lg3
inicio » lg3 » críticas

CRÍTICAS / 346

SOBRE O LIBRO"¿PARA QUE SERVE A HISTORIA DE GALICIA?"
Contra os mercaderes do templo da Historia
O catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago, J.C. Bermejo Barrera, cuestiona os grandes temas da nosa historia actual. A unión cultura - historia - economía é unha simbiose que Bermejo pon en dúbida constantemente e ir contra a mercantilización do pasado convértese no cabalo de batalla que Bermejo amosa en todo o escrito.


SOBRE O LIBRO"CARDUME"
Fotografía da cidade que foi
Ambientada nun Vigo industrial e atlántico, Cardume é un crisol de personaxes que evolucionan e logran subsistir as miserias dunha cidade desacougante. Rexina Vega consegue nesta novela gañadora do Premio Xerais 2007 retratar cunha prosa tan precisa como sutil e cargada de significacións ese Vigo que se converte en peirao que mira ao mundo, que vive o soño da luz eléctrica, que quixo ser fervello cultural activo, que viviu unha guerra e se expandiu ata rematar convertido no cerne industrial de Galicia, tal e como aínda hoxe o coñecemos.


SOBRE O LIBRO"MUDANZAS"
As fillas do centauro
Galardoado co prestixioso Premio Caixanova, este poemario centra a súa temática nos mitos clásicos, pois está concibido como un exercicio de intertextualidade cunha das obras máis significativas da mitoloxía, As metamorfoses de Ovidio. Marilar Aleixandre proponnos unha nova lectura dun bo número de mitos levada a cabo desde unhas coordenadas culturais e ideolóxicas concretas.


SOBRE O LIBRO"ILLA SOIDADE"
Vadeando illas
A obra gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2007 é unha novela iniciática que nos descobre unha vida marcada pola paixón e a soidade, con reflexións sobre a autonomía persoal e o respecto polo diferente. Dende a inconsciencia e a inxenuidade propias da adolescencia Lucía traspasa a liña que separa o mundo convencional do marxinal, mesmo desafiando as advertencias da súa nai que percibe nela un perigoso exceso de idealismo.


SOBRE O LIBRO"DE PROVINCIA A NACIóN"
Historia dunha transformación
Beramendi recolle nesta obra a síntese do seu traballo durante máis de vinte anos. Unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. Un libro necesario, non definitivo, pero que sen dúbida sinalará o camiño para investigacións futuras.


SOBRE O LIBRO"OCASO OTERO"
Render contas co pasado realmente
Manuel Guede recupera do esquecemento unha historia vital fascinante nesta obra, gañadora do XVº Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais de 2006. Deseñada en clave metateatral, o personaxe da Bella Otero enfróntase a un proceso de vinganza e reconciliación consigo mesma e co país que a viu nacer. A Bella Otero, a cortesá do mundo, unha das mulleres máis fermosas da Europa de entreguerras ante cuxos pés caeron rendidos os homes máis poderosos converténdoa á súa vez en poderosa, íspese na obra de Guede na imaxe dunha velliña cargada de conflitos.


SOBRE O LIBRO"CóLERA"
Un trebón de palabras compromiso
Este novo poemario de María Xosé Queizán tenta recuperar a memoria da resistencia contra o franquismo, desde mediados dos 60 a mediados dos 70. Máis alá da evocación dun tempo, Cólera supón a recreación dun ambiente e mesmo dun discurso, segundo testemuña a recuperación dalgún dos clixés máis emblemáticos da poesía social e panfletaria. É por iso polo que o libro, escrito desde a paixón antes que desde o documentalismo, ocupa un espazo senlleiro na literatura da memoria aparecida nos últimos tempos.


SOBRE O LIBRO"DA ARQUEOLOXíA AO SOñO POPULAR"
Arqueoloxía e mercadoceltia
As ideas que sobre os celtas se achegan actualmente á sociedade proceden de campos moi diversos, este libro encauzado a análise a través do estudo de tres ámbitos chaves desde onde acostumamos recibir información sobre os celtas: a Investigación, a Educación e a Divulgación, a visión paixonal dos celtas e o celtismo fóra da academia. O libro de Ana Ibarra non é só unha excelente crítica historiográfica senón un ensio sociolóxico.


SOBRE O LIBRO"INSTRUCIóNS PARA ESPERTAR A UNHA CADEIRA DURMIDA"
Máis tarefas domésticas
Prestifilippo preséntalle ao lector unha perfecta guía didáctica sobre a cadeira, destacando as vantaxes de compartir a nosa vida cunha mascota coa que podemos falar, xogar e mesmo facer ximnasia. Un relato nonsense que reborda surrealismo, sumido nun divertido caos de ideas e colores. Un libro insólito e divertido polo que deixarse cativar e co que todo tipo de lectores, incluídos os máis pequenos, poderán internarse nun mundo fóra do politicamente correcto e sen máis leis que as da imaxinación.


SOBRE O LIBRO"A VIDA COTIá NA GALICIA ROMANA"
Galaicos á romana
Neste traballo faise un percorrido polos aspectos da vida diaria da Galicia romana. Os protagonistas son as xentes da época, a partir do estudo de elementos do seu día a día como: a dieta, o adorno persoal, a vestimenta, os oficios, a vivenda, os xogos, a morte… Esta liña de traballo procura recuperar as comunidades e mailo individuo como protagonistas do devalar histórico co gallo de achegar á sociedade do presente experiencias cercanas da xente do pasado.


