lg3
inicio » lg3 » críticas

CRÍTICAS / 346

SOBRE O LIBRO"O XARDíN DAS PEDRAS FLOTANTES"
A imaxinación contra a lei da gravidade
Lorena Domínguez Mallo comenta as virtudes da obra de Manuel Lourenzo González, gañadora do XXV Premio Xerais de Novela. Un relato que seduce pola forza da historia que conta, unha historia de historias cun microcosmos de imaxinarios agochado nas súas páxinas e co que podemos viaxar a través do tempo e do espazo ata límites insospeitados.


SOBRE O LIBRO"O LIBRO DAS VIAXES IMAXINARIAS"
A viaxe de quen le
O libro gañador do Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado do 2008 outorgado polos editores galegos invita a un paseo demorado polas súas páxinas, a se recrear nas súas palabras e imaxes. Cadernos de viaxe evocadores e poéticos que nos propoñen unha viaxe ao interior de nós mesmos, que nos trasladan a mundos imaxinados reais e fantasiosos, uns relatos que nos invitan a gozar do pracer da lectura.


SOBRE O LIBRO"XENARO E O MISTERIO DA MOCHILA VERDE"
A chispa de Xenaro
Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta primeira novela de Mar Guerra, resultou gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008. Debuta a autora con acerto nesta narración sinxela que transcorre no ámbito escolar, nun mundo de barrio no que conviven diferentes personaxes, e cun protagonista que é un dos grandes atractivos do libro.


SOBRE O LIBRO"UN HOME NA ESCURIDADE"
As múltiples realidades de Auster
A nova novela de Paul Auster enfróntase ás pantasmas da sociedade contemporánea a través dunha historia-marco, protagonizada por un escritor ou un crítico literario, dentro da que se desenvolven outras en paralelo, normalmente maxinadas por este. Un paso máis na mesma dirección do resto das súas novelas, que amosa de novo que a obra de Auster só pode lerse, só adquire verdadeira significación cando a contemplamos como un macrotexto.


SOBRE O LIBRO"NADJA C´EST MOI"
A existencia de Nadja
Na singular concepción da obra, así como na tensión conseguida entre realidade e soño é onde radican, segundo María Xesús Nogueira , os principais valores deste libro, gañador do X Premio de Poesía Concello de Carral. Un libro solidamente trabado, escrito cunha linguaxe que bota man con frecuencia de expresións en francés e mesmo en alemán para procurar o contrapunto ou o matiz, así como de elementos do cotián.


SOBRE O LIBRO"ANTíGONA. A CARTUXEIRA. NEURAS"
O motor verbal da consciencia
Nestas tres pezas teatrais de diferente rexistro dramático a palabra xera o contacto co mundo e inicia un compromiso que atinxe o pensamento, os criterios e as conviccións. Treitos dramáticos dun proxecto ético e político, fondamente comprometido co feminismo as tres pezas asentan na potencia que a autora lle confire á palabra, sobre todo cando se trata de teatro. En Antígona. A Cartuxeira. Neuras, o verbo é poder, desexo de cambio, subversión e consciencia.


SOBRE O LIBRO"FENDAS ABERTAS"
As faces do nacionalismo
Carlos Taibo ofrece un valioso material desde o que repensar moitas das discusións que se interesan pola cuestión nacional e a súa relación coa globalización, coa esquerda e o Estado a principios do século XXI. O fío condutor é a explicación do fenómeno nacionalista en diferentes latitudes que teñen en común un fito: a poboación que habita eses territorios, en maior ou menor medida, atende a diversos postulados nacionalistas.


SOBRE O LIBRO"A CABEZA DE MEDUSA"
Onte e hoxe: o mito de Medusa
Con esta obra galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, a autora introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación. Un conflito extraído da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente que ten ante si un universo de interrogantes, dúbidas e adversidades que acontecen no seu contorno. A construción formal da narración ofrece unha intelixente estrutura e a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.


SOBRE O LIBRO"PODEROSA"
E se Deus fose unha muller?
Nun equilibrio entre verdade real e verdade fantástica Sérgio Klein crea unha ficción con capacidade de rachar esterotipos e cuxa lectura desprende diversión. Dous alicerces fundamentais dunha obra, a primeira dunha saga, que ven de triunfar entre os lectores do Brasil e que ten moito potencial para conseguilo tamén aquí.


SOBRE O LIBRO"UNHA PRIMAVERA PARA ALDARA"
Da novela ao teatro, a eterna primavera de Aldara
A obra galardonada co Premio de Teatro Rafael Dieste 2007 da Deputación da Coruña é un exemplo case paradigmático do “teatro para ler” tocado polo encanto da literatura de Teresa Moure canto á selección do tema e do punto de vista, sempre novidoso e mesmo provocador. Unha confrontación coa tradicional lectura e interpretación da Idade Media e unha reivindicación da muller como individuo independente capaz do amor máis romántico.


