Primeira novela dirixida directamente ao público adulto de Marcos S. Calveiro. Novela histórica, ambientada na Compostela do século dezasete, propón ao lector unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia. Calveiro demostra nesta novela ser un hábil narrador que sabe combinar os acontecementos e datos históricos co desenvolvemento novelesco, administrando dunha maneira moi adecuada diferentes recursos narrativos.
21 / 7 / 2008
Anxos García Fonte. Cabanas
A novela histórica semella gozar dunha saúde excelente na literatura galega; en apenas un ano publicáronse tres novelas que podemos encadrar dentro do xénero, curiosamente tamén todas ambientadas arredor do século XVI: As palabras da néboa (Galaxia) de Francisco Castro, O frío azul (Sotelo Blanco) de Ramón Caride ou María das Batallas (Galaxia) de Alfredo Conde. (Véxase a entrevista realizada a Marcos S. Calveiro no Blog Fervenzas Literarias).
Esta coincidencia lévanos, inevitabelmente, aos críticos a preguntarnos que misteriosa substancia andamos buscando, escritores e lectores, nesa pasaxe da nosa historia que quizais nos cure das preocupacións contemporáneas, ou polo menos nos dea as claves para entendelas mellor. Cada un destes escritores deixouse engaiolar por unha época de cambios profundos a nivel político, social e cultural que en Galicia supoñen a perda en grande medida do seu poder e influencia cultural no reino castelán e dan paso a ese período coñecido nos estudos literarios como Séculos Escuros, aínda que é evidente que non todos buscaban o mesmo e, a través das súas ficcións, achegan diferentes interpretacións dese momento histórico.
Marcos S. Calveiro demostra nesta novela ser un hábil narrador que sabe combinar os acontecementos e datos históricos (discurso historiográfico) co desenvolvemento novelesco (discurso ficcional) administrando dunha maneira moi adecuada diferentes recursos narrativos: ademais dun narrador heterodiexético que nos vai introducindo no ambiente do artesanato e do comercio dos libros na Galicia do século XVI-XVII, o autor apóiase tamén na incorporación á narración de textos presuntamente contemporáneos reproducidos en letra cursiva (cartas, testamentos, contratos...) que nos informan das circunstancias históricas que rodean a diéxese e dos costumes da época. Estes textos están indirectamente relacionados coa trama narrativa mediante alusións aos personaxes ou acontecementos da novela. Deste xeito, a utilización tanto do discurso historiográfico, como dos textos históricos –por exemplo os fragmentos do Livro dos Cambeadores (p.165-167)- ou supostamente históricos –a causa xudicial contra Ambrosio Cabaleiro (p.163)- serven para dar credibilidade á ficción novelesca: un bo exemplo atopámolo na páxina 37, cando o narrador, despois de que o aprendiz Ambrosio Cabaleiro se resistise a estragar uns fermosos pergamiños manuscritos para forrar as lapelas dun libro calquera, como lle ordena o seu mestre, nos advirte que o traballo quedará tan ben feito que rematará na librería de Pedro Vindel 335 anos despois, insinuando que se trata nada menos que do famoso Pergamiño Vindel, que nos transmitiu milagrosamente deste xeito as cantigas de Martin Codax.
A solidez do pacto entre o histórico e o ficticio conseguida por medio destes procedementos permite que unha trama verdadeiramente complexa repleta de conspiracións, crimes, contrabando, persecucións relixiosas, libros con símbolos misteriosos e gavetas con dobre fondo, resulte perfectamente asumíbel para o lector, porque todo, ou case todo, encaixa dentro da lóxica que o autor conseguiu impoñer.
Pero non hai pega sen mancha negra ... e se houbese que poñer algunha obxección diríamos que non é moi aceptábel que un simple artesán a principios do século XVII, malia ser un home que se adica a encadernar libros, posúa unha considerábel biblioteca da súa propiedade e moito menos, malia que a súa formación intelectual discorrese polo autodidactismo, que fose ateo nin que defendese intimamente a súa condición de homosexual: é, sinxelamente, anacrónico, tanto coma un Robin Hood defensor da democracia e do libre comercio.
Entre os acertos de Festina lente está, sen dúbida, a excelente reprodución dos espazos urbanos e do ambiente do artesanato compostelán. Como López Ferreiro en A tecedeira de Bonaval, do cal é dignísimo sucesor tanto polo paciente labor de documentación que se adiviña detrás como pola viveza dos cadros costumistas, Marcos S. Calveiro dá vida a unha Compostela popular de prazas, mercados, calellas e obradoiros de onde rezuman olores e ecoan os sons do traballo e das cantigas. O gusto polo detalle e a capacidade para captar a atmosfera social por un lado e as febras íntimas dos personaxes por outro, tanto no que din como no que calan, aprézase nas páxinas de ámbolos dous narradores.
E se López Ferreiro nos admira coa súa finísima lingua popular tan rica en matices expresivos, Calveiro fai un auténtico esforzo por acadar en todo momento o ton xusto e a expresión adecuada, tanto á condición social dos personaxes como ao contexto en que se desenvolven as escenas. Deste xeito, os documentos “históricos” que se inclúen: contratos, cartas formais, testamentos, actas xudiciais, etc. imitan dunha maneira moi efectiva a lingua histórica e o estilo deste tipo de textos, aínda que, como sabemos, o galego fora xa varrido destes ámbitos de uso. Sorprende que, malia este exquisito coidado coa lingua que en xeral aprezamos, pasase inadvertido a escritor e correctores o lapsus de denominar “casa de latrocinio” no canto de “casa de lenocinio” a un prostíbulo. Dentro do aspecto lingüístico non podemos deixar de mencionar o protagonismo que se lle outorga á xiria ou latín dos canteiros ao funcionar de ponte entre o coñecido e o descoñecido, o visíbel e o oculto. A lingua misteriosa na que está escrito o códice co que se abre e pecha a novela, motivo central de toda a trama que ambicionan posuír as faccións contrarias da fratría, críptica para todos os que non pertenzan á irmandade do oficio é a auténtica chave para o coñecemento do saber transmitido silandeiramente polos séculos dos séculos.
En definitiva, Festina lente é unha novela que non decepciona e que demostra que deste narrador podemos agardar obras que brillen con intensidade na galaxia das nosas letras.