Galicia tense caracterizado tradicionalmente pola importancia que os animais tiveron e teñen na cultura e na forma de vida do seus habitantes. Diversos traballos multidisciplinares conforman un libro interesante e de áxil lectura que axuda a comprender mellor o papel que teñen xogado os animais na conformación da nosa sociedade.
12 / 1 / 2009
Xurxo M. Ayán. Santiago
Aos que estudamos
Fundamentos da Etnoloxía no primeiro curso na Facultade de Historia compostelá a mediados da década de 1990 non nos colle de sorpresa a publicación deste libro. Quen impartía a asignatura antedita era o profesor Vázquez Varela, quen xa daquela nos amosaba cun amplo anecdotario a potencialidade dunha liña de investigación sobre a veterinaria popular galega dende unha perspectiva etnoarqueolóxica e etnohistórica. De feito, este autor, un dos coordenadores do libro, soubo crear escola, dende as súas pescudas de campo na Serra dos Ancares a finais dos anos 60 e comezos dos 70, até os traballos de investigación desenvoltos polos seus alumnos e discípulos, algún dos cales colabora neste volume colectivo.
Veterinaria compartida
Sen dúbida, o valor máis destacado e suliñable deste libro é o seu enfoque interdisciplinar, xa que abrangue aportacións de recoñecidos especialistas na historia da Veterinaria no NW da Península Ibérica (capítulos III e IV), boas sínteses sobre a historia dos animais domésticos en Galicia (da man do propio Vázquez Varela) e artigos de historiadores modernistas interesados polas mentalidades e as prácticas de subsistencia. Destaca neste último aspecto, o excelente traballo de Hortensio Sobrado Correa (capítulo II) sobre a caza defensiva, amosando a evolución das monterías e cazas de lobos no Antigo Rexime. Pola súa vez, esta investigación compleméntase moi ben coa análise documental desenvolta por Gonzalo F. Fernández Suárez que, con mestría, debulla nos legaxos do conde de Ribadavia no século XVI na procura de referencias á avenza e animais de compañía cos que contaba unha familia noble galega da época.
En liñas xerais todos estes traballos conforman un libro interesante e de áxil lectura, se ben, na nosa opinión, botamos en falta un capítulo a xeito de introito que presente o volume ao lector e forneza información sobre os alicerces e desenvolvementos da liña de investigación que lexitima e dá corpo a este volume colectivo. Doutra volta, a historia dos animais domésticos desenvolta no capítulo V, se ben está escrita nun atinado ton divulgativo e didáctico, tamén é certo que non recolle aportacións recentes ao tema dende a Arqueoloxía, no tocante á documentación de determinadas especies en xacementos escavados nos últimos anos. Asemade, cremos que un capítulo adicado aos animais de compañía na longa duración podería ser de interese para grande parte dos lectores potenciais deste volume, que aloumiñarán á súa mascota mentres len un libro que, sen dúbida, mercaron polo seu amor e interese polos animais.
Animais, ánimas e alimañas
Pero non só os animais son os protagonistas nesta obra. Nestes últimos días, vivimos un acontecemento histórico no país: un marrao de nome
Quinín, salvouse da súa vesánica sorte grazas ao agarimo (traducido a euros) dos cidadáns. Un feito microhistórico que sanciona unha realidade que aparece perfectamente reflectida no volume que recensionamos hoxe, nomeadamente nos capítulos I e VIII: o valor simbólico que a sociedade rural tradicional galega lle conferiu de sempre aos animais, non só ao gando. Prácticas e crenzas que no século XIX eran consideradas
supersticiones vulgares, son o pan de cada día para os veterinarios e veterinarias que labouran polas bisbarras de Galicia, rexistrando, consciente ou inconscientemente, todo un Patrimonio material e inmaterial en vías de desaparición. Neste senso, estes profesionais seguen a reproduci-la esgrevia tradición dun gremio que, dende mediados do século XIX, desenvolve un labor etnográfico e político de primeira orde no país (véxase como eemplo o capítulo IV).
Grazas a este libro veremos que non son cousas do pasado. Comprenderemos a complexa realidade mental do agro galego a comezos do século XXI, co seu conflicto entre Tradición e Modernidade. Entenderemos mellor todo o mundo que se agocha tralos nomes escritos a man nun calendario nunha corte da Terra de Lemos, sinalando os cruces entre vacas e sementais: Marela- Robocop, Blanca-Stoichkov, Pinta-Terminator. Entenderemos por que a audiencia dun programa de radio local do Barbanza se volca para elixi-lo nome do can máis antigo documentado en Galicia (can de Neixón, século III a. C.). Non, non lle puxeron Soult ou Ney, senón Bobby. E eu comprenderei por que o meu bisavó, nos seráns do inverno na aldea de Cereixa, tocaba a caixa (o tambor) pola corredoira da fraga para espanta-lo lobo... ou o demo.