CRÍTICAS / 346
SOBRE O LIBRO"CELSO EMILIO FERREIRO. ESCOLMA POéTICA"
Arredor dun mundo que se chama Celanova
A escolma poética de Celso Emilio Ferreiro reúne os versos máis senlleiros publicados en “Longa Noite de Pedra”, “Viaxe ao país dos ananos” e “Onde o mundo se chama Celanova”. Cada un deles pertence a unha época da súa vida e xuntos trazan unha circunferencia entre a Celanova de 1912, onde naceu o poeta, e a de 1979, onde é enterrado. Contando ademais coas ilustracións de Baldo Ramos, que van moito máis alá do mero acompañamento dos textos, a Escolma é un fermoso produto do que pode gozar quen desexe ler ou reler a poesía dun dos autores centrais do século XX e estabelecer os termos da relación entre texto e imaxe que o libro propón.
SOBRE O LIBRO"ROSEIRA DO TEU MENCER"
A “Roseira” vos dono que eu fis á miña nena
Estes son os poemas que Xosé María Álvarez Blázquez dedicou en 1950 a súa filla Mª Luísa con motivo do seu primeiro aniversario. Publicado por vez primeira na editorial Monterrey, da que el mesmo era cofundador, pode considerarse unha obra pioneira na poesía infantil, agora actualizada por Xerais cos cambios lingüísticos pertinentes e engadíndolle materiais que explican tanto o percorrido biográfico do autor como a xénese e características do poemario. O volume abre e pecha con senllas invocacións que nos fan lembrar as trobas medievais. Os poemas constitúen un delicado canto ao sentimento paternal.
SOBRE O LIBRO"A CULTURA DO PAN"
A nosa bóla
Crónica etnográfica e divulgativa dunha das nosas máis identificables tradicións, o autor repasa unha a unha todas as cuestións ligadas a esa tradición que deu lugar a pans de tanta sona coma os do Porriño ou os de Cea, e orixinou topónimos como Terras do Pan, recuperando un mundo case descoñecido para as novas xeracións. Xurxo M. Ayán, empregando unha metáfora panificadora, esculca na cocedela desta nova achega sobre a cultura do pan.
SOBRE O LIBRO"O PROFESOR DE VEGLIOTA"
Minorías lingüísticas: claustrofobia e exilio interior
Veiga escribe un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita. Novela comprometida para pensar, deitarnos no diván e someternos a unha psicanálise colectiva.
SOBRE O LIBRO"O SOñADOR"
A manipulación dos soños
Doce historias marcadas pola ironía, a poesía e a melancolía, que nos invitan a deixar que a nosa imaxinación, como un soño, camiñe no medio da escuridade como un personaxe máis nas mans dun marionetista. O arxentino Gabriel Castilla gañou con esta obra o I Premio Internacional Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques 2003 organizado polo IGAEM.
SOBRE O LIBRO"AS PALABRAS DA NéBOA"
Historia e posmodernidade
Francisco Castro achégase nesta obra, gañadora do Premio García barros 2007, á novela histórica participando nas marcas de identidade propias do xénero. Maxia, libros prohibidos e unha revolta campesiña na Galicia do século XVI forman o pano de fondo do relato. A recensión subliña a valentía da proposta superando o conservadorismo formal malia que o pacto da verosimilitude semelle non funcionar como sería desexable.
SOBRE O LIBRO"IMAXINA ANIMAIS"
A chave da fantasía
Neste libro de creación conxunta os autores descontextualizan o significado das cousas, alteran por sorpresa o seu estado natural e propóñenlle ao lector un xogo para descubrir a vida oculta dos obxectos. A maxia fica garantida desde o comezo para logo aumentar ao contemplar a conxunción entre texto e imaxe, dúas realidades que dialogan moi habilmente ata fundirse nunha soa.
SOBRE O LIBRO"GALIZA NA GUERRA CIVIL"
Longa noite de pedra
Malia os fastos do ano da Memoria Histórica o progreso segue liquidando os escasos restos da cartografía e maila arquitectura do terror fascista en Galicia. Memoriar para non desaparecer da Historia e manter vivos os lugares e construcións que foron testemuñas de feitos relevantes é un deber social segundo os autores e editores deste libro. Unha urbanización medra hoxe sobre o solar onde houbo un campo de concentración, Xurxo M. Ayán recensiona desde a arqueoloxía esta achega historiográfica.
SOBRE O LIBRO"OS POEMAS DE COMO SE ROMPE TODO"
Sen poema abondo para tanta intemperie
Publica Sotelo Blanco o cuarto poemario de Daniel Salgado dentro do corpus co que inaugura a ambiciosa colección Edoy Leliadoura da editorial, que “aspira a ser o reflexo das diversas constelacións poéticas que atravesan e iluminan a poesía galega actual”. Se algunha dúbida quedaba, Salgado consolídase nesta obra teimando con acerto na elaboración dun discurso orixinal que dá conta do poema do seu propio tempo.
SOBRE O LIBRO"PROFUNDIDADE DE CAMPO"
O círculo pechado da beleza
Catro anos despois do "Libro da egoísta", Yolanda Castaño abre unha nova etapa con “Profundidade de Campo”. Dunha banda porque con este poemario fíxose cun dos premios máis importante de poesía do sistema literario galego, o Espiral Maior; da outra, porque a autora recoñece que é unha obra máis madura que as anteriores. Volve así renovada unha voz poética precoz da década dos noventa.
