Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Cantos na maré chega á súa sexta edición

Xénero: Miscelánea | 26 / 11 / 2008

imaxe non dispoñible

Cantos na maré, o Festival Internacional da Lusofonía, chega o vindeiro mes de decembro á súa sexta edición en Pontevedra. O evento contará desta volta coa presenza de Sérgio Godinho, Waldemar Bastos, Sara Tavares, Paulinho Moska e Xabier Díaz. Ademais do concerto que se celebrará o vindeiro sábado 13 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, o evento inclúe a proxección de documentais entre os días 10 e 13 de decembro, encontros de creadores e un proxecto de creación dunha rede coma punto de encontro entre os espazos da lusofonía.

O disco en solitario de Roi Casal sae á venda hoxe

Xénero: Folk | 24 / 11 / 2008 + AUDIO + VIDEO

not_13534.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible nas tendas o disco Lendas Douradas, primeiro en solitario do arpista de Milladoiro. O álbum editado por PAI Música recolle 12 temas maioritariamente cantados e compostos por Roi Casal, malia que tamén déixase escoitar a voz de Silvia Ferre nalgunhas cancións. Hai, no repertorio que ofrece o disco, unha variedade de matices musicais, que van desde a virtuosidade de Casal na arpa en temas como Fandango e Recordos da infancia ata a presenza do rock eléctrico en temas como Inimigos ou, en menor medida, Noite de San Xoán. A revisión do folk popular e mesmo do cancioneiro medieval tamén teñen cabida en Lenda Dourada No capítulo das letras cabe destacar o protagonismo das achegas poéticas de Manuel María e Rosalía de Castro ao disco.

La Voz de Galicia lanza un coleccionable sobre música tradicional

Xénero: Folk | 24 / 11 / 2008

imaxe non dispoñible

Dez libro-discos de sesenta e oito páxinas con cadanseu CD que inclúe dez cancións por entrega. Esta é a proposta que fai o xornal La Voz de Galicia con O son e a terra, o coleccionable que comezará o vindeiro trinta de novembro. O proxecto recupera temas tradicionais do país vencellándoos a diferentes áreas xeográficas. Ademais, os libros achegarán información sobre os elementos sociais, culturais e naturais de cada unha destas zonas. A nivel musical, os discos recollerán dúas versións dos diferentes temas, unha interpretada por formacións tradicionais e outra que inclúe instrumentos do folk máis contemporáneo coma o acordeón, a frauta, o violín ou o bouzouki.

Pontevedra acolle o primeiro encontro sobre música contemporanea para gaita

Xénero: Folk | 17 / 11 / 2008

imaxe non dispoñible

Musgafol é o título do concerto que amosará, o vindeiro venres 28 de novembro, as posibilidades da gaita de fol para interpretar música contemporánea en compañía do piano. Este evento, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra, contará coa presenza de nomes coma Óscar Ibáñez, Pablo de Vigo, Olalla Bouzas, Agustín Sánchez ou David Bellas entre outros. As actuacións gravaranse para a posterior edición dun CD deste concerto. Con esta inciativa quérese reivindicar as composicións realizadas especificamente para a gaita no século XXI no marco da música académica.

Un disco para manter viva a memoria musical de Rianxo

Xénero: Folk | 14 / 11 / 2008

not_13472.jpg

Como “a mellor demostración dun secular e fecundo diálogo entre a tradición e o futuro de todos nós” considera Xosé Luis Axeitos, académico da RAG a gravación e edición do CD Son de Rianxo no que el asina un texto a modo de introdución. Dezaseis cortes de música tradicional a cargo de gaiteiros e formacións da zona do Barbanza, como Ramón Carou, Xosé Figueiras, Os Cangrexeiros ou Río do Anxo entre outros conforman este disco do que se tiran 1.000 exemplares e que presentan hoxe ás 20:30 horas no CEP Brea Segade de Taragoña. O disco é froito dun traballo de recollida sonora e gráfica por parte de Educaldea, un proxecto de educación activa coordinado por docentes de dito centro escolar, en colaboración coa asociación cultural Barbantia. A gravación realizouse nos estudos da Radio Galega.

