Primeira proposta editorial de “non ou edicións”, un proxecto alternativo de edición de experiencias. Este poemario defínese como unha deriva en directo coa música de Madame Cell e de dous homes (Estevo e David Creus) dentro dun libro+dvd+autocolantes. Unha proposta singular e de liberdade en canto a contidos e soportes.
4 / 6 / 2007
María Xesús Nogueira.Lugo
Na poesía actual poucas son as veces nas que un produto non convencional, como é o caso de “Facer Merzbau non ou posible?” chega aos andeis das librarías. A distribución limitada da maior parte deste obxectos experimentais restrinxe o seu coñecemento máis alá de pequenos círculos. Nesta ocasión, o título vén da man dun novo proxecto editorial de título tamén singular, Non ou edicións, creado por dous activos axentes do sistema literario, David e Estevo Creus. Alén da súa faceta de poetas proclives á experimentación gráfica e de asiduos colaboradores en recitais e outras actuacións, non hai que esquecer que o segundo deles participou na creación de dúas editoras de poesía alternativas, Letras de Cal e Retagarda, esta última co soporte do disquete.
A primeira entrega de Non ou edicións recorre a tres soportes diferentes que aparecen integrados no volume: texto, “autocolantes” e DVD. O título, que lembra outra obra eminentemente experimentadora como é “Facer pulgarcitos tres”, do daquela Rompente Alberto Avendaño, estabelece un diálogo coas vangardas artísticas europeas ao evocar a construción Merzbau, do dadaísta alemán Kurt Schwitters. A alusión ao dadaísmo non resulta intranscendente se se teñen en conta algúns trazos caracterizadores desta corrente de expresión artística, como son a rebeldía, a dúbida a respecto da linguaxe ou a dislocación, presentes tamén no produto dos irmáns Creus.
Como xa se dixo, “Facer Merzbau non ou posible?” preséntase baixo tres formatos diferentes. O primeiro deles é o texto, cuxa construción se fundamenta nos procedementos de repetición, variación e síntese. Deste xeito, ofrécense ao lector catro versións dun “texto raíz” sometidas a unha progresiva operación de síntese, tal como se explica na “sinopse”, sección que actúa como limiar:
sinopse
e se todo é unha selva ¿por que falta?
constructivas
partimos dunha variación natural? do texto (texto1.raíz). preguntámonos se é posible a síntese (texto2.resume) ou se acaso o significado pode ser un produto maderable (texto3 e 4.mutiladas) ou se a variación cara o infinito descubre o rastro (texto5.aceno textual.pegadas) non ou?
que pechan as posibilidades en resaca da resaca (texto6.vídeo-imaxe) ou si é?
resaca.
A sinopse fai referencia tamén ás versións publicadas nos soportes alternativos, os adhesivos (con fragmentos textuais) e o DVD (con linguaxe fundamentalmente quinésica).
Estamos polo tanto diante dunha proposta singular que parte da “linguaxe como trampa” para “matar a palabra con palabras”. Deste xeito, non só se afasta da lóxica no que se refire á construción das distintas versións do texto, dispostas en dobre columna e, na última das seccións, con tipos de letra grandes, senón que introduce numerosas alteracións morfosintácticas: “pensártena”, “palaeubra”, “trampaeque”, “noneuposible”, “triángula, cadrada, círcula”, “moverse tanta”, “distanto”, etc. As amálgamas posúen en ocasións unha importante rendibilidade desde o punto de vista gráfico:
interesamemememe
interesamememedo
intersesamememe o que Do
interesamememeQedo
Haberá que agardar a futuras entregas para coñecer a traxectoria que o proxecto Non ou edicións vai desempeñar no panorama editorial galego. A súa estrea apunta cara a un espazo alternativo e de liberdade en canto a contidos e soportes.
“Facer Merbauz non ou posible?” propón un itinerario polas posibilidades creativas (“porque se todo é posible porque falta ¿por que falta?”) no que o lector ou lectora terá que desafiar as ambigüidades, as trampas e as non-posibilidades da linguaxe:
nesta manía de linguaxe
de ser selva
esta tarde
meter un elefante nos zapatos