As ideas que sobre os celtas se achegan actualmente á sociedade proceden de campos moi diversos, este libro encauzado a análise a través do estudo de tres ámbitos chaves desde onde acostumamos recibir información sobre os celtas: a Investigación, a Educación e a Divulgación, a visión paixonal dos celtas e o celtismo fóra da academia. O libro de Ana Ibarra non é só unha excelente crítica historiográfica senón un ensio sociolóxico.
17 / 10 / 2007
Xurxo M. Ayán. SantiagoNa miña opinión, a investigación arqueolóxica sobre a Idade do Ferro desenvolta dende a década de 1960 pola auto-alcumada Nova Arqueoloxía galega insírese nun sistema de saber-poder galaico-minhoto caracterizado tradicionalmente pola persistencia do paradigma da Arqueoloxía histórico-cultural galeguista, por unha alerxia á teoría, por un sesgo pseudopositivista a ultranza e por un notable hermetismo cara ás influencias exteriores. Esta endogamia (que fixo do NW un “sitio distinto” en termos arqueolóxicos e historiográficos) conlevou, asemade, un certo escepticismo cara ás aportacións realizadas dende fóra do sistema, sobre todo aquelas que abogaban por unha Arqueoloxía social e crítica, e aquelas innovacións encetadas polas novas xeracións de investigadores. Neste contexto, un dos excepcionais focos de renovación da Arqueoloxía sobre as comunidades castrexas e/ou célticas do NW dos últimos anos vén sendo a liña de traballo dirixida polo catedrático de Prehistoria Gonzalo Ruiz Zapatero na Universidade Complutense de Madrid, centrada na crítica historiográfica e na análise en clave sociolóxica da Arqueoloxía como prática social e política no presente. Desta factoría de xoves valores xurdiron as interesantes aproximacións á arqueoloxía castrexa do NW de Beatriz Díaz Santana, Alfredo González Ruibal ou Carlos Marín, gran parte delas dadas a coñecer na Serie Keltia da Editorial Toxosoutos. Nesta colección vén de publicarse unha nova aportación máis desta exitosa e produtiva liña de traballo, da man doutra xove investigadora, Ana Ibarra Jiménez.
Multivocalidade e discurso científico
Nunha axencia de viaxes, na zona vella de Compostela, mantívose durante bo tempo unha oferta de turismo de lecer de fin de semana baixo o título “escapada celta”. O pack incluía, a un módico prezo, sesións de relaxación en centros termais d’O Ribeiro, concerto de música folk e visita guiada á “cidade celta” de San Cibrao de Lás. Doutra volta, un pazo do interior de Galicia ofrece recreacións de “romerías gallegas” e “festas celtas” como escenografía para un banquete de vodas. Son dous bos exemplos de como a paixón celta é un activo con grandes réditos comerciais no mercado. Esta realidade socieconómica e cultural non pode ser vista con aires de superioridade e de mofa dende a torre de marfín da Arqueoloxía académica. Esta perspectiva, aínda manexada por aqueles sectores da investigación que consideran a Xestión do Patrimonio Cultural e a difusión e divulgación arqueolóxica como historia lixo, conleva, dunha banda, a marxinación do discurso arqueolóxico por parte de grande parte da poboación e, doutra banda, a conquista do mercado do coñecemento por visións esotéricas que trivializan o pasado. A este respecto, a investigación de Ana Ibarra non é só unha excelente crítica historiográfica senón un ensaio sociolóxio que se mergulla nunha triple vertente: a conformación das comunidades célticas na historiografía, a imaxe dos celtas dada polo sistema educativo español dende o século XIX até a LOGSE e a presenza do tema céltico no mercado editorial e en Internet.
Esta complexa realidade é abordada dende un posicionamento crítico que entoa un meritorio mea culpa (cando denuncia a nula implicación da Arqueoloxía convencional na divulgación do coñecemento) e recoñece o carácter multivocal da sociedade da información: hoxendía conviven diferentes perspectivas sobre o pasado, conflúen diferentes interpretacións e intereses, ás veces compatibles, ás veces antitéticos e contradictorios. Neste senso, resulta acertadísima a proposta de Ana Ibarra. Para tratar con esta realidade multivocal non podemos caer no autoritarismo academicista que sanciona a Arqueoloxía como unha disciplina científica, garante da única verdade positiva. A multivocalidade da “paixón céltica” debe ser respectada e analisada por unha prática arqueolóxica que devale cara a un método reflexivo, autocrítico e relativista, na liña da Arqueoloxía proposta nos últimos anos por Ian Hodder e outros. O diagnóstico da autora, contrastado con estatísticas nun exercicio rigoroso de cuantificación, é taxante: até o momento constátase un desaxuste total entre o coñecemento arqueolóxico e a súa plasmación nos manuais escolares e no mercado editorial, é dicir, as dúas grandes canles polas que se forma a poboación española. Porén, a Arqueoloxía científica, se quere contribuír á formación de cidadáns críticos, debe mollarse nesta complexa realidade, afondando na divulgación do coñecemento serio e riguroso. Todo un alegato ético, moi necesario nos tempos que corren.
