Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Valladares celebra o XI Certame Internacional de Improvisación Oral

Xénero: Hip-Hop | 14 / 10 / 2008

imaxe non dispoñible

As actividades comezaron xa este domingo cunha sesión centrada na improvisación en formato rap que incluíu desafíos rimados entre participantes. No entanto, o XI Certame Internacional de Improvisación Oral de Valladares continúa aínda dúas fins de semana máis. O vindeiro domingo as xa tradicionais regueifas protagonizan o programa, con obradoiros e a presenza de rimadores galegos e dunha delegación cántabra. Para o día 26 preséntase como novidade a xornada dedicada improvisación poética, que presenta María Lado coa participación de Antía Otero, Xabier Cordal e mais o dúo Accidents Poliétics.

Fuxan os Ventos xa ten esgotadas as localidades para a súa volta ao escenario

Xénero: Folk | 13 / 10 / 2008

imaxe non dispoñible

A volta aos escenarios do grupo Fuxan os Ventos en dúas funcións únicas conseguiu levantar o entusiasmo entre o público. Proba diso é que a cinco días da primeira función o vindeiro sábado xa están esgotadas as entradas para os dous días, nun espazo con aforo para un milleiro de persoas por función. Segundo ven de comunicar a axencia de servizos culturais nonsí a venda anticipada a través de teléfono e de Internet, cun prezo de 20 euros a entrada xeral, colgou xa o cartaz de “non hai localidades dispoñibles” o que asegura un cheo total e dous milleiros de espectadores para o espectáculo Terra de Soños.

A revista de rock dos Países Cataláns distribuirá un CD de música galega actual

Xénero: Miscelánea | 13 / 10 / 2008

not_13188.jpg

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e o Roger Palà, xefe de redacción de Enderrock, revista de rock dos Países Cataláns, presentaron o pasado venres no Centro Galego de Barcelona o disco GZ Pop! encartado no número de outubro desta publicación catalá. Baixo o epígrafe "A nova fornada de pop en galego", o disco reúne a 18 artistas como exemplo da calidade das bandas galegas así como do amplo abano de estilos que interpretan. Os grupos escollidos para esta recompilación son: Loretta Martín, The Homens, Capitán Furilo, Lamatumbá, Víctor Aneiros, Nao, Som do Galpón, Dios Ke Te Crew, Mencer Vermello, Zënzar, Ruxe Ruxe, Galegoz, Safari Orquestra, O Sonoro Maxín, Ataque Escampe, Narf, Projecto Mourente e Fanny + Alexander. A publicación inclúe un suplemento escrito polo xornalista e músico David Vázquez dedicado á nova xeración de músicos galegos, no que se fai unha breve introdución sobre cada un dos grupos escollidos, así como unha evolución do pop-rock en galego dende os anos oitenta á actualidade, rematando na xeración plasmada no disco GZ Pop!

Karaoke cos contos

Xénero: Melódica | 7 / 10 / 2008 + AUDIO

not_13115.jpg

A editorial OQO, en colaboración con Pai Música presentou unha curiosa iniciativa para a campaña de dinamización lingüística que organizaron oito editoras coa secretaría xeral de Política Lingüística. Contos en cantos é un libro disco nos que Almudena Janeiro transforma en cancións doce historias desta editorial. Ademais de escoitarse, o proxecto inclúe a posibilidade de facer karaoke con estes temas, nuns videos que teñen as ilustracións dos contos coma imaxes. A iniciativa percorrerá todo o país ao longo deste outono con diferentes actuación para animar os máis pequenos a cantar e a ler.

A tradición televisada

Xénero: Folk | 1 / 10 / 2008 + AUDIO

not_13097.jpg

Dez da noite do mércores. Unha de cada cinco persoas que están a ollar a televisión en Galicia observa como canta unha señora entrada en anos ou como uns gaiteiros, tamén coa súa idade, interpretan vellas pezas musicais. Cunhas envexables cifras de audiencia, Alalá está a conseguir achegar a música tradicional aos máis novos e difunde o rico legado da nosa tradición. O director do programa, Senén Bernárdez, explícanos como se xerou este sorprendente éxito cando se celebra o Día Internacional da Música.

