O catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago, J.C. Bermejo Barrera, cuestiona os grandes temas da nosa historia actual. A unión cultura - historia - economía é unha simbiose que Bermejo pon en dúbida constantemente e ir contra a mercantilización do pasado convértese no cabalo de batalla que Bermejo amosa en todo o escrito.
10 / 12 / 2007
Gustavo Hervella. Santiago
O profesor Bermejo preséntanos unha recompilación de relatos ensaísticos onde amosa a súa concepción da historia e como esta se intercala na realidade social de Galicia. Vainos sinalando as eivas e as diferentes instrumentalizacións que moitos especialistas levan a cabo da ciencia que estuda o pasado: a historia é “unha construción verbal [do pasado] socialmente compartida”.
O arranque do seu discurso é a Cidade da Cultura de Galicia, obra faraónica ideada polo ex presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga. A comparación cos monarcas exipcios non é gratuíta, para o propio Bermejo o actual senador do PP é comparable máis que a Felipe II ou Luís XIV a Keops e Micerino, o que xa nos dá pé a comprender a profunda discrepancia que o autor ten con este xeito de facer cultura. Así mesmo, que a capa do libro sexa unha combinación de imaxes onde podemos ver as torres Hejduk do Gaias e a fachada do Obradoiro de Casas Novoa, tamén nos sinala o camiño que con este tipo de obras se pretende seguir.
Toda esta filosofía da actualidade énos amosada a través duns textos, algúns xa publicados ou cando menos coñecidos (é o caso do discurso ante os estudantes de Historia da promoción 2002-2007 que se nos presenta no capítulo I). A historia é entendida como unha ciencia social que pode xustificar o presente, engrandecéndoo, asentándoo en acontecementos do pasado como se manifesta no capítulo III “O resplandor ou a Historia”, onde se critican acedamente os fastos e festas que levaron a conmemorar os cincocentos anos da Universidade de Santiago en 1995.
Cultura e economía
A economía ligada ás actividades culturais é un argumento que podemos atopar en todo o escrito. A unión cultura-historia-economía é unha simbiose que Bermejo pon en dúbida constantemente e para desfacer esta relación afirma: “A cultura galega é un capital simbólico que produce ante todo prestixio e en ocasións tamén beneficios económicos, e a posesión da mesma é fundamental para acadar o exercicio lexítimo do poder”. Así, seguindo esta idea, avoga que se realicen estudos económicos e sociais do que significan as grandes exposicións que desde os anos noventa se veñen celebrando en Galicia e que terían como remate a Cidade da Cultura. Ben é certo que mostras como as relacionadas co Xacobeo ou “Galicia Terra Única” teñen pouco de historia (xa que o que se move ao seu redor é sempre o mesmo, onde as análises científicas que sobre esas épocas se desenvolven son febles como se pode comprobar nas publicacións que se editan con ocasión das mostras). A relación de cultura e historia é, para o autor, evidente: “non é posible comprender ningunha das culturas existentes se non as enraizamos nas súas situacións históricas concretas. Neste sentido o estudo da cultura é un elemento indisociable do estudo da realidade histórica, e no caso de Galicia, da análise da situación histórica concreta dos seres humanos que no longo do tempo viviron nela”.
Mercado e Cultura
No capítulo que realiza conxuntamente con Mar Llinares, Decana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, analizan a cada vez máis común relación entre mercado e cultura, a través dos BIC (Ben de Interese Cultural). Para eles, un ben de interese cultural ten que estar por riba do mercado, xa que son moitos os bens que non entran no concepto de mercadoría, e para iso poñen exemplos de materiais prehistóricos, ámbito que ámbolos dous coñecen ben.
O interese económico relacionado coas actividades culturais é posto en dúbida dunha maneira constante en todo o ensaio. Que primen os intereses políticos e expositivos por riba dos meramente culturais é unha faceta do mercado global que non acepta o autor. Precisamente ir contra esta mercantilización do pasado convértese no cabalo de batalla que Bermejo amosa en todo o escrito.
A historia patria
Nos últimos apartados do libro, o ensaísta analiza a instrumentalización da historia á hora de crear a identidade galega. Xa desde o XIX os historiadores se converteron na alma das nacións, e as súas achegas sobre o pasado serviron para xustificar moitas actuacións do presente. O autor recolle terminoloxía tanto destes “creadores de nacións”, os historiadores do século XIX como dos estudiosos do fenómeno nacionalista, na procura da relación existente entre culturalismo e política, incluso na actualidade: “O discurso político nacionalista evolucionou, pero até agora non se pode afirmar que lograse liberarse do feitizo do celtismo”. Bermejo preséntanos unhas reflexións que desmitifican a historia de Galicia, o celtismo, o pobo galego atemporal, a lingua ou xa máis recentemente as teorías sobre o colonialismo interno de Galicia respecto a España de notable éxito nos anos sesenta.
Isto lévao a reflexionar sobre o debate que se produciu ao redor da definición de Galicia no estatuto “non nato” desta lexislatura. Persoeiros destacados da cultura do país propuxeron diferentes definicións de Galicia, desde a realidade histórica de Beiras Torrado á nación de Breogán de Ramón Villares. Esta diferente concepción do que somos leva ao autor a reflexionar ao redor da nación, das diferentes concepcións que dela se fan e incluso a dar unhas regras polo cal un territorio coa súa xente sería susceptible de constituírse en Estado, evidentemente o grado máximo de aspiración de calquera entidade cultura e étnica. A este respecto, o lector pode ir estruturando as súas ideas respecto ao que sería unha nación asentando a definición nas pautas que Bermejo nos achega. Como poderá comprobar, non sempre ou case nunca, se cumpren o que significa por unha parte que o nacionalismo é moito máis complexo e, por outra, que a cultura na maioría dos casos é un elemento esencial nas teorías de construción nacional.
En definitiva, e segundo a lectura destes textos, os galegos seremos nación se os que vivimos en Galicia (territorio) así o desexamos, non porque existira un reino medieval de Galicia (no que non había soberanía nacional necesaria para a creación da nación e que xurde coas revolucións burguesas de fins do XVIII e do XIX), e si porque os galegos decidimos, exercendo os nosos dereitos como cidadáns converternos en nación e, se é o caso, en Estado, con política, economía e cultura propias e diferenciadas das que nos rodean; todo, en definitiva, depende da vontade popular.