Neste traballo faise un percorrido polos aspectos da vida diaria da Galicia romana. Os protagonistas son as xentes da época, a partir do estudo de elementos do seu día a día como: a dieta, o adorno persoal, a vestimenta, os oficios, a vivenda, os xogos, a morte… Esta liña de traballo procura recuperar as comunidades e mailo individuo como protagonistas do devalar histórico co gallo de achegar á sociedade do presente experiencias cercanas da xente do pasado.
1 / 10 / 2007
Xurxo M. Ayán. SantiagoEdicións Lóstrego segue divulgando novas achegas á Historia Antiga de Galicia, desta volta, da man de A. Mª Suárez Piñeiro, recoñecida especialista na Roma republicana que sempre amosou un grande interese pola difusión e a didáctica do coñecemento arqueolóxico, como puidemos comprobar os seus compañeiros durante a súa estadía no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, período da súa traxectoria investigadora mencionado na desafortunada presentación da obra que hoxe recensionamos.
Que vida cotiá, a da xente ou a dos obxectos?
“A Vida cotiá na Galicia romana” tenta aplicar á Historia Antiga de Galicia perspectivas desenvoltas pola alcumada terceira xeración da Escola francesa dos Annales dende a década de 1970 e que tiveron grande influencia na historiografía medievalista e modernista galega. Esta liña de traballo procura recuperar as comunidades e mailo individuo como protagonistas do devalar histórico co gallo de achegar á sociedade do presente experiencias cercanas da xente do pasado. Este interese pola vida cotiá materializouse en Europa coa creación de parques arqueolóxicos, de actividades de Living History, de reconstrucións virtuais de vivendas de castros, aldeas medievais, vilas do século XIX… Este contacto físico coas reliquias do pasado conlevou que a Arqueoloxía, como disciplina que trata coa cultura material, xogase un papel sobranceiro na reconstrución das condicións de vida das sociedades pretéritas A imaxe canaliza esta práctica arqueolóxica, historiográfica e reconstrutiva. Velaí unha das eivas fundamentais que, dende o punto de vista formal, presenta o libro. Como xa aconteceu noutros volumes da mesma editorial, non sabemos se se trata dunha investigación dirixida a especialistas ou dun volume dirixido ao grande público. No primeiro caso, non fornece unha perspectiva novidosa nin aporta datos novos; no segundo caso, estaría de máis o sistema de citas da bibliografía a pé de páxina e bótase en falta un amplo aparato gráfico, que lle acaería moi ben á temática abordada. En todo caso, a obra recolle un amplo corpus bibliográfico que abrangue o estado da cuestión en moitos temas e que servirá de indubidable axuda para quen deveza por mergullarse nas procelosas augas da romanización de Galicia.
Seguindo coa vertente formal do texto, a estruturación dos contidos da obra reflicte perfectamente a perspectiva desenvolta pola autora, un enfoque arqueográfico no que cada capítulo semella unha vitrina dunha exposición museística decimonónica: o vidro, a madeira, o óso, os metais, os oficios… Esta secuencia atópase en calquera museo etnográfico de Galicia, recollendo unha tradición folclorista que non se abriu aos avances da Antropoloxía Cultural e da Historia das técnicas e da Cultura material. As xentes, reflectidas no capítulo II (páxs. 33-43), son un obxecto de estudo máis, coma unha ánfora ou unha sigillata, sen reparar que a cultura material é unha ferramenta básica para a construción da realidade social e da propia identidade da comunidade. A sociedade galaicorromana, como axente que crea, manipula, reproduce a cultura material, non aparece por ningures.
A autora, necesariamente, bota man da Arqueoloxía clásica no seu percorrido, describindo os datos fornecidos polo rexistro arqueolóxico, pero esquecendo que os obxectos, aparentemente mudos, non só reproducen condutas sociais e simbólicas, senón que tamén crean co seu uso vida social, como se encargou de amosar Arjun Appadurai no seu The Social Life of Things, un clásico da Arqueoloxía postmoderna que non calou, coma outras tantas correntes teóricas, na ríxida Arqueoloxía clásica do noso país.