SOBRE O LIBRO"ESCRITOS SOBRE ARQUEOLOXíA"
A ledicia dunha nova descuberta
Mentres o ano está en curso e a homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez segue vixente esta coidada edición compendia nun único volume artigos esparexidos por numerosas revistas especializadas, de non doada consulta para o público en xeral. Dentro da na obra inmensa deste autor, é fundamental o labor de recollida, estudo, documentación e difusión da arqueoloxía e do patrimonio histórico. O presente libro constitúe un auténtico espello no que se reflicte a evolución da Arqueoloxía do noso país ao longo de grande parte do século XX.


SOBRE O LIBRO"LáTEGO DE ALGAS"
A pirotecnia que rebenta o iceberg
Antón Reixa sorprende ao seu lector con esta obra desconectada da súa traxectoria poética pola súa temática amorosa dunha intensidade lírica descoñecida en obras anteriores. A evolución como escritor deste polifacético artista vencellado á cultura dos 90 e ao actual panorama audiovisual suscita a curiosidade ante este poemario.


SOBRE O LIBRO"A CHOIVA DO MUNDO"
A fortuna axuda aos audaces
Obra gañadora do Premio Torrente Ballester 2007. Nela Xosé M. Pacho Blanco revélase como narrador cun mosaico feito con anacos da vida no que o amor e o desamor, a loucura, a soidade e a terra se encarnan en máis dun cento de personaxes de lugares e tempos dispares. A habilidade para integrar materiais e técnicas moi heteroxéneas resulta unha das principais bazas deste autor para situarse nunha posición de vangarda dentro do panorama narrativo galego actual.


SOBRE O LIBRO"ATRACCIóN TOTAL"
Ollada libre e de muller
Unha sorte de caixa de Pandora da que non deixan de saír historias da xénese máis diversa para quen goce coas tramas que se perden e se reencontran, para quen ature o caos e, moi especialmente, para quen saiba remexer, paciente, nun baúl de palabras, ata quedar coas que debe gardar. Carmen Blanco tece a súas redes con dúas premisas: a defensa da liberdade e o feminismo activo.


SOBRE O LIBRO"FESTINA LENTE"
Os misteriosos destinos da palabra escrita
Primeira novela dirixida directamente ao público adulto de Marcos S. Calveiro. Novela histórica, ambientada na Compostela do século dezasete, propón ao lector unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia. Calveiro demostra nesta novela ser un hábil narrador que sabe combinar os acontecementos e datos históricos co desenvolvemento novelesco, administrando dunha maneira moi adecuada diferentes recursos narrativos.


SOBRE O LIBRO"HORDAS DE ESCRITURA"
Botar por fóra a escritura
Este libro é tamén a terceira entrega dunha pentaloxía que Chus Pato vén construíndo baixo o título xenérico de Método. A aparición desta nova achega mostra como a lava poética das composicións de Chus Pato reborda tamén o recipiente do libro e precisa a creación dunha estrutura superior. Un libro denso e complexo, no que a autora continúa o seu camiño de exploración poética con instrumentos coñecidos que chegan a facer rebordar os moldes do texto.


SOBRE O LIBRO"TEMPO DO PAI"
A esencia do cotiá
Evocación relatada con sensibilidade literaria e emocional, esta é a biografía de Xosé María Álvarez Blázquez escrita desde a lembranza íntima dos instantes e das imaxes que configuran a memoria do seu fillo. Se con “Memoria de poeta” (2006), a súa fermosa e temperá autobiografía, Cáccamo demostrara que a súa prosa está á altura do seu verso, “Tempo do pai” vén ser a confirmación de que a lembranza é para el materia creadora fértil.


SOBRE O LIBRO"PAN E COITELO"
Un folletín detectivesco nada sentimental
Un relato policial (con crime perfecto), estampas políticas do fraguismo terminal, varios sketchs costumistas que declinan a xovialidade do folclore actual, un retrato de familia, dúas crónicas de viaxes (a Suiza e Oriente Medio) e outras tantas historias de amor. O narrador retrata a corrupción do campo da política en perigosa danza co campo económico (xuntos coma o pan e o coitelo) e a degradación moral resultante de antepoñer os intereses privados aos públicos.


SOBRE O LIBRO"LíA E AS ZAPATILLAS DE DEPORTE"
Literatura como vehículo do compromiso
Unha novela que convida a reflexionar aos nenos e nenas sobre a súa responsabilidade en colaborar para facer un mundo máis xusto. Unha historia con indubidable utilidade para a formar seres humanos que fagan un mundo mellor, malia que ese fin conséguese cun sacrificio da cualidade narrativa do texto literario.


SOBRE O LIBRO"MONTERO RíOS E COMPOSTELA"
O cerne compostelán da Restauración
Montero Ríos foi un dos políticos que se mantivo nos círculos do poder durante médio século, unha das personalidades máis destacadas da historia contemporánea de España. Marga Barral reflexiona sobre súa pegada na Compostela que o viu nacer e crecer politicamente e como, cando ocupou os cargos máis importantes do goberno do estado, sempre se preocupou de manter fidelidades e redes clientelares na cidade e a súa bisbarra.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal