lg3
inicio » lg3 » críticas

CRÍTICAS / 346

SOBRE O LIBRO"OS PAXAROS TAMéN MIGRAN AO SUR"
Sensibilidade narrativa
Unha historia de amor transgresora que se desenvolve nunha cidade onde a comunicación humana non é doada. Unha novela que cuestiona a sociedade consumista postmoderna. Unha ambientación moi coidada e un erotismo elegante. Un texto engaiolante que non podemos deixar de ler até o final. A ópera prima de Cerradelo, Premio Terra de Melide 2006, é un verdadeiro descubrimento, unha desas novelas para somerxerse de cheo no pracer de ler. Estes paxaros que migran ao sur agochan moitos segredos, que quen le descobre coas mesmas doses de sorpresa ca de pracer.


SOBRE O LIBRO"O EXILIO GALEGO DE 1936: POLíTICA, SOCIEDADE, ITINERARIOS"
Colofón do Ano da Memoria
Recóllese neste volume unha ampla escolma dos relatorios e comunicacións presentados ao congreso internacional que tivo lugar en Santiago nos finais do mes de setembro do 2001. Os traballos abordan a metodoloxía e as pautas a seguir nos estudos sobre o exilio, a política do exilio, a figura do exiliado galego por antonomasia, Castelao, os destinos do exilio, onde sobresae o continente americano, a literatura, as artes plásticas, o xornalismo, a música, o teatro e o ensino.


SOBRE O LIBRO"GRAVADOS RUPESTRES NOS MONTES DE CARNOTA"
Unha lección de humildade desde a humildade
O canteiro José Cernadas percorre 30 grupos de diferentes gravados rupestres presentes nos montes de Carnota e explica, de forma sucinta e accesible, o mínimo imprescindible que se debe saber para visualizar e entender as figuras e a presenza dos petróglifos. Unha obra que supón un fito en canto a publicacións de temática arqueolóxica e que non debería pasar desapercibida.


SOBRE O LIBRO"UNHA BRUXA BEN RARA"
Raruxa de Bentraces
O pontevedrés Carlos Mosteiro, autor de reducida pero interesante traxectoria, pasaba hai uns meses a formar parte da nómina de galardoados co Premio Barco de Vapor con esta narración humorística, repleta de resonancias literarias e que pon o acento na diferenza.


SOBRE O LIBRO"A LAGOA DAS NENAS MUDAS"
Cos fíos da realidade
As cuestións de actualidade non son alleas aos relatos dirixidos aos máis novos. Proba disto é a última entrega de Fina Casalderrey, unha figura indiscutible na nosa LIX que adoita literaturizar temas extraídos do ámbito do cotián. En “A lagoa das nenas mudas”, un suxestivo título que concentra o espazo simbólico e o trazo definitorio das protagonistas, volve mostrar a súa habelencia para ver o mundo cos ollos dos nenos e das nenas e explicalo coa súa propia voz.


SOBRE O LIBRO"LIMPEZA DE SANGUE"
Realismo sucio e sangue limpo
“Limpeza de sangue” non só é o libro que inaugura a Biblioteca Dramática Galega (en virtude do xa tradicional convenio entre o IGAEM e Xerais, continuadora dos anteriores Libros do CDG) senón que é, ademais, un texto dramático interesante, cheo de aspectos suxerentes. Iso, sen dúbida, foi o que o fixo merecedor do Premio Álvaro Cunqueiro en 2006.


SOBRE O LIBRO"PALABRAS CONTADAS"
Relear os adxectivos
Máis dun cento de microrrelatos, outros trinta argumentos de novela, ademais de cinco relatos algo máis extensos, a xeito de bises. A través da literatura breve o autor aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría.


SOBRE O LIBRO"CASA PECHADA"
A fraga da memoria
Con este seu primeiro poemario en galego a autora conseguiu o premio Esquío en 2006. A autora fai neste libro un axuste de contas, coa propia lingua e coa propia historia. Na súa evocación de infancia Luz Pichel esquiva a visión bucólica e amosa unha viaxe de partida e de regreso á orixe, non sempre arcádica.


SOBRE O LIBRO"LóBEZ"
O lobo diferente
Gañador do 2º Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2006. O relato narra a historia dun fermoso lobo, que, ao non saber ouvear como os da súa especie, produce un gran pesar aos seus pais e é continuo obxecto de burlas. Unha historia que propón a valoración positiva dos “diferentes”, dos “raros”, que son quen de transformar o mundo.