SOBRE O LIBRO"EPISODIOS DE TERROR"
Pegadas na illa
Este libro inserido na recuperación da memoria histórica do golpe de Estado de 1936 e a represión que o seguíu durante décadas, recrea os terribles momentos dos paseos e dos paseadores; o papel dos militares; unha visión sobre os campos de concentración en Galicia, cunha descrición detallada de San Simón; o papel da Igrexa católica; a solidariedade do pobo; a reparación dos danos morais con esta mesma recuperación da historia tal e como foi.


SOBRE O LIBRO"ARTE E PARTE. DOS PATRIARCAS á ARTE SUICIDA"
Arte con parte
Dun xeito ameno, rigoroso e heterodoxo, o autor parte da experiencia literaria para repensar o carácter da arte contemporánea, a realidade social, política e artística da Galicia de hoxe. Borrazás obriga á reflexión, a proporse puntos de vista diversos sobre realidades nas que todos, en maior ou menor medida, temos unha opinión formada, xerando opinión neste sistema diverso que é o literario, e contribuíndo a que, desmitifiquemos a literatura, os escritores, os políticos e Galiza enteira.


SOBRE O LIBRO"DERRADEIRAS CONVERSAS CO CAPITáN KRAFT"
Poesía e revolución
Esta obra aborda o texto poético como ferramenta de demolición da usura, como conflito sen resolver, como sinal de posta en marcha. Un libro construído sobre sólidos presupostos ideolóxicos e estéticos, que ofrece visións violentas e radicais do mundo contemporáneo. A opera prima da escritora desafía desde estas coordenadas a estabilidade da poesía galega actual, achegando unha notábel e sempre agardada novidade.


SOBRE O LIBRO"BENQUERIDA CATáSTROFE"
Sobre as transformacións das eirugas
Esta nova novela de Teresa Moure, tras o éxito rotundo de "Herba moura", propón a quen le unha indagación sobre esoutro sexo que levamos dentro. A xuízo desta crítica obra desprende un certo alento de novela de tese, cun didactismo miúdo pero efectivo, que escurece o resultado final dunha ficción que podía aspirar a máis.


SOBRE O LIBRO"A GALICIA CELTA"
Celtas con filtro
Foi Galicia un país celta? No século XIX o celtismo serviu de base para a construción da identidade galega. Progresivamente desprestixiado ao longo do século XX, nos últimos tempos novas liñas de investigación teñen actualizado o seu estudo. Esta de Antonio Balboa é unha obra de referencia para un primeiro achegamento a esta controvertida etapa do noso pasado constituíndo un bo estado da cuestión do coñecemento actual da materia.


SOBRE O LIBRO"ANOS DE ODIO. GOLPE, REPRESIóN E GUERRA CIVIL NA PROVINCIA DA CORUñA (1936-1939)"
Democracia asasinada
Este estudo feito coa documentación do arquivo do Exército de Terra en Ferrol, onde se almacenan as causas militares que se instruíron contra os defensores do goberno republicano na provincia da Coruña amosa as cifras e as acusacións que os propios represores manexaron no seu momento. Debúxase con elas un plano elaborado e frío para espallar o medo e asentar o golpe de estado en Galicia. Engádese para descarga a base de datos das Causas Militares pertencentes á Xurisdicción da terra entre xullo de 1936 e 1939 da provincia da Coruña.


SOBRE O LIBRO"CULTURA POPULAR E IMAXINARIO SOCIAL EN GALICIA"
Novas portas ao pasado
Unha obra que contribúe a un mellor e máis plural coñecemento das realidades galegas no decorrer histórico. Se a maioría dos historiadores da cultura centra o seu interese no estudo dos elementos que deron vida á particular imaxe do mundo das minorías que se expresaban por escrito este líbro trata de recuperar o protagonismo que correspondería á acción cultural do campesiñado e as clases populares urbanas na sociedade galega entre 1480 e 1900.


SOBRE O LIBRO"FACER MERZBAU NON OU POSIBLE?"
Esta manía da linguaxe
Primeira proposta editorial de “non ou edicións”, un proxecto alternativo de edición de experiencias. Este poemario defínese como unha deriva en directo coa música de Madame Cell e de dous homes (Estevo e David Creus) dentro dun libro+dvd+autocolantes. Unha proposta singular e de liberdade en canto a contidos e soportes.


SOBRE O LIBRO"CASE PERFECTO"
Tras a sombra da parodia
Mayoral mostra en "Case perfecto" unha complexa trama de sentimentos e intriga que une e desune aos membros dunha familia. Unha traxedia paródica da familia de clase acomodada pertencente ao mundo da chamada alta cultura, e da teima que parece ter en procurar a infelicidade. Páxinas que é complicado deixar de ler, que se devoran.


SOBRE O LIBRO"RINOCERONTES E QUIMERAS"
Calveiro, soñador de mundos
Nun vagón de tren arrómbanse sete monstros de feira, sete nenos que antes foron o gran engado dun prodixioso circo creado por un home extraordinario. Baixo este contexto integran a historia vintedous capítulos que alternan episodios, temporalidades, escenarios e voces ben diversas que configuran, amais dunha liña interesante na literatura xuvenil, un mundo narrativo que o autor manexa con acerto.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal