CRÍTICAS / 346
SOBRE O LIBRO"MAKINARIA"
Born to run
Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.
SOBRE O LIBRO"A PRAIA DOS AFOGADOS"
O cubo de Rubik
Malia imaxe un tanto exótica e peculiar de Galicia que transmite, que pode afastar a lectores asíduos da literatura galega, Domingo Villar arma un complexo e entretido xogo cunha trama de misterio moi traballada e que resulta case prodixiosa. Despois do éxito colleitado polo autor con Ollos de auga (2007) a esta nova entrega da serie negra protagonizada polo inspector Leo Caldas augúraselle tamén un grande percorrido de vendas e de lectores.
SOBRE O LIBRO"CHAMáDEME SIMBAD"
Unha palabra fea
O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. Francisco Castro diríxese nesta súa nova obra a lectores máis novos que en textos anteriores. A historia seduce polo acerto no deseño do pequeno narrador, polas constantes apelacións aos lectores e a introdución de efectos de recoñecemento e mais por non existiren demasiadas concesións no retrato desta familia na que o protagonista loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.
SOBRE O LIBRO"PEAXES"
A banda sonora da autoestrada
O cobrador de peaxe dunha autoestrada decide escribir un caderno con hipóteses sobre a vida dalgúns condutores que pasan a cotío por ela. Coa imaxinación crea un universo ao ritmo da música que sae dos vehículos ao baixar a xanela para pagar, un planeta movido por anacos de conversas que desaparecen a cen quilómetros por hora. Un relato que engancha, inzado de cancións de moitos estilos, de diálogos intrascendentes, de reflexións sobre a sociedade contemporánea.
SOBRE O LIBRO"HISTORIA SOCIAL DO DEPORTE EN GALICIA. 1850-1920"
Velocidade social
O arraigamento das prácticas deportivas como unha forma de cultura cívica é o obxecto desta indagación histórica, que emprega un amplo abano de fontes documentais e hemerográficas. A ximnasia, o excursionismo, os deportes británicos ou a transformación de prácticas tradicionais en competicións deportivas son os comezos dunha actividade propia do mundo contemporáneo que establecerá un auxe a partires da primeira década do século XX.
SOBRE O LIBRO"PARA SEGUIR BAILANDO"
As sombras do noso espello
Dez relatos constitúen este novo libro de Francisco X. Fernández Naval que se alimenta de temas moi presentes na actualidade do mundo que nos tocou vivir e no que o autor dá boa mostra da súa habilidade narrativa a través da multiplicidade de recursos utilizados e dunha pulcritude formal e lingüística digna de remarcar.
SOBRE O LIBRO"A GALICIA CASTREXA"
Paseo pola Idade de Ferro
Atopámonos ante unha síntese actualizada sobre a Idade do Ferro galaica, que cumplindo cun obxectivo divulgativo aborda no seu conxunto tanto o estudo dos castros como os aspectos máis salientables da sociedade que habituou neles: a relixión, a economía, a guerra ou a vida cotiá. Manual orientativo de utilidade tanto para o público xeral como para estudantes de primeiro de carreira.
SOBRE O LIBRO"O TRADUTOR CLEPTóMANO"
Chegada e descubrimento de Kostolányi
Kosztolányi describe a vida centroeuropea de entreguerras, de burgueses e soñadores, cun filtro acedo, crítico e cruel pero tamén dun xeito atemporal, facendo das cousas máis cotiás e das historias máis incríbeis unha alegoría dos caracteres de todos os seres humanos. Relatos locais que conseguen a universalidade cunha escrita que mira á realidade directamente aos ollos e desvela os secretos íntimos miudos pero importantes das persoas.
SOBRE O LIBRO"NON SON DE AQUí"
O libro dos lugares
María do Cebreiro intenta nesta obra escribir poesía como se non houbese poesía. Poida que por iso mesmo este poemario difire do resto da súa obra por unha escasa presenza de paratexto e a dosificación, con respecto a obras anteriores, do xogo intertextual. Unha cartografía íntima escrita desde a desposesión e a distancia no que o discurso se vai ramificando en direccións diversas: o amor, o paso do tempo, a estranxeiría ou a memoria colectiva e familiar.
SOBRE O LIBRO"RECONQUISTA: VIGO EN ARMAS"
Un pobo en armas
Eduardo Rolland relata, con técnica narrativa de fonda concepcións xornalística e baseándose en sólidas fontes documentais, os acontecementos vividos en Vigo e Galicia durante 1809, deixando que falen os feitos e os seus protagonistas. Un feito histórico riquísimo en acontecementos que agora, coincidindo co bicentenario da fundación da cidade, se presenta de forma desmitificadora neste libro.
SOBRE O LIBRO"O MUSEO DO POBO GALEGO, CONTEDOR DE VALORES"
Unha noite no Museo
O libro, síntese da tese de doutoramento de Fátima Braña, aborda unha crítica do Museo do Pobo Galego dende dentro da propia institución. A autora fornece valiosos elementos de análise e avaliación, resultado do escrutinio de aspectos relevantes como a orixe e precedentes do Museo, a súa estrutura e a organización interna dos departamentos e servizos, así como a base social constituída polos socios e usuarios.
