Mentres o ano está en curso e a homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez segue vixente esta coidada edición compendia nun único volume artigos esparexidos por numerosas revistas especializadas, de non doada consulta para o público en xeral. Dentro da na obra inmensa deste autor, é fundamental o labor de recollida, estudo, documentación e difusión da arqueoloxía e do patrimonio histórico. O presente libro constitúe un auténtico espello no que se reflicte a evolución da Arqueoloxía do noso país ao longo de grande parte do século XX.
13 / 10 / 2008
Xurxo M. Ayán. Santiago
O Instituto de Estudos Miñoranos vén de homenaxear ao polifacético Xosé María Álvarez Blázquez cunha coidada edición que abrangue grande parte da súa obra arqueolóxica. A este respecto, o libro resulta especialmente valioso ao lector nunha tripla vertente. En primeiro lugar, compendia nun único volume –e traducidos ao galego- artigos esparexidos por numerosas revistas especializadas, de non doada consulta para o público en xeral. En segundo lugar, fornece algúns traballos inéditos moi interesantes dende o punto de vista da historia da Arqueoloxía galega de preguerra, como son os pequenos diarios de escavación das
exploracións efectuadas polo autor na súa mocidade en 1934 no castro de San Xoán de Baión (páxs. 209-18) e no castro de Cabeza de Francos (páxs. 245-52). En terceiro lugar, conta cun magnífico capítulo introdutorio a cargo de Eduardo Méndez Quintás (páxs. 19-39) no que se reproduce abundante material gráfico e manuscrito do propio arquivo de Álvarez Blázquez.
Unha viaxe pola Arqueoloxía galeguista
Estes
escritos sobre Arqueoloxía constitúen un auténtico espello no que se reflicte a evolución da Arqueoloxía do noso país ao longo de grande parte do século XX. As precoces e entusiastas achegas dun mozo Xosé María insírense de cheo na escola arqueolóxica do Seminario de Estudos Galegos liderada por Florentino López Cuevillas e caracterizada polo predominio do paradigma celtista e a consideración do pasado protohistórico como esencia da nacionalidade galega: “Eu ansío que [o castro de Baión] non teña pasado do eneolítico, pois a súa orixinalidade estaría en non ser abranguido pola influencia romana que tanto asoballou a nosa personalidade” (páx. 212). Da man do erudito Fernández Costas, a arqueoloxía de Álvarez Blázquez dos anos 30 devala entre a tradición da arqueoloxía rexionalista decimonónica (ancorada metodoloxicamente nas
gabias exploratorias) e o nacemento dunha anovada arqueoloxía de campo. A este respecto, o presente libro ofrece dados moi esclarecedores sobre o impacto a nivel local do labor desenvolto polo galeguismo cultural e político, un traballo tronzado de cheo polo golpe de Estado de 1936, que afectou dramaticamente ao noso autor co asasinato do seu pai a mans dos fascistas.
A Arqueoloxía posibilista de postguerra
O nacional-catolicismo conlevará unha reestruturación da Arqueoloxía do país, integrada nun modelo fascistoide centralizado a partir das alcumadas
Comisarías de Excavaciones, cuxa central era controlada por falanxistas acérrimos até 1955. Unicamente os afíns ao rexime (Luengo, Filgueira) e outros galeguistas vencellados á vertente católica e conservadora do nacionalismo, como Cuevillas, Bouza Brey, X. Lorenzo ou Taboada Chivite puideron integrarse nesta nova realidade continuando co labor arqueolóxico en Galicia. A figura de Álvarez Blázquez é paradigmática neste sentido da Arqueoloxía posibilista da postguerra. Como
Comisario Local de Excavaciones de Vigo dende 1949 levará a cabo unha importante actividade da que dan sobrado testemuño os artigos recolleitos no presente libro, todo un documento desa Arqueoloxía dos anos 40 e 50.
En definitiva, cremos que esta obra resulta de indubidable interese tanto para os especialistas coma para aqueles cidadáns interesados na historia da Arqueoloxía galega, como para aqueles que queiran coñecer aspectos descoñecidos do Patrimonio arqueolóxico do SW de Galicia, como a historia dos achados en xacementos senlleiros como O Facho de Donón, o Vigo Romano ou as Gándaras de Budiño, todos eles vencellados para sempre á figura entusiasta de Álvarez Blázquez, quen misturaba literatura e ciencia nos seus escritos: “No solpor tornamos para Tui coa ledicia dunha nova descuberta” (páx. 135).