SOBRE O LIBRO"O ESTATUTO GALEGO DURANTE A II REPúBLICA"
Un Estatuto, varias sensibilidades
No abrente democrático da II República, Galiza ensaiou o seu primeiro intento de autonomía política. Este libro pretende ofrecer unha síntese dos traballos encamiñados a fornecer a Galicia dun Estatuto de autonomía salvando os problemas e paralizacións diversas polas que pasou, conseguindo un consenso entre partidos de moi variada sensibilidade política.
SOBRE O LIBRO"CRIO- XéNESE"
Sen espazo ou tempo
Afonso Becerra recupera neste texto as fórmulas inaugurais do chamado Teatro do Absurdo. Dúas personaxes conversan para escorrentar o silencio, matando literalmente o tempo, sabéndose extremos condenados a se complementar no fluxo do eterno retorno. Principio e final, Alfa e Omega, traxedia e comedia.
SOBRE O LIBRO"XéNESE DO ESPAZO URBANO EN GALIZA"
Ab Urbe Condita
A obra gañadora do Premio de Historia Medieval de Galicia no 2006 é unha ollada de múltiples enfoques sobre os primeiros signos de articulación do territorio cara ó proceso de xestación das cidades galegas. A interdisciplinariedade elixida esixe, segundo Xurxo M. Ayán, un mellor nivel formativo do demostrado no texto ao que ainda asi recoñece méritos como aproximación ao tema de estudo.
SOBRE O LIBRO"DAS NOVAS COUSAS DE RAMóN LAMOTE"
O regreso dun clásico
Para toda unha xeración de galegos e galegas, Ramón Lamote é alguén máis ca un personaxe literario. Saber máis da vida e andainas de Lamote é agora posible grazas á aparición deste libro co que Paco Martín volve a traer ao seu personaxe entre nós con capacidades e forza literaria renovadas. Todo un conxunto de ingredientes e unha galería de personaxes e anécdotas que converten cada unha das páxinas nunha deliciosa lectura.
SOBRE O LIBRO"OS OLLOS DE K"
A aventura de crear ficcións
Na súa busca de novas historias que contar, o escritor Suso Paradela convértese involuntariamente no protagonista dunha novela que escapa ao seu control. Riveiro Coello explora a fráxil liña que separa ficción de realidade nesta ambiciosa novela de corte detectivesco e fondamente metanarrativo sobre os alicerces da escrita. Anxos García Fonte achega as principais claves da obra.
SOBRE O LIBRO"MENTRES A HERBA MEDRA"
A imaxe do que somos
Volve Xesús Rábade ao panorama narrativo cunha obra pouco convencional, que vén de facerse co Premio Blanco Amor 2006. Novela na que se cruzan, en conxunción coral e sobre unha base rítmica jazzística, tres xeracións que dialogan e debaten. Herdeiras e herdeiros dun pasado que deixou en nós marcas indelebles que o presente non pode cambiar e que o futuro debe coñecer. Unha historia que se constrúe nun “mentres” en que os diferentes tempos acaban por se confundir.
SOBRE O LIBRO"USOS, COSTUMES E COUSAS DO COUREL"
Memoria da Terra Brava
A Terra Brava de Ánxel Fole é, perante todo, unha paisaxe cultural construída e reinterpretada pola comunidade local ao longo do tempo. Este libro é un monumento á identidade do Courel feito por un home da terra que traballa a memoria, recolle as palabras e as cousas, un ser humano que reflexiona sobre a súa propia identidade. Unha exhaustiva investigación antropolóxica sobre o termo municipal do Courel, os seus costumes e todo aquilo de relevancia cultural.
SOBRE O LIBRO"O CARTEIRO DE BAGDAD"
Polas rúas de Bagdad
Marcos S. Calveiro ofrécenos este engaiolante relato que resultou gañador do premio estatal Ala Delta. A súa forza literaria mergúllanos nesta ocasión no Bagdad en guerra conseguindo retratar unha dura vida cotiá de supervivencia na que tamén hai lugar para a esperanza a través do valor e da suxestión que agochan as palabras.
SOBRE O LIBRO"BINGO"
Palabras que ninguén nos pide
Na voz singular de Pilar Beiro é posíbel identificar algunhas pegadas da militancia poética nas Redes Escarlata, como é o signo político do seu verso, concibido a miúdo como unha intervención social. O libro insírese na nova colección de poesía Edoy Leliadoura que aspira a ser o reflexo das diversas constelacións poéticas que atravesan e iluminan a poesía galega actual.
SOBRE O LIBRO"REINO VERDE"
A poesía que xoga
Trinta e seis poemas que fan referencia a elementos da natureza ou elementos máxicos.Un espazo poético poboado de animais que se converten en protagonistas e no que o paso do tempo depara sempre novas sorpresas, pois día a día este máxico reino ofrece sons diversos e fermosas paisaxes cheas de actividade vital. Unha concepción lúdica da poesía, que xoga con elementos procedentes da fantasía e da realidade