lg3
inicio » lg3 » críticas

CRÍTICAS / 346

SOBRE O LIBRO"O ANO DO XARDINEIRO"
O humor checo que leva por diante os tópicos
Este libro é moito máis ca un detallado manual de xardinaría e pódese ler como unha reflexión sobre a condición humana e a súa relación co espazo e o tempo, simbolizadas no trascorrer cíclico do xardín. Nas variadas manías dos xardineiros podemos descubrir, dun xeito case accidental, toda a gama de mesquindades que afectan aos seres humanos, guiados por un humor aparentemente inocente e sen malicia.


SOBRE O LIBRO"O BRINDO DE OURO II"
Reinventar un subxénero e un espazo
A Táboa da Hospitalidade é a segunda entrega da serie O Brindo de Ouro, iniciada con A chamada do Brindo. Que se entusiasmou con aquelas aventuras reciben agora, algúns anos despois, o seguinte chanzo desta prometida triloxía. A saída do prelo da segunda aventura de Selmo, o Garduián do Brindo, é unha boa nova para a literatura xuvenil e unha oportunidade para que o público mozo de hogano se achegue a esta fascinante recreación do espazo courelá e dos seus símbolos literarios máis comúns.


SOBRE O LIBRO"OLGA E O DINOSAURIO"
Un dinosauro no armario
Unha aposta literaria para quen gosta das lecturas dinosáuricas e divertidas. Un relato áxil, sinxelo e lúdico moi recomendable, ateigado de claves literarias que remiten a outros textos e, sobre todo, que divirte e garante sorrisos e mesmo gargalladas nalgunhas pasaxes, se cadra tamén accesible para lectores e lectoras de menor idade dos que recomenda a editorial.


SOBRE O LIBRO"A ROMANIZACIóN EN GALICIA"
De Correctione Rusticorum
Esta obra sobre a Galicia romana ven engadirse a anteriores obras referenciais sobre o tema, pero desde a visión de Xurxo Ayán a autora segue manexando un enfoque tradicional e falto de crítica. Ayán valora o texto como pouco traballado e alonxado do que debe ser un ensaio divulgativo.


SOBRE O LIBRO"UNHA HISTORIA QUE NON VOU CONTAR"
Radiografía desganada da sociedade e as paixóns
A partir dun suceso real que conmocionou o Vigo dos anos 70 Cid Cabido enfronta ao lector ás miserias e contradicións da sociedade viguesa dos últimos estertores do franquismo e, ao tempo, convídao a repensar a propia construción literaria do que é unha novela. Esta é a historia de cómo se pode chegar a facer unha novela e por qué se acaba por non facela.


SOBRE O LIBRO"A GORIDA DO VERME BRANCO"
Serpes e mangostas
Unha obra cun sabor a clásico que se percibe xa nas primeiras páxinas e cuxa publicación supón intentar disipar a longa sombra que Drácula supuxo para o resto da produción de Bram Stoker. Unha lectura recomendada para os amantes do xénero de terror, pero tamén para aqueles que teñan interese en coñecer qué se agocha detrás dun clásico. A historia sobre un monstro antediluviano que ameaza a tranquila vida dos habitantes das terras do antigo reino de Mercia resulta atractiva e lonxe dun esquema simple e lineal temos a sensación de varios fíos que se cruzan para manter as expectativas da lectora ata o final.


SOBRE O LIBRO"MIL COUSAS PODEN PASAR - LIBRO I"
Contador de fantasías
A obra de Jacobo Fernández Serrano, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2009, vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións imaxinativas e disparatadas na cidade de Nil, onde todo é posible, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese en lóxico. Un novo chanzo na carreira deste contador de fantasías e unha achega máis aos trazos que definen as súas creacións.


SOBRE O LIBRO"O RECENDO DAS MIMOSAS"
A fascinación dos labirintos
Unha ducia de relatos forman este volume de Agustín Agra, gañador no 2006 do premio Merlín. O escritor consegue crear un repertorio narrativo variado pero ao mesmo tempo con algúns trazos comúns conformando un fascinante labirinto do que somos, dos nosos medos máis profundos, da emotividade do cotián, da arte como (auto)coñecemento, da mitoloxía como macrorrelato sobre o ser humano, dos nosos crimes como constatación da non impunidade, da memoria como necesidade.


SOBRE O LIBRO"O NACIONALISMO GALEGO NOS SEUS PROGRAMAS POLíTICOS"
Vivisección dunha construción colectiva
Co obxectivo de contribuir á reflexión sobre a historia de pensamento e acción nacionalistas e de poñer esa reflexión ao dispor un público amplo realizouse esta selección de textos significativos para a comprensión da evolución deste movemento político en Galicia. Créase así un libro que recolle algúns dos documentos máis sobranceiros do nacionalismo galego, aínda que certamente certas sensibilidades do actual panorama nacionalista non se sentirán de todo reflectidas nel.


SOBRE O LIBRO"TEMPO DE CENTEO"
Auria e a derrotada paisaxe humana da posguerra
A última novela deste destacado autor merece un amplo comentario por parte de Anxos García Fonte. Segundo ela trátase dunha novela intensa onde o autor retoma moitos dos seus temas clásicos: as lembranzas da Guerra Civil e as súas dolorosas cicatrices, a decadencia do mundo rural tradicional, dos oficios ancestrais e a cultura material e simbólica, ou a saudade do paraíso perdido da infancia e o brutal contraste entre a aldea a as cidades; unha novela que é a crónica da primeira parte dunha vida calquera da xeración da posguerra.