A romanización de Galicia: un proceso peculiar
Esta falla de teoría (“o papel do arqueólogo consiste basicamente en buscar modelos no pasado”, páx. 76) leva a reproducir un discurso histórico vago, ambiguo e tradicional, caendo nun superado materialismo e determinismo biolóxico. A este respecto, a angueira de autora céntrase en amosar o xeito, a maneira, que os galaicorromanos (protagonistas dun presente etnográfico, atemporal) tiñan para solventar as súas necesidades básicas (páx. 17). Ao longo do texto reprodúcese o enfoque neocolonial presente na Arqueoloxía Clásica galega dende os anos 60 que concibe a romanización do país en termos evolucionistas, coma o cénit do progreso e o avance supremo das comunidades castrexas. Esta postura constátase de xeito paradigmático no apartado dedicado á arquitectura doméstica e mailo urbanismo (páxs. 73-110) e na análise que se fai da preocupación estética e mailos adornos persoais (páxs. 139-149) (xa constatada na Idade do Ferro). Conceptos como “progreso da época clásica”, civilización, indíxena, hábitat ou cultura popular escoan polos sucesivos capítulos asentando a imaxe dun cambio radical e definitivo producido pola chegada de Roma ao NW. Sen ningún fundamento, coa simple opinión persoal, despáchase a problemática do proceso romanizador que se atopa no eixo do debate científico actual:
“Como noutros aspectos da romanización galaica, na nosa opinión a cristianización non foi nin tardía nin parcial. Trataríase, máis ben, dun proceso peculiar, con testemuños curiosos e únicos; nin lento nin débil, senón acorde con complexo e específico proceso romanizador experimentado” (páx. 177).
A romanización como proceso histórico non se aborda no texto. A autora denuncia o desinterese da investigación arqueolóxica galega para coa Historia Antiga de Galicia, a ausencia de publicacións (páxs. 27-30) e a prioridade concedida a outros períodos culturais. Para asentar esta opinión realízase un percorrido pola historia dos estudos romanos (páxs. 21-32) que se afasta moito do que debe ser unha crítica historiográfica rigorosa, aplicando conceptos do presente (cultura castrexa, por exemplo) á análise de obras do século XVIII ou XIX; obviamente, daquela non se falaba de cultura castrexa porque ese concepto non existía e nin se sabía que eran os castros. Esta argumentación leva á autora a constatar un notable baldeiro arqueolóxico que impide profundizar na vida cotiá das comunidades galaicorromanas. Estamos totalmente en desacordo con esta perspectiva, até certo punto vitimista por parte dun amplo sector da Arqueoloxía Clásica. A etapa romana de Galicia contou cun notable peso como obxecto de estudo do anticuarismo decimonónico, da Arqueoloxía erudita rexionalista, e da Arqueoloxía moderna, contándose na actualidade cun amplo rexistro arqueolóxico procedente de escavacións de urxencia, de intervencións urbanas en vilas e cidades galegas, de áreas musealizadas e centros arqueolóxicos (santuario de Berobreo, Cambre, Domus Oceani, Aquis Querquernis, proxecto de Cidadela, Santomé, miliarios de Pontevedra, etc…).
Todo isto explica que, na maior medida, a autora bote man dos restos exhumados noutras áreas do Imperio (Pompeia, Herculano) para explicar a vida cotiá das poboacións romanas, complementando o panorama con obxectos e arquitecturas exhumadas na Galicia actual (non na Gallaecia romana). Aínda que a Gallaecia non era o Lazio, existe abondosa información para tentar adentrarnos no realmente interesante da romanización de Galicia: a aculturación, a xeración dunha nova identidade, a variedade rexional, como se vivía nun vicus, nunha villae, como era o castro de Viladonga ou o porto romano de Vigo. É dicir, toda esa intrahistoria que reivindica a autora, pero que resta por facer.
A romanización segue a verquer ríos de tinta. O camiño que cómpre seguir non é o de reivindicar a romanidade como eixo básico do feito diferencial galego (“Mais, se algo somos, por que non ser romanos?” (páx. 199) nin o da simple descrición formalista de materiais e técnicas construtivas. Que nun castro, no século II d. C. se utilicen tégulas no tellado, muíños xiratorios ou se fagan casas cadradas, non significa que mude a sociedade radicalmente e se fagan romanos da noite ao día. Grazas á etnoarqueoloxía sabemos que os cambios formais na cultura material e na arquitectura obedecen á criterios de practicidade e de prestixio social, mentres que o patrón de uso simbólico do espazo doméstico segue obedecendo á tradición cultural. Os procesos de contacto cultural son dabondo complexos e interesantes como para debuxar unha estampa costumista duns “galaicos á romana”. Non podemos simplificar procesos diacrónicos, densos e multidimensionais, marcados pola aculturación, con sinxelas simetrías, equivalencias e traducións literais, como fixera aquel hostaleiro santiagués da rúa do Franco que no Xacobeo do 99 deixou para a posteridade un cartel surrealista e xenial, verdadeira metáfora da globalización:
Hai pulpo á feira.
Octopus to the party.