O compositor Juan Durán explícanos o proceso de creación de O arame

Xénero: Clásica/Lírica | 15 / 9 / 2008 + AUDIO

not_12971_2.jpg

É a primeira ópera galega do século XXI. Estreouse esta fin de semana ante un público entre os que se atopaban expertos como Alberto Zedda (un dos directores máis coñecidos) ou a soprano Ainhoa Arteta que tiveron palabras eloxiosas para O arame. É a ópera da que Juan Durán fixo a composición musical e a Manuel Lourenzo, o libreto. Producida pola Asociación de Amigos da ópera, a soprano Carmen Durán e o barítono Javier Franco foron os encargados de converterse en Gloraia e Labarta nunha historia de amor e morte.

Galicia estreará stand propio no Womex baixo o selo Galician Tunes

Xénero: Miscelánea | 15 / 9 / 2008

imaxe non dispoñible

Por primeira vez, a Xunta contará cun espazo propio no Womex, a principal feira do mundo no xénero World Music (música étnica, folk, de raiceira), e que se celebrará entre o 29 de outubro e o 2 de novembro en Sevilla. 16 empresas galegas participarán neste importante evento destinado a programadores, especialistas e empresas musicais e poderán empregar os servizos do stand, como zonas de xuntanzas ou un servizo de tradutores en inglés e francés. A Axencia Galega das Industrias Musicais (AGADIC) tamén organizará outras actividades de promoción, entre as que sobranceará unha noite galega, o sábado 1 de novembro, coas actuaicións de Narf, Mutenrohi e Xosé Manuel Budiño.

O Conservatorio Folque trasládase en Santiago para ampliar o seu proxecto musical

Xénero: Folk | 12 / 9 / 2008

imaxe non dispoñible

O mes de outubro arrancará un novo curso académico do Conservatorio de Música Tradicional e Folque. Faráo con imporantes novidades xa que o proxecto dirixido por Ugía Pedreira deixa Lalín para trasladarse as instalacións da Escola de Altos Estudos musicais en Santiago, despois de conseguir apoios da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, do Consorcio de Santiago e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). A iniciativa deixa de depender do padrodado de Lalín despois de que o concello evidenciara que non podía custear os 150.000 euros que supuña a amplicación do proxecto. Coñece a traxectoria no noso dosier.

Ecléctica Ensemble presenta o seu disco en sociedade na Coruña e Vigo

Xénero: Electrónica | 12 / 9 / 2008 + AUDIO

not_12437.jpg

O colectivo musical no que militan Ugia Pedreira, Ramón Pinheiro, Nacho Muñoz, Richard Rivero e Phiplippe Copin entre outros volve á carga na presentación do seu primeiro disco autoeditado Ecléctica Ensemble. Malia que o 19 de xuño fixérase xa una festa de presentación do disco é agora, pasado o verán e os compromisos dos músicos, cando fan una presentación en sociedade a través de dous encontros co seu público na Coruña e Vigo. Ramón Pinheiro e Nacho Muñoz actuarán como voceiros do colectivo presentando a filosofía deste peculiar traballo musical. As citas comezan hoxe ás 19 horas na Fnac da Coruña e seguen o vindeiro martes ás 11:45 horas no MARCO en Vigo. Un espectáculo multimedia amenizará as presentacións. O vinilo de seis temas ven acompañado por un CD coas cancións e un cartel deseñado por Pancho Lapeña de Aduaneiros sem fronteiras. Ecléctica Ensemble naceu ao abeiro do Conservatorio de Música tradicional e Folque de Lalín no ano 2000.

Som do Galpom gaña o II Nsaio no Camiño

Xénero: Fusión | 5 / 9 / 2008

imaxe non dispoñible

O quinteto de Ames Som do Galpom fíxose gañador do II Certame Nsaio no Camiño, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e o Xacobeo. O grupo asinará agora un contrato cunha discográfica estatal e outro cunha empresa de management. Canda a eles, chegaron á final Maryland, Telémaco, Sinefres e Loba Loo dos 150 grupos que se inscribiron no certame. Os finalistas terán agora a oportunidade de participar en circuítos de música ao vivo e diferentes eventos.

<< Inicio / Anterior . 1131 a 1140 de 1439 . Seguinte \ Fin >>