SOBRE O LIBRO"QUEN MATOU A INMACULADA DE SILVA?"
Amor ou vinganza?
Etelvina de Silva descobre a súa vocación literaria investigando o seu pasado familiar, que a levará a tratar de desvelar que sucedeu realmente na casa familiar hai tres décadas cando morreron Antón do Cañote, un fuxido, e Inmaculada de Silva, unha antepasada, unha beleza a quen todos din que ela moito imita. A novela comparte trazos da resolución dun misterio, o crime sen resolución certa, con outros propios das narracións de tipo iniciático. Sospeitas e conxecturas acadan un lugar decisivo e conducen o lector cara a un final aberto, pois non existe no discurso a reconstrución certa do que aconteceu e a narradora invítanos a escoller o desenlace en función das nosas propias conclusións: “historia de amor ou de vinganza?”.
SOBRE O LIBRO"A FUXIDA DO PORTIñO"
Moito máis que unha barca no mar
En marzo de 1937 un grupo de homes defensores da legalidade republicana idean un plan para fuxir da Galicia franquista antes de seren apresados e, posiblemente, asasinados. Este é un dos acontecementos máis destacados dese período e ao mesmo tempo un dos máis descoñecidos. A obra achega unha visión de conxunto e moi clara dos feitos, xa que son analizados no seu contexto, tanto a nivel local como ao mesmo tempo no devir histórico de Galicia.
SOBRE O LIBRO"O GLOBO DE SHAKESPEARE"
O limón da discordia
A obra gañadora do Premio Terra de Melide 2008, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, o escape das vidas, a soidade e unha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. As pezas do quebracabezas van casando para que este globo se convirta nun Hamlet actualizado, esta vez en forma de novela e contarnos que os males do mundo non empezaron cunha mazá, senón cun limón.
SOBRE O LIBRO"LIBRO DE ALICIA"
O tobogán de raíces
Obra premiada no VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria. A terceira obra de Olalla Cociña mostra unha interesante evolución na súa poesía. Espremendo a materia da memoria, a autora inicia un descenso polo “tobogán de raíces que se perden / no fondo baixo a terra” para debuxar, con cicatrices da vida e do paso do tempo, a amorosa figura de Alicia.
SOBRE O LIBRO"A FADA DAS LAPAS"
Mitos para interpretar o mundo
Na súa segunda obra Manuel Janeiro ofrece unha narración que é asemade unha metáfora do noso tempo ao falar da sedución, do amor, da ruptura da parella e da perda dos fillos. Ao final da interpretación simbólica podemos ver neste relato unha alegoría da loita da cultura, representada polo mundo da sociedade humana, fronte á natureza, representada pola fada. Unha edición singular que destaca tamén polas fermosas ilustración e o coidado da súa materialización formal.
SOBRE O LIBRO"A ELEGANCIA DO OURIZO"
Das belezas latentes
Coa súa segunda novela, Muriel Barbery converteuse en pouco tempo nunha revelación literaria, primeiro en Francia e logo en toda Europa. Unha novela que fai pensar, entre outras cousas, na función social da Arte, nas realidades ocultas á nosa vista e na xente que vive ao noso carón. O relato constrúese, segundo Lorena Domínguez, cunha “perfecta ensamblaxe de estratos máis e menos profundos, de referencias culturais habitualmente restrinxidas a un ámbito erudito imbricadas agora na existencia cotiá das personaxes”.
SOBRE O LIBRO"COSTA NORTE/ZFK"
Arredor do Borrazás style
Un acontecemento traumático na costa de Galiza dá paso a unha narración que revela unha sociedade que vive nun pesadelo contínuo, unha anti-utopía perversa. Xurxo Borrazás fai unha incursión nas zonas escuras de outras realidades alternativas. O texto mestura tempo presente e tempo pasado coma as pezas dun puzzle que o receptor se ve obrigado a reconstruír. Postmodernismo en estado puro segundo a crítica de Montse Pena.
SOBRE O LIBRO"A GALICIA ANTILLANA: FORMACIóN E DESTRUCIóN DA IDENTIDADE GALEGA EN CUBA, 1899-1968"
Galicia naceu en Cuba
Entre 1899 e 1960, cerca de 400.000 galegos escolleron Cuba como o seu destino migratorio. Ali naceu e desenvolveuse a identidade galega no contexto da comunidade emigrada. Este traballo achega numerosa documentación da época acompañada de cento cincuenta e catro historias de vida dos emigrantes galegos que aínda viven na illa e que constitúen o legado do que foi unha das diásporas máis importantes acaecidas en Galicia ao longo do pasado século.
SOBRE O LIBRO"OS ANIMAIS DOMéSTICOS NA HISTORIA DE GALICIA"
Unha animalada de libro
Galicia tense caracterizado tradicionalmente pola importancia que os animais tiveron e teñen na cultura e na forma de vida do seus habitantes. Diversos traballos multidisciplinares conforman un libro interesante e de áxil lectura que axuda a comprender mellor o papel que teñen xogado os animais na conformación da nosa sociedade.