Arqueoloxía da Percepción
A disciplina arqueolóxica debe reflexionar sobre o seu papel no presente e analisar a percepción social do pasado. Hai tempo, Carlos Alonso del Real defendía un estudo do imaxinario popular galego vencellado aos xacementos arqueolóxicos (mouros e mouras) que tivese en conta a súa evolución, as diferentes percepcións que confluían nese mundo (a escola, o discurso científico, a tradición) e maila dinámica da transmisión dos relatos orais (diferencias de xénero, por exemplo). Neste caso, cómpre facer o mesmo. A imaxe do pasado céltico atópase moi vixente na sociedade galega debido a un proceso ben definido por Ana Ibarra para o conxunto de España.
En primeiro lugar, a Arqueoloxía rexionalista decimonónica e a galeguista posterior tiveron moito que ver na consolidación desta imaxe. Hai pouco, nun Congreso da Asociación Europea de Arqueólogos en Zadar, Croacia, unha venerable arqueóloga irlandesa duns 80 anos, trala miña intervención sobre o impacto mediterráneo nos castros do litoral galego, comentoume que ficaba abraiada porque unicamente pensara na influencia céltica en Galicia, sobre todo dende que, sendo noviña, a finais dos anos 40, se lle achegara nun congreso López Cuevillas quen, dándolle dous bicos, díxolle efusivamente que galegos e irlandeses eran curmáns celtas. Unha boa proba no 2007 da vixencia desa Arqueoloxía etnicista.
En segundo lugar, a escola ao longo do século XX influiu tamén no discurso mítico do campesiñado galego; os mouros, transformados en moros, van deixando paso aos celtas, como unha das razas que habitou o país, xunto cos franceses, os carlistas, os facciosos e mailos fuxidos. Cousas da memoria histórica.
En terceiro lugar, como demostra maxistralmente Ana Ibarra na terceira parte do libro, o mercado editorial, o boom das revistas de Historia e pseudohistoria, así como Internet, encargáronse de espallar discursos do máis variopinto sobre os celtas e os seus vestixios materiais. Así, por exemplo, a confluencia destas visións era unha constante nunha actividade divulgativa na que participei como monitor nos últimos anos. Na chamada “Ruta dos castros” percorriamos durante unha fin de semana, cun grupo de vinte xoves de entre 18 e 30 anos, a zona da bacía media do Miño, visitando, entre outros sitios, a Cidade de San Cibrán de Lás. Nunha das edicións desta actividade, o conductor do autobús, ex chófer da furgoneta de Los Suaves, e lector ávido de Umberto Eco, pedíame bibliografía seria sobre os celtas, que estaba farto da borralla dos kioskos (palabras literais). A fin de semana seguinte, outro conductor aturou con escepticismo/estoicismo o meu discurso arqueolóxico e, abraiado perante a monumentalidade de San Cibrao de Lás, deulle por chamar a uns colegas de Zamora para organizar unha quedada no castro o último sábado de cada mes. Seica formaba parte dun grupo, no que participaban algúns ianquis, que argallaban “noites celtas” en sitios con feeling histórico, con danzas e consumo á carta de amanita muscaria. Por suposto solicitoume bibliografía que lle acaese ben á súa forma de ver o tema.
Como sinala Ana Ibarra nas conclusións do seu traballo (páx, 259): “Se nos preocupamos en atender a divulgación dos celtas, deberiamos afrontar tres aspectos claves: en primeiro lugar, observar como construímos argumentos dende a academia, segundo coñecer as vías a través das cales a divulgación chega á sociedade e sobre todo familiarizarse co verdadeiro destinatario da investigación, analisando cales son os diferentes públicos aos que vai dirixida.” Un consello interesante como colofón dun bo, valente e aconsellable libro de Arqueoloxía xunguida ao presente.