Vellas Artes o novo traballo conxunto de Vaamonde, Lamas e Romero

Xénero: Folk | 11 / 11 / 2008 + AUDIO + VIDEO

not_13441.jpg

Cunha clara chamada á tradición cultural, Vellas Artes titulase o disco que desde hoxe está á venda de Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero. Os tres multinstrumentistas, amplamente coñecidos no eido da música tradicional a través de proxectos como Nova Galega de Danza, Luvas verdes e outros, únense neste álbum editado pola discográfica Falcatruada para presentar unha proposta “atrevida pero divertida”. O disco ofrece once cortes, aos que dan en chamar “11 historias musicais” e unha pista audiovisual cun fragmento dun concerto no Parlamento de Galicia. Música tradicional cunha nova vestimenta sofisticada e elegante é que promete unha posta en escena na que a música e a oralidade estean presentes a partes iguais.

Xoán Manuel Tubío: "Queremos que este sexa un centro integral que cubra un baleiro que hai na sociedade"

Xénero: Folk | 6 / 11 / 2008

imaxe non dispoñible

Nos últimos anos estamos a asistir á apertura de distintos centros que levan o ensino da música tradicional a un novo nivel. A propostas coma o Conservatorio e a Central Folque, ou o E-Trad de Vigo, súmase desde hoxe a Tradescola. Este centro lucense achegará clases de gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación. A Asociación de Gaiteiros Galegos é a encargada de xestionar esta iniciativa, e o seu secretario, Xoán Manuel Tubío, explícanos as bases do proxecto.

Projecto [Trepia] faise co GZ Crea de música

Xénero: Folk | 30 / 10 / 2008

imaxe non dispoñible

O xurado do certame GZ Crea de Música decidiu outorgarlle os 3.000 euros do primeiro premio ao grupo Projecto [Trepia] polos seus temas A roseira e Leghons. A final do certame GZ Crea na categoría de música, que se celebrou o pasado día 28 nos locais de ensaio do Estadio de San Lázaro, en Compostela. Noise Project fíxose cos 1.500 euros do segundo premio mentres que o terceiro posto foi compartido para Os Gru e Anxo Graña.

Galaxia gravará contos clásicos coa Real Filharmonía

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 10 / 2008

imaxe non dispoñible

O proxecto Musicontos de Galaxia bota a andar. A Real Filharmonia de Galicia gravará mañá e pasado, no marco de dous concertos didácticos, as adaptacións musicadas de A Cinsenta, Os tres porquiños e A Sereíña. Estes mesmos títulos serán publicados en formato álbum con textos de Xosé A. Neira Cruz e ilustracións de Rodrigo Chao, Federico Fernández e Enjamio, respectivamente, e acaompañados de cadanseu CD. O lanzamento das obras está previsto para o vindeiro mes de novembro.

Os profesores de Música Tradicional analizarán a presenza desta materia no ensino

Xénero: Folk | 28 / 10 / 2008

imaxe non dispoñible

A presenza da música tradicional no ensino obrigatorio é un dos eixes do III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional, que comeza o vindeiro venres 31 de outubro no Auditorio de Galicia. Segundo explicaba esta mañá na presentación do evento Olimpio Xiráldez, da Asociación de Gaiteiros Galegos "esta materia non se toca no esnino regrado, é unha eiva grande". Canda a esta cuestión, o evento analizará a presenza da nosa tradición sonora nos conservatorios e iniciativas coma as escolas de música tradicional. Segundo adiantou a Asociación de Gaiteiros, que organiza o congreso, hai apuntadas ao mesmo 280 persoas e unha lista de agarda que supera tamén os 200 interesados. A respecto de anteriores edicións, incrementouse o número de obradoiros para ensinantes, que teñen un grande éxito segundo os organizadores.

<< Inicio / Anterior . 1081 a 1090 de 1395 . Seguinte \ Fin >>