Evocación relatada con sensibilidade literaria e emocional, esta é a biografía de Xosé María Álvarez Blázquez escrita desde a lembranza íntima dos instantes e das imaxes que configuran a memoria do seu fillo. Se con “Memoria de poeta” (2006), a súa fermosa e temperá autobiografía, Cáccamo demostrara que a súa prosa está á altura do seu verso, “Tempo do pai” vén ser a confirmación de que a lembranza é para el materia creadora fértil.
30 / 6 / 2008
Montse Pena. Santiago
O biográfico é un xénero singular: obriga ao lectorado a transitar a feble liña que separa a fabulación dos sucesos reais, clarea ángulos escuros mentres suscita novas dúbidas sobre o personaxe, e, sobre todo, provoca que quen lea se introduza de cheo na intimidade do persoeiro: quizais nese detalle nimio que axuda a comprender unha actitude ou un ollar, mais tamén un poema clave ou esa frase célebre. O sistema literario galego era ata hai ben pouco remiso a este tipo de obras, mais a persistencia da colección "Memoria" de Editorial Galaxia está a dar acubillo a creacións que toman os dominios da lembranza como punto de partida. A pesar da aparente resistencia das plumas do país a dar ao prelo textos memorialísticos, epistolarios ou biografías, a celebración das Letras Galegas sempre se presenta como escusa inmellorable para afondar no percorrer vital do homenaxeado con máis ou menos fortuna.
No caso de Xosé María Álvarez Blázquez, ademais dos habituais traballos divulgativos dirixidos ao mundo educativo e/ou académico (entre os que resaltan os preparados por Darío Xohán Cabana, Clodio González ou Henrique Rabuñal), os lectores e lectoras contan con “Tempo do pai”, a evocación das súas vivencias máis persoais por parte do fillo, X. Mª Álvarez Cáccamo. A obra, lonxe de ser unha biografía ao uso, marcada pola cronoloxía, organiza retallos de vida do autor a partir de seis motivos simbólicos; todos eles habilmente explotados pola prosa contida e poética de quen asina o texto. "As mans de pergamiño" do pai sérvenlle para traer ao presente as extremidades que lavan e agariman, que coidan aos cativos, que topan pezas arqueolóxicas, que trazan liñas no aire, que gozan pintando con brocha gorda e que nos anos finais da súa existencia, magoadas por unha roseira, xa nunca se recuperan. "A alba insomne" (parte do título dun poemario seu, “Sonetos del alba insomne”) é empregada para metaforizar aquela noite tudense en que Álvarez Blázquez e o resto dos irmáns souberon que os fascistas fusilaban ao pai ao escoitar o bater do son das balas, mais tamén ten a súa xustificación no insomnio que padeceu o autor e que pulaba pola súa creación e traballo intelectual. "A vida contada" responde á parte biográfica máis usual: repaso conciso das orixes familiares, dos lugares gravados na mente, do amor por María Luísa, da formación intelectual e política e desa marcada tendencia á dispersión que apunta directamente á súa polifacecia. "Don da amizade" deixa constancia dos seus lazos de verdadeira irmandade con Xoán Vidal, con Álvaro Cunqueiro, con Bouza Brey ou con Fernández del Riego, namentres nos desvela outras facetas súas coma a do cantante de baladas e tangos na intimidade. "Bibliofilia radical" fálanos das lecturas que conseguiron que Álvarez Blázquez fose poeta (e intelectual) en tempos de miseria, como diría Celso Emilio, e vencella o seu longo ronsel lector (de clásicos universais, estatais e galegos imposibles de debullar neste espazo) co seu traballo de creador e de editor. Por último, "A terra no centro" afonda nas súas conviccións sociais e políticas: no fondo galeguismo dende a mocidade (marcado pola figura de Alexandre Bóveda) mantido con esforzo e solidariedade nos anos do franquismo e alimentado de esperanza no ocaso da súa vida, que lle permitiu asistir á morte do ditador. Porque un dos elementos en que máis incide esta evocación do fillo é que Álvarez Blázquez foi, ante todo, un home fiel: fiel aos que amaba e fiel aos ideais que guiaron toda a súa traxectoria persoal. Igualmente, as derradeiras páxinas deste Tempo do pai, "Tentativa dunha imaxe total", queren ser un cruce de camiños que condense os temas que se foran entretecendo (ás veces un tanto aleatoriamente) anteriormente. Nelas percíbese que Xosé María Álvarez Cáccamo quere que fiquemos, ademais, coa imaxe dunha persoa que, pese aos inconvenientes que o réxime político lle puxo no camiño, mantivo sempre unha vitalidade e unha forza abraiante para prender a luz en cada ámbito que abordaba.
Se con “Memoria de poeta” (2006), a súa fermosa e temperá autobiografía, Cáccamo demostrara que a súa prosa está á altura do seu verso, “Tempo do pai” vén ser a confirmación de que a lembranza é para el materia creadora fértil. Mais tamén de que a súa poesía e a súa narrativa forman un compacto macrotexto simbólico. O que nos amosa a importancia que para el cobran os lugares transitados e os obxectos cotiás, porque a esencia de quen marchou vive na monotonía das súas pertenzas máis sinxelas.