Esta obra aborda o texto poético como ferramenta de demolición da usura, como conflito sen resolver, como sinal de posta en marcha. Un libro construído sobre sólidos presupostos ideolóxicos e estéticos, que ofrece visións violentas e radicais do mundo contemporáneo. A opera prima da escritora desafía desde estas coordenadas a estabilidade da poesía galega actual, achegando unha notábel e sempre agardada novidade.
6 / 8 / 2007
María Xesús Nogueira.Lugo
A escritora Oriana Méndez (Vigo, 1984) procurou un título enigmático e suxestivo para o seu primeiro libro individual que, neste caso, non supón a carta de presentación senón a continuidade dunha voz xurdida no seo do grupo de intervención social Redes Escarlata. Aínda que a presenza desta poeta nas actividades do colectivo –entre elas, o volume “Xuro que nunca volverei pasar fame”– faga desta obra un produto agardábel e para algúns tamén agardado, cómpre non esquecer que estamos diante dunha das propostas poéticas máis singulares aparecidas ultimamente. Tal singularidade vén dada por dúas escollas que, malia as transformacións sufridas polo xénero lírico nos últimos anos, seguen sendo, agás excepcións, pouco frecuentes e desigualmente prestixiadas: a poesía de ficción e a poesía política.
Oriana Méndez renuncia ao intimismo e a subxectividade para construír un libro
de ficción histórica e política que ten como fío condutor o personaxe do capitán Kraft, unha “figura silente que nos presenta as voces dos protagonistas / en continuo estado de recepción”. Semellante ficción sitúase ademais nunhas coordenadas espazo-temporais particulares e certamente insólitas na poesía galega:
“27 de Novembro de 2010,
29 p. m., noite.
París, centro dun mundo.”
Desde esta cronoloxía futura preséntansenos retallos de ficción histórica relatados (a dimensión narrativa é outra das características do libro) desde a cidade de París. En ocasións, estamos diante de verdadeiras utopías cuxa lectura política resulta innegábel. Así acontece neste “proxecto / de construción / militar” onde
“Fixemos, como ven, persoas desbloqueadas
cuxas vidas son espazos baleiros nos que o mundo
só se vive en relacións de igualdade.
Son, claro, libres, de sometemento imposible e están armadas.”
Os textos derivan en ocasións en alegorías apocalípticas non exentas de ironía:
“Desde aquí, descoñecemos como se sente a incerteza
porque xa vemos os habitantes do subterráneo derrubando
as súas portas
... E deberían vostedes temer polos seus ordenadores.”
O contido político do libro sitúa a escritora no ronsel daqueles poetas que veñen ensaiando novas formulacións para a desprestixiada poesía comprometida por camiños que transitan o culturalismo, a violencia discursiva ou a alegoría. Os versos de Oriana Méndez, abondo explícitos nas súas formulacións (“O fracaso é única responsabilidade do Capital”), detéñense en escenarios e episodios diversos: a Batalla de Alxer, Gaza, Etiopía, as nenas industria e, por suposto, Galicia e o seu campo cultural:
“Ao falarmos de alfabetización en Galicia
nós tamén estabamos dalgún xeito mortos.”
O discurso de Oriana Méndez, que debido á súa natureza bota man dun escolleito culturalismo, intertextualiza o verso dalgún dos seus predecesores (Xabier Cordal, Chus Pato) e aborda mesmo a cuestión da autoría e a identidade do suxeito posmoderno:
“Así me atopo eu cando me pregunto pola autoría.
Porque busco datos
pero intúo que detrás deles non están os seus autores
nin os outros autores que eles
escollerían como autores das súas obras.
Non é un problema de biografismo, claro, falamos de identidade
ou, máis ben,
da falla absoluta de identidade e decisión no autor.”
A orixinal proposta da escritora, enmarcada no legado dun personaxe de ficción co que compartiu viaxe no “vagón que nos conduciu durante décadas / agochados nas lindeiras da outridade, en prol da / experimentación humana polo cambio violento e / definitivo no modo de produción”, acada unha proxección revolucionaria e futura no poema final, onde a voz condutora retoma o motivo das conversas e salienta o valor do ideario do “Capitán Kraft, aínda Capitán do exército da outridade, / opositor á fin da Historia”:
“ningún segundo empregado nas súas reflexións sobre a
organización das cousas
no subterráneo foi en van...
hai tempo que se comezan a ver saír
cabezas armadas
dos ombreiros
dos nosos cidadáns.”
“Derradeiras conversas co Capitán Kraft” é polo tanto un libro construído sobre sólidos presupostos ideolóxicos e estéticos, que ofrece visións violentas e radicais do mundo contemporáneo. A opera prima da escritora desafía desde estas coordenadas a estabilidade da poesía galega actual, achegando unha notábel e sempre agardada novidade.