Unha sorte de caixa de Pandora da que non deixan de saír historias da xénese máis diversa para quen goce coas tramas que se perden e se reencontran, para quen ature o caos e, moi especialmente, para quen saiba remexer, paciente, nun baúl de palabras, ata quedar coas que debe gardar. Carmen Blanco tece a súas redes con dúas premisas: a defensa da liberdade e o feminismo activo.
1 / 9 / 2008
Montse Pena Presas. Sada
A nova obra de Carmen Blanco,
Atracción total, é unha sorte de caixa de Pandora da que non deixan de saír historias da xénese máis diversa. Historias que ás veces se repiten, quizais quedando baleiras de final ou quizais completándose definitivamente; unhas son coma unha luzada, breves mais intensas; outras ocorreron e doen coma unha ferida nova e aínda outras son tan fermosas que oxalá fosen reais. Consonte o lectorado vai avanzando nas súas páxinas, poderá comprobar que a prosa desta autora garda para quen se achegue a ela unha precisión aguda que tanto pode engaiolar como deixar indiferente. O máis probábel é que cada quen poida atopar nela retallos de ficción ou “trapallos sacados da vida”, breves mais intensos, que fiquen gravados na súa memoria lectora.
Atracción total constrúese dende as dúas concepcións básicas que se achan na produción anterior –tanto narrativa coma ensaística- de Blanco: a defensa da liberdade total e a postura activa en favor da causa das mulleres. O propio limiar é unha explicación da xénese do escrito, cinguindo a labor autorial ao traballo levado a cabo pola nai que “escolle os mellores trapos do seu saco de farrapos”. Hai, polo tanto (tamén pola alusión directa a figuras claves do feminismo, como Virginia Woolf ou María Zambrano) unha clara consciencia de inscribirse na tradición de mulleres escritoras e de facelo –como foi o habitual- dende a marxe, empregando as beiras das teas e nunca o seu centro. Este “patchwork” estrutural que especifica a escritora e que é empregado recorrentemente polas autoras feministas (na literatura galega abonda, para visualizar a imaxe, con lembrar a cuberta de
Herba moura de Teresa Moure), vén reivindicar a visión
outra dos acontecementos que se afasta da ollada patriarcal, única e unidireccional. Alén dos paratextos, na propia ficción tamén se encontran relatos que sustentan e exemplifican esta concepción. Así por exemplo, en “Cousas boas” a palilleira convértese nunha metáfora da escritora; namentres que en “A miña musa” se xoga coa estereotipación dos xéneros e co preconcibido para procurar a sorpresa e, en último termo, a ruptura co establecido.
A temática principal, como xa apunta o título, é o amor contemplado dende unha perspectiva liberadora. A pesar do protagonismo que acada o amor sexual e sensual, o que existe na cerna dunha parella (na obra personificado no relato das paixóns dos amantes de Augas Santas), a autora coloca ante o lectorado outros moitos tipos de sentimento amoroso: o irredutible que achega a amizade, o intenso que se establece na relación paterno ou materno filial e mesmo o que se xera con determinadas paisaxes, naturais ou urbanas, que acaban por resultar máxicas. Non obstante,
Atracción total é un cruce de camiños en que, ademais, se dan cita motivos e asuntos ben diferentes do anterior. Porque o drama dos malos tratos ás mulleres, a necesidade da recuperación da memoria histórica, a experiencia da maternidade, a evocación de instantáneas familiares ou a importancia do pacifismo son temáticas que arroupan o escrito e o fan versátil, por veces sorprendente.
Igualmente que refuga centrarse nun único motivo, a obra foxe de corsés xenéricos e fomenta a interartisticidade (principalmente co mundo da arte plástica, ao que hai diversas referencias). Blanco apunta no prólogo que a súa é unha creación que “cre nas infindas posibilidades do microrrelato”, mais no remate pódese comprobar como as historias que presenta abalan entre a narrativa breve e o haiku, que se suxire a través da concisión e a contundente mensaxe dalgunhas delas. Se esta prosa poética se torna tan característica é tamén porque moitos dos recursos estilísticos empregados remiten en primeiro lugar ao mundo do verso, como é o caso das aliteracións ou o fonosimbolismo.
Este non é un libro para aqueles lectores e lectoras que procuren unha ficción convencional ao uso, tampouco para os que esperen atopar tras estas páxinas liñas e liñas que subliñar., nin tan sequera para os amantes do relato brevísimo.
Atracción total é para quen goce coas tramas que se perden e se reencontran, para quen ature o caos e, moi especialmente, para quen saiba remexer, paciente, nun baúl de palabras, ata quedar coas que debe gardar.