Con este título irrompe Oriana Méndez na poesía galega do século XXI.
De sorprendente madureza, esta obra aborda o texto poético como ferramenta de demolición da usura, como conflito sen resolver, como sinal de posta en marcha. Valéndose da ironía contra os fósiles líricos do noso tempo, a autora disecciona a experiencia da posmodernidade, abre túneles na metrópole continua que habitamos. E tensa o verso, confronta o seu sentido da beleza, profundo e inquisitivo, coa esixencia de franquear os pasos para a mobilización. [Presentación editorial]