O arraigamento das prácticas deportivas como unha forma de cultura cívica é o obxecto desta indagación histórica, que emprega un amplo abano de fontes documentais e hemerográficas. A ximnasia, o excursionismo, os deportes británicos ou a transformación de prácticas tradicionais en competicións deportivas son os comezos dunha actividade propia do mundo contemporáneo que establecerá un auxe a partires da primeira década do século XX.
10 / 5 / 2009
Gustavo Hervella. Santiago
As ciencias sociais teñen afondado no tema da modernidade e na transformación da sociedade contemporánea desde múltiples puntos de vista: obreirismo, emigración, construción nacional..., sempre tendo como eixo fundamental tentar explicar como os habitantes dun territorio ían adquirindo unhas características que os convertían en cidadáns no sentido contemporáneo do termo: “Dereito e disposición de participar nunha comunidade a través da acción autoregulada, inclusiva, pacífica e responsable, co obxectivo de optimizar o benestar público”. Para o caso de Galicia, os estudos referentes ás transformacións agrarias realizados a partires dos traballos de Ramón Villares son o punto de inicio desta corrente historiográfica que ten un capítulo máis no presente estudo de Andrés Domínguez.
O autor, baseándose na deportivización da sociedade galega desde mediados do século XIX até o primeiro terzo do XX analiza como esta se transforma á par cá española e en liña coa Europa do momento. O progresismo, non en sentido político e si social, é patente nas cidades e vilas galegas de finais do oitocentos e comezos de 1900. O deporte, como fenómeno propio do mundo contemporáneo, constitúe un exemplo paradigmático destas transformacións. Así, o atraso tecnolóxico e social de Galicia non o era tanto como durante décadas se nos fixo crer; aos estudos sobre a industrialización, agricultura ou asociacionismo únese agora o do deporte, que vén a completar a visión que daqueles anos tiñamos: “O decisivo paso a prol da modernidade dado en Vigo cobra máis importancia si se ten en conta que se acompasa cos que se dan nunha cidade referencial como Barcelona. Non en van a sociedade velocipédica viguesa, ao igual cás de Oviedo ou Lleida, constitúese o mesmo ano que o Veloz Club barcelonés. Incluso o ritmo asociativo seguido en Galicia non difire moito do experimentado noutras localidades catalás, coma Reus, onde a partir de 1888, o ciclismo atrae unha cantidade considerable de burgueses” (p. 206)
Durante décadas, os traballos sobre cidadanía tiveron como principal eixo argumental as transformacións no mundo obreiro, na construción da nación ou, e no caso de Galicia este é un tema fundamental, nos estudos sobre as transformacións agrarias acontecidas antes de 1936. Como aquelas, o deporte viu truncado o seu camiño coa guerra civil e a ditadura franquista. Unha das parroquias do concello da Estrada que sufriu unha represión considerable tras a guerra civil foi a de Guimarei. Aquí existía un forte asociacionismo agrario de carácter socialista e unha fonda loita anticaciquil auspiciada polos emigrantes en América; neste núcleo rural constatamos unha asociación deportiva denominada Cultural Deportiva Guimarei. Este auxe modernizador desaparecerá co golpe de estado franquista.
A ximnasia, o excursionismo, os deportes británicos ou a transformacións de determinadas prácticas tradicionais en competicións deportivas son os comezos dunha actividade propia do mundo contemporáneo que establecerá un auxe a partires da primeira década do século XX. Vigo, A Coruña, Vilagarcía e en menor medida as outras cidades e vilas de Galicia, experimentan un auxe do movemento deportivo equiparable en tempo e forma a outros espazos peninsulares e europeos. Aquí tamén os xogos son deportivizados nalgúns casos -sobre todo os relacionados co mar, a caza e a equitación- e outros simplemente esmorecen no tempo: “Non é doado establecer en que estas prácticas, nas que se mestura o lúdico e a competición física, pasan a formar parte do día a día das xentes” (p. 97). O evidente é que, amais das influencias foráneas, para a implantación dunha actividade deportiva entre a poboación teñen máis importancia as causas endóxenas que esóxenas; certamente, as transformacións económicas e sociais que neste intre acontecen en Galicia a través da urbanización e proletarización da costa e dalgunhas zonas do interior crean o caldo de cultivo necesario para que as modas europeas sexan adaptadas á realidade galega. Así, foron os empresarios de éxito económico os principais impulsores dos ximnasios ou, xa na segunda década do século XX os que crean nalgúns barrios das cidades os primeiros clubs de fútbol.
Como acontece outras veces, a sociedade marchou por diante da política. Non será até fins do XIX cando o Estado se interese pola actividade física, xa que si ben desde a década de 1870 na teoría aparecen referencias nos plans de estudo, a realidade era ben distinta. O efecto nacionalizador das masas que se tería que transmitir desde o poder político foi nulo e o feito deportivo foi crecendo grazas ao empuxe da sociedade: “De aí que a cultura física, introducida seguindo o paradigma ximnástico xermánico, máis ca consolidarse coma unha arma ao servizo do Estado se desenvolverá coma útil instrumento adaptado ás necesidades dos seus verdadeiros promotores” (p. 155).
A difusión que en Galicia experimenta o deporte, sobre todo a partires dos anos oitenta do século XIX, sinala unha liña que nos axuda a comprender como se consolida a modernidade e as prácticas contemporáneas na sociedade: o crecemento do asociacionismo deportivo “debe ser subliñado como exemplo da eclosión dunha sociedade urbana inmersa dende décadas atrás nun proceso de transformación-modernización” (p. 370). É o caso da introdución e expansión do velocípedo e, posteriormente, a bicicleta “a modernidade sobre rodas” organizándose a que será a primeira proba ciclista en Galicia en 1912; as exhibicións aéreas de José Piñeiro –a primeira en Pontevedra en 1911- ou a creación do Club Automobilístico Coruñés en 1920 (p. 338). Pero sen dúbida, a eclosión do fenómeno deportivo en Galicia e a súa expansión está intimamente relacionada co fenómeno do fútbol; se ben a primeira vez que se xoga un partido en Galicia e queda documentado é en Vilagarcía en 1873 será nos primeiros anos do século XX cando todo barrio, vila e cidade que se prece disporá dun equipo, establecendo relacións que ían más alá do deportivo entre uns e outros. Os afeccionados a unha escuadra xúntanse para defender os seus cores que son identificados cos do barrio, cos dun líder político ou, xa nos anos vinte, cos da cidade onde residen.
O fenómeno deportivo en Galicia, propio da contemporaneidade, é un apéndice máis das profundas transformacións que a sociedade experimenta desde o último terzo do século XIX até 1936. Foron varios os estudos que atenderon aos cambios experimentados na agricultura, na industrialización, na emigración e, desde o punto de vista das ideas, na introdución das correntes de pensamento existentes na Europa do momento: anarquismo, socialismo, rexionalismo-nacionalismo e fascismo. Co prisma que nos outorga este libro, podemos apreciar os cambios da sociedade a través do estudo do deporte, tema este desprezado en múltiples ocasións pero que se revela como esencial á hora de pescudar a modernización urbana dunha sociedade, neste caso a galega.