos decidiu poñer punto e final a unha traxectoria de máis de trinta anos e oito disco editados. Despois de todo este tempo,os seus compeñentes decidiron voltar ao escenario para dous concertos. Son os que fan parte do ciclo Sons da Diversidade que organiza a concellaría de Cultura en Santiago e no que porán en escena o espectáculo Terras de soño. Nas sesións recuperarán as súas cancións máis senlleiras como A Carolina ou A Sementeira na compaña dalgúns dos “seus mellores amigos”, tal e como figura na nota de prensa remitida. A cita será os días 18 e 19 de outubro en Santiago.
O programa da TVG “Alalá” recoñecido coa Gaita de Ouro “Constantino Bellón”
Xénero:
| 21 / 8 / 2008O Ateneo Ferrolán decidiu conceder a Mención de Gaita de Ouro “Constantino Bellón” correspondente ao ano 2008 ao programa da TVG “ALALÁ” pola súa labor de difusión e defensa da música tradicional galega. O acordo tomado en Xunta Directiva polo xurado dos prestixiosos premios de gaita recoñece así a este programa dirixido por Senén Bernárdez e presentado por Pilar García Rego que xa ten no seu haber outros importantes premio como o galardón ao mellor programa de Tradición musical outorgado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión en 2007 e o Premio Galicia Comunicación da Xunta no mesmo ano. A entrega do premio terá lugar o próximo domingo día 31 de agosto, as 20:30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol coincidindo coa Final do XVIII Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón”.
O Teatro Colón estreará a ópera galega “Camiñar polo arame cunha lata de cervexa”
Xénero:
| 14 / 8 / 2008A Coruña conta cunha gran tradición operística. Desde hai varias décadas existe unha asociación que organiza un festival de ópera, hai outro a maiores dedicado a Mozart e, ademais, nesta cidade estrearase en breve unha ópera contemporánea. Leva por título Camiñar polo arame cunha lata de cervexa e Juan Durán é o compositor e Manuel Lourenzo o dramaturgo. A ópera galega, que se estreará o vindeiro 13 de setembro (ás 21:00 horas), contará coa participación do Grupo Instrumental Século XXI, o barítono Javier Franco e a sorprano Carme Durán e a escenografía é de Rodrigo Roel.
Os músicos da Rede de Locais de Ensaio dispoñen dun novo portal para difundir a súa actividade
Xénero:
| 6 / 8 / 2008A Dirección Xeral de Xuventude e a de Creación e Difusión Cultural xuntaron onte aos seus representantes, Rubén Cela e Luís Bará, para presentar o portal Nsaio.org. A nova plataforma da Rede Galega de Locais de Ensaio da Xunta vertebra así o sistema ofrecendo un espazo autoxestionable que lles permitirá aos grupos e artistas que usan estes locais de introducir todo tipo de información sobre o seu traballo, a documentación relativa aos servizos que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude, noticias, concursos e mesmo unha radio con mostras de música dos grupos da rede. Por toda Galicia existen actualmente dezasete locais dentro desta rede e as previsións son que cheguen a ser trinta antes de final de ano.
Ribeira de Piquín galardoa a traxectoria artística de Xosé Manuel Seivane
Xénero:
| 31 / 7 / 2008Xosé Manuel Seivane estivo durante máis de cincuenta anos traballando no seu obradoiro de gaitas. Unha traxectoria que ademais de convertelo nun dos mellores profesionais no seu campo, acaba de valerle unha homenaxe por parte da Asociación Recunchos de Ribeira de Piquín. A festa terá lugar o vindeiro 9 de agosto, cun gran xantar, un concerto da súa filla, Susana Seivane, así como a instalación dun busto de bronce e unha placa na praza do Chao.
Cinco agrupacións representarán á música galega no Festival Intercéltico de Lorient
Xénero:
| 29 / 7 / 2008As melodías do grupo Quempallou serán a primeira mostra da música galega en soar no escenario da importante cita bretoa que se inicia este venres na pequena cidade de Lorient. Durante os dez días do evento representantes musicais do países celtas pasarán polo escenario que xa é un referente internacional xunto con outros da nos aterra como Ortigueira ou Moaña, co que coincide este ano. Os outros que tamén estarán en Bretaña será a Banda de gaitas Xarabal, de Vigo; Cantigas e Agarimos, de Santiago; os ourensáns Mutenrohi e as cantareiras Leilía, que actuarán no día do peche do evento que este ano alcanza a súa trixésima oitava edición.
O grupo Pesdelán debuta en concerto buscando poñer a todos a bailar
Xénero:
| 24 / 7 / 2008Practicamente cada un dos sete compoñentes do grupo que se presenta en concerto o vindeiro luns foi ou é parte doutro proxecto musical coñecido do panorama galego. Berrogüetto, Leilía, Alfolíes, Xochilmica, Almáciga ou a banda de Susana Seivane son algúns destes grupos dos sete artistas que integran Pesdelán, que buscan nesta nova aposta recuperar a cultura participativa das festas e poñer á xente a bailar cun repertorio que abrangue temas tradicionais galegos e portugueses, arranxados dun xeito divertido e orixinal. Pesdelán son Guadi Galego, Uxía Cribeiro, Montse Rivera, Mercedes Prieto, Xan Pampín, Carlos Freire e Miguel Flores. A súa presentación terá lugar cun concerto aberto na Praza do Toural de Compostela ás 23 horas do luns 28 de xullo, na mesma praza estarán desde as 20:30 horas ofrecendo un obradoiro de danzas galegas e portuguesas para ir quentando os pés do persoal.
O quinteto Som do Galpom publica o seu primeiro disco
Xénero: AUDIO
| 23 / 7 / 2008 +O netlabel A Regueifa Plataforma ven de editar o primeiro EP dos composteláns SOM DO GALPOM, un quinteto de rap-funk formado hai tres anos na aldea d´A Moniña, unha formación que desde os seus comezos buscou apoiarse en tres estilos de música diferentes: o funky, o reggae e o rap. Neste tempo xa levan dado moitos concertos por toda a xeografía, acadaron o segundo premio no certame GZcrea 2007 e gañaron o IV Concurso Galego do Foundation Reggae Festival. Som do Galpom son Gael Bassave (voz e letras), Brais Bassave (violín e composición), Xurxo Climent (guitarras clásica e eléctrica), Jano Castro (baixo) e Aitor Garcia (batería). O disco, de seis temas, esta editado baixo licenza Creative Commons e pode ser descargado de balde.
Máis de trinta músicos homenaxean ao mestre gaiteiro Ricardo Portela
Xénero:
| 11 / 7 / 2008O Teatro Principal de Pontevedra acolle hoxe ás 21 horas a presentación do disco Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o mestre. O traballo consiste nun duplo CD con corenta e dous cortes musicais. Máis de trinta artistas do mundo da música tradicional renden homenaxe ao desparecido gaiteiro de Viascón no disco editado por Do Cumio grazas á iniciativa da Asociación Toque Pechado de Pontevedra, encabezada por Oscar Ibáñez. Os músicos reinterpretan o repertorio de Portela e engádense fragmentos de conversas con amigos e alumnos do gaiteiro de Viascón. A edición complétase cun libriño onde se recollen os textos de cada un dos participantes a modo de semblanza do mestre. O acto, de entrada libre, será conducido por Xurxo Souto e contará con actuacións de algúns participantes no disco como Álvaro Novegil, Os Trazantes de Tenorio, Enrique Otero, Airiños do Parque de Castrelos ou Juanjo Fernández entre outros. A gala desenvolverase dentro dos actos do IX Memorial Ricardo Portela.