Manuel Guede recupera do esquecemento unha historia vital fascinante nesta obra, gañadora do XVº Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais de 2006. Deseñada en clave metateatral, o personaxe da Bella Otero enfróntase a un proceso de vinganza e reconciliación consigo mesma e co país que a viu nacer. A Bella Otero, a cortesá do mundo, unha das mulleres máis fermosas da Europa de entreguerras ante cuxos pés caeron rendidos os homes máis poderosos converténdoa á súa vez en poderosa, íspese na obra de Guede na imaxe dunha velliña cargada de conflitos.
29 / 9 / 2007
Inma López Silva. Santiago
Carolina Otero, a Bella Otero, é un deses personaxes fascinantes aos que os escritores non son capaces de ignorar. Ramón Chao, ese entusiasta da vida e da arte que mesmo tatuou o nome da Otero no seu corpo, deixounos unha novela, unha vida, sobre ela. E Manuel Guede, fuxindo sen fuxir dun punto mitómano, dedicoulle unha obra do que mellor sabe facer, teatro. Pero Guede elixiu unha Carolina Otero desprovista de todo aquilo que a fixo famosa: a beleza, o éxito, a elocuencia, a vida inventada daqueles que teñen que ocultar o medo, os traumas e a dor. Esa Bella Otero é a que foi premiada co Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais, organizado polo IGAEM, coma se o premio fose para ela que, co paso do tempo, se desvelou nun ser atormentado que precisa xustiza.
Xustiza é, precisamente, o que procura esa Agustina Otero de Guede que, co seu nome real, desde a vellez, ve como todo na súa vida desapareceu agás un pasado co que, antes de morrer, precisa saldar contas. A obra, polo tanto, xira en torno a ese personaxe poderoso, redondo, profundamente deseñado a través da palabra, que se desdobra en coreógrafa da súa propia historia. Para axudarlle, un carniceiro que coida á Otero na súa casa de Niza, a biógrafa de Carolina Otero descubrindo que mentiu sen sabelo, e un tren. O tren, símbolo de tantas cousas e que xa centrara a anterior peza de Manuel Guede (O nome dos disfraces), é aquí o pasaporte ao pasado, o elemento que representa o sentido último da vida de Carolina Otero: aclarar e recoñecer consigo mesma o que pasou na infancia en Galicia.
A trama de “Ocaso Otero” é complicada en aparencia e, conducíndonos a un final que é desenlace da intriga, desenvólvese en realidade con forma metateatral, diseccionando a vida coma se fose teatro: se a Bella Otero non pode volver atrás no tempo porque o pasado pasou, si pode inventar coa imaxinación e coa memoria tódalas modalidades posíbeis de vinganza. “Ocaso Otero” é, por iso, o relato teatral de cómo a Bella Otero podería ter tomado a xustiza pola man e vingarse, por unha banda, daquel home que, violándoa na infancia, lle estragou a vida; dos veciños que a fixeron pasar de vítima a culpábel sen solución de continuidade só por envexa da súa beleza e, sobre todo, da mocidade infinita da Bella Otero cando nena; e, finalmente, vingarse de si mesma por ter construído a vida sobre unha enorme mentira. A Bella Otero, a cortesá do mundo, unha das mulleres máis fermosas da Europa de entreguerras ante cuxos pés caeron rendidos os homes máis poderosos converténdoa á súa vez en poderosa, íspese na obra de Guede na imaxe dunha velliña cargada de conflitos, como corresponde ao bo teatro. De paso, tamén o autor realiza a súa particular xustiza poética: anegando baixo as augas dun encoro a vila natal da Bella Otero, Aglav (nome invertido de Valga, nun recurso estilístico que lembra a Nova Narrativa), opina simbolicamente sobre o destino que merecerían os seus habitantes, e inmortalizando a Carolina Otero a través da súa obra, como fixo Chao no seu momento, recupera do esquecemento unha historia vital fascinante.
Pódese ver nalgúns teatros de Galiza, “Ocaso Otero” levada á escena, baixo unha dirección acertada de Antonio Simón e con Elina Luaces no papel principal.