Catro anos despois do "Libro da egoísta", Yolanda Castaño abre unha nova etapa con “Profundidade de Campo”. Dunha banda porque con este poemario fíxose cun dos premios máis importante de poesía do sistema literario galego, o Espiral Maior; da outra, porque a autora recoñece que é unha obra máis madura que as anteriores. Volve así renovada unha voz poética precoz da década dos noventa.
10 / 3 / 2008
María Xesús Nogueira. Lugo
Logo dun silencio de catro anos desde a publicación d’O libro da egoísta (2003) ve a luz un novo poemario dunha das voces femininas máis precoces e produtivas aparecidas na década dos noventa. A publicación chega da man dun premio literario de prestixio, como é o Espiral Maior.
Das moitas liñas que desenvolveron as escritoras galegas entregadas, ao longo daqueles anos, á construción dunha poesía de xénero, Yolanda Castaño centrou os seus primeiros versos na elaboración dun texto erótico enunciado desde unha voz xuvenil que celebraba a sensualidade e o pracer cunha riqueza cromática singular. Esta poética, cunha importante compoñente egocéntrica, foi recibida con éxito no seu momento, mais ocasionou, andando o tempo, unha certa inmobilización da lectura da obra que a autora escribiu con posterioridade. Por outra banda, a dimensión mediática desta, derivada das súas actividades no campo audiovisual e moi especialmente no televisivo, contribuíu a subliñar a súa identificación cunha poética da imaxe propia que o título O “Libro da egoísta” semellaba confirmar, malia seu carácter máis introspectivo e innovador.
É nestas coordenadas onde cómpre situar “Profundidade de campo”, cuxo título, un tecnicismo procedente do ámbito da fotografía, indica a vontade de enfocar unha determinada zona da imaxe captada para conseguir a súa nitidez. Este novo libro, integrado por cinco series poéticas, preséntanos unha reflexión sobre a aparencia, a percepción e a beleza, levada a cabo por unha voz que se sitúa na gravidade, no distanciamento, na ironía, na provocación e, tamén por veces, nunha certa acritude.
Esta voz detense nos elementos que están a condicionar a percepción da nosa imaxe desde a outredade e repara na controvertida asociación entre a beleza feminina e o intelecto: “cando falei só contemplaron os meus labios”; ¿usar unha 36 e facer literatura?”.
O tratamento do tema da beleza acada uns matices diferentes na sección titulada con acerto “Highway to heaven” onde esta voz se pregunta “como quedaría a miña beleza de espiga / tronzada e sangrada contra o cristal do parabrisas?”. Beleza e destrución do corpo son os eixos dun texto que nos achega á vertixe dunha “autoestrada [que] de noite parece un videoxogo”.
A sección máis singular do libro é “Freak of nature (Besta)”, onde a voz condutora mantén un fermoso diálogo con Pinoccio que dá pé a unha reflexión sobre a creación, a percepción, a ilusión e a mentira:
Baila, Pinoccio,
non temas cando o soño do albedrío da túa danza para impulsarte toma formas tan reais.
Porén, son as seccións “Núcleo central” e “Remorsos e outros matices” (os títulos interiores son elocuentes nesta obra) as que amosan unha actitude máis crítica, provocadora e ao tempo ambigua na rotación arredor do motivo da beleza e mesmo da beleza propia, “un pechado círculo, un vicio escuro, un remorso”, unha beleza que “ofende” e “intimida”, que pode ser o resultado dun proceso de transformación, mais que tamén “corrompe”, “somete”, “traizoa” ou “véndenos barato”:
A beleza
que desarma a algúns
e arma a outros.
Lonxe da superficialidade, os poemas dan voltas arredor do concepto de beleza en relación co eu, desbotando actitudes asumidas como a modestia (“como nacín guapa, debo facer penitencia”) ou todas as derivadas da xa mencionada relación entre beleza e intelectualidade.
“Profundidade de campo” supón a evolución dunha traxectoria poética que, desde a celebración sensorial, foi derivando cara á reflexión irónica, mais que non renuncia á actitude provocadora, ao xogo nin tampouco á centralidade do eu. Por estas razóns, é un poemario arriscado e valente que sitúa a quen le nunha situación desconcertante e en alerta para afrontar contradicións sen caer nos perigos da simplificación nin moito menos do biografismo.