SOBRE O LIBRO"OS CASTROS DE OLEIROS"
Os castros da Memoria
Só se protexe o que se coñece e se quere. O enfoque asumido neste caderno recolle o mellor da tradición das catalogacións etnoarqueolóxicas desenvoltas polo Seminario de Estudos Galegos na preguerra, adaptándoo aos novos tempos e inferíndolle unha clara vocación de transformación da realidade na liña dunha Arqueoloxía crítica. Este libro engade a descrición exhaustiva dos xacementos unha diagnose orientada cara ao futuro.


SOBRE O LIBRO"DO QUE ESTOU A FALAR CANDO FALO DE CORRER"
A soidade do corredor de fondo
En 1982, tras deixar o local de jazz que rexentaba e decidir dedicarse a escribir, Haruki Murakami tamén comezou a correr. Ao ano seguinte Murakami percorrería en solitario o traxecto que separa Atenas da vila da Maratón. Despois de participar en ducias de carreiras de longa distancia e en triatlóns, o novelista reflexiona neste libro sobre o que significa para el correr e como influíu na súa maneira de escribir. Para el a carreira cotián convértese nunha parte esencial da existencia, na que coexisten o físico co espiritual, sen que de cote sexa fácil trazar unha raia que separe nitidamente un aspecto do outro.


SOBRE O LIBRO"PALABRAS XORDAS PARA OíDOS NECIOS"
Partituras poéticas
Combinación da creación literario-poética coa musical, observando de forma directa a estreita relación que hai entre ambas e o importante que é a «musicalidade» na creación poética. Este é o resultado dunha exploración levada a cabo por un autor que conta cunha brillante formación musical e que se estrea no terreo poético cun discurso arriscado e situado nas marxes do xénero, en territorios fronteirizos e inexplorados.


SOBRE O LIBRO"AS NOVELAS DA MEMORIA"
Cimentos de realidade
Thompson analiza a representación literaria narrativa dos acontecementos relacionados co golpe militar de 1936 e a contribución destes traballos ás teorías literarias que, en Europa e América, analizan as novelas que teñen na “memoria” o eixe central das súas historias. Memoria e trauma emerxen na narrativa xunto á problemática verbo da representación e a transmisión da Historia e o imaxinario da nación galega ou a presenza das mulleres no relato novelesco.


SOBRE O LIBRO"LúA DO SENEGAL"
“Deixo a aldea que coñezo por un mundo que non vin”
Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa no sur do Senegal, para instalarse en Vigo, onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva a desta rapazar que ten a lúa como confidente.


SOBRE O LIBRO"A CONSTRUCIóN ARQUEOLóXICA DA ETNICIDADE"
Galego coma ti
Esta obra contempla unha revisión en profundidade das complexas e de cotío problemáticas relacións entre Arqueoloxía e Etnicidade. Fornece respostas dende a Arqueoloxía, amosando que o noso interese pola etnicidade no pasado constitúe unha característica que nos define máis a nós que ás sociedades que tratamos de comprender, constituíndo un excelente manual non só para universitarios senón tamén para aquelas persoas que queiran comprender como se foi artellando, por exemplo, o concepto mesmo de cultura castrexa


SOBRE O LIBRO"RíOFERO"
Unha selva de novelas
As personaxes de Riofero, a última novela de Xelís de Toro, suben río arriba: fuxidas e búsquedas. Vidas fracasadas ou aventureiras, todo serve de alimento ao espírito voraz do río. Para Xavier Queipo trátase dunha "novela de selva" das que, segundo el "paga a pena ler neste verán á sombra dunha palmeira ou dun piñeiro manso".


SOBRE O LIBRO"O MUSEO DA INOCENCIA"
A faciana maniática do amor
A nova novela de Orhan Pamuk, Premio Nobel de Literatura, é o retrato fascinante dun mundo complexo entre Oriente e Occidente no que o escritor explora os incertos límites entre o sentimento amoroso apaixonado e a loucura e reflexiona ao mesmo tempo sobre os acontecementos da historia do seu país a carón da realidade cotiá dos distintos barrios da cidade e do seu tecido social, desde a alta burguesía de Nisantasi á bohemia artística e as clases populares de Çurcurcuma


SOBRE O LIBRO"ONDE O AIRE NON ERA BRISA"
As fotografías da caixa de madeira
Escrita en 1969, é a primeira novela de María Victoria Moreno, a única obra en castelán dunha escritora que logo había publicar en galego preto de corenta títulos. Malia ser unha literatura escrita en outros tempos a sensibilidade e a prosa da autora manteñen a vixencia das historias ben contadas. Neste caso o protagonismo cae nun abafante ambiente e nun lugar, unha paisaxe que non é marco de nada, senón corpo latexante como o das persoas ou o do tempo no que se moven.


SOBRE O LIBRO"MONBARS O EXTERMINADOR"
Singradura aventureira
Hixinio Puentes revélase como un narrador moi ben documentado sobre o tema da piratería que trata e os espazos xeográficos e históricos escollidos para a acción narrativa nesta obra que non decepcionará aos afeccionados á narrativa de aventuras. Intriga, evolución psicolóxica dos personaxes, audacias narrativas, documentación exhaustiva e ambientación impecábel.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal