Antón Reixa sorprende ao seu lector con esta obra desconectada da súa traxectoria poética pola súa temática amorosa dunha intensidade lírica descoñecida en obras anteriores. A evolución como escritor deste polifacético artista vencellado á cultura dos 90 e ao actual panorama audiovisual suscita a curiosidade ante este poemario.
29 / 9 / 2008
María Xesús Nogueira. Lugo
A figura polifacética de Antón Reixa constitúe, sen dúbida, un referente na cultura galega contemporánea e unha icona da modernidade. A súa traxectoria literaria, que garda estreitos vínculos coa musical e a audiovisual, está asociada ao xa mítico Grupo de Comunicación Poética Rompente, que na segunda metade da década dos setenta levou a cabo un labor de transformación da expresión lírica galega sen precedentes. As súas
intervencións poéticas exhibían unha actitude provocadora e iconoclasta que se combinaba cunha visión crítica, por veces paródica, da realidade. O seu discurso afastábase de maneira abismal da poesía á moda e incorporaba elementos que até aquel momento se consideraban
impuros no xénero: materiais de refugallo, do cotián ou do
rock and roll. Estas actitudes seguiron presentes, en maior ou menor medida, nos libros posteriores dun autor que agora racha un silencio poético de nove anos.
A aparición de
Látego de algas suscita polo tanto unha inevitábel curiosidade acerca da evolución do escritor, que nos leva a preguntarnos que elementos atoparemos daquel Reixa rompente e provocador. Non obstante, a comparación deste poemario con
Silabario de turbina, As ladillas do travesti ou
Historia do Rock and Roll non semella a mellor guía de lectura da obra e de seguro que ha conducir á sorpresa ou mesmo poida que á decepción.
Látego de algas sorprende de certo o lector de Reixa pola súa temática, pois trátase dun conxunto de poemas de amor cunha intensidade lírica descoñecida en obras anteriores. O novo libro, que conta con limiar de Yolanda Castaño e ilustracións de Francisco Leiro, está construído sobre o eixe semántico do amor e disposto nunha serie de textos “baseados en feitos reais” e que expresan un sentimento de plenitude: “quérote máis cá min. Máis cá vida”.
A pesar desta unidade temática, infrecuente nos libros anteriores, hai nesta nova entrega unha vontade de renovación da linguaxe amorosa que se evidencia xa no vocativo repetido a xeito de leitmotiv, “meu látego de algas”, reproducido no título do poemario. Esta linguaxe nútrese de elementos tirados da experiencia cotiá (“galletas de ti”), do cosmos (“como un iceberg de lume lento e portátil que se propón un sistema solar”) ou da tecnoloxía (“os cortocircuitos da alegría”). É precisamente nesta factoría de imaxes elaboradas mediante a asociación imprevisíbel (“piscina edredón”, “esponxa hospitalaria”, “torpezas rectangulares”, “minería azul”) onde se atopan as marcas máis xenuínas da poesía de Reixa, así como a forza indómita do seu verso que remite a referentes identitarios xa coñecidos: “quero descansarte nun colchón estratosférico e voador de follas de carballo”, “agora quero que me fervas como un polbo”.
O discurso amatorio que domina o libro vese enriquecido por outros matices nalgunhas das súas seccións. Así, en “Marea de ollos” preséntase unha serie de imaxes visionarias expresadas en textos mínimos. A tendencia á composición breve maniféstase tamén en “Armarios de látegos de algas” e “Crónicas de Paramín en Paraty”, onde abundan ademais as onomatopeas e outros recursos fónicos, como o que evidencia o propio título. Outras veces é o discurso social o que aflora ás composicións, como acontece nos versos que testemuñan a cicatriz deixada pola catástrofe do Prestige nos poetas galegos:
“Armario De Palabras Temporalmente Desactivadas
Percebe
Percebeir@
Costa Da Morte
(Galicia, decembro 2002)
Compartir contigo esta catástrofe”
Nuns e noutros textos predomina a técnica acumulativa (rara vez hai narratividade), apoiada unhas veces no paralelismo, outras nun ritmo musical que conecta cunha das máis coñecidas facetas do artista. Os poemas penduran entre o lirismo e as palabras concibidas como “segredos mastigables”, procurando un difícil equilibrio, así como unha fórmula capaz de expresar unha pulsión vital e facer estourar ao tempo a linguaxe:
“Existe a ilusión e a comparación do volcán:
A pirotecnia rebenta un iceberg.”