SOBRE O LIBRO"A CASA DOS ENCONTROS"
No Gulag, o arquipélago da destrución
A edición galega da novela do escritor inglés Martin Amis, chega un mes despois da súa publicación en Inglaterra, converténdose na primeira das publicadas noutra lingua. Amis dá unha maxistral clase de literatura rusa.


SOBRE O LIBRO"REPúBLICA E REPUBLICANOS EN GALICIA"
Biografía dunha convicción política
En 2006 conmemorouse o 70 aniversario do fin dunha época de esperanza e o comezo da Longa noite de Pedra. Foron moitos os estudos, máis ou menos científicos, que afondaron nas causas e consecuencias da experiencia republicana dos anos trinta. A crise económica, as disputas entre os diferentes sectores da sociedade, o empurre do obreirismo, as influenzas políticas foráneas —comunismo stalinista e fascismos europeos— foron temas analizados á hora de pescudar sobre o devir histórico da II República Española.


SOBRE O LIBRO"OS MéRCORES DE FRA"
Os perigos de morrer en mércores
Dende neno, Arturo Fra convive cun aviso definitivo: a morte agárdao en mércores. Esta obra, Premio Risco de Creación Literaria, reúne diferentes ingredientes literarios nunha receita en principio sinxela, mais difícil de lograr. A novela emana o arrecendo da fantasía que convive co cotián e o absurdo.


SOBRE O LIBRO"PUCHO, O HABITADOR DOS TELLADOS"
Un campo nas azoteas
Manuel Janeiro estréase como narrador con este relato de coidada edición e destinado a todas as idades de lectores. O protagonista acha nos tellados da cidade un mundo diferente no que, por circunstancias, terá que desenvolverse. Os tellados serán o seu campo de soños e realidade.


SOBRE O LIBRO"OS HEMISFERIOS"
Co(a)s poetas nunca se sabe
Esta nova exploración poética de María do Cebreiro ilumina con acerto recantos dunha realidade complexa, por veces paradoxal e cambiante, empregando como código unha linguaxe observada con desconfianza, como tamén o semellan estar no libro os mecanismos implicados na nosa interpretación do mundo.


SOBRE O LIBRO"TRES SEGUNDOS DE MEMORIA"
Tres segundos de lectura
A novela gañadora do Premio Xerais 2006, fai un retrato dun sector urbano e moi damnificado da sociedade actual, onde a espontaneidade abrolla por enriba do politicamente correcto. Na súa lectura María Liñeira acha nesta obra unha viraxe na curta e prometedora traxectoria do autor.


SOBRE O LIBRO"LABREGOS NO FRANQUISMO"
O réxime no agro
Unha ollada sobre a interacción entre o campesiñado galego e a ditadura de Franco, un tema que apenas ten sido exposto desde o ámbito da Historia, baleiro que ven a encher en parte este traballo.


SOBRE O LIBRO"ÉXODO"
Tirar áncoras da lingua
A consolidación dunha voz orixinal que constrúe un discurso no que os contidos sociais teñen un especial protagonismo. A esta consolidación contribúe ademais a concepción singular do libro.


SOBRE O LIBRO"A COVA DAS VACAS MORTAS"
Hippies e nazis en Galicia
O Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil inaugura a súa andaina en 2006 con esta obra, unha historia que sorprende pola súa temática, a súa localización espacial e por presentar unha concepción do protagonista adolescente afastada do habitual neste tipo de obras.


SOBRE O LIBRO"POR QUé BALDOMERO QUINTáNS?"
Atopar resposta a unha pregunta
Texto gañador do III Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, da Deputación de Ourense. As excelentes ilustracións de María Puertas Feijóo-Montenegro tamén resultaron premiadas neste certame pola súa tradución en imaxes do texto seleccionado.


SOBRE O LIBRO"OS LIBROS ARDEN MAL"
Farrapos da dramática historia
A agardada novela de Manuel Rivas que se desenvolve nun período que vai do 1881 deica os nosos días, entre o falecemento de George Borrow e o dun vello anarquista galego chamado Polca. Obra para lectores de fondo, oculta no seu interior a xenerosidade do escritor fecundo, construtor de secundarios, hábil na técnica do rescate cunha soa liña.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal