Co obxectivo de contribuir á reflexión sobre a historia de pensamento e acción nacionalistas e de poñer esa reflexión ao dispor un público amplo realizouse esta selección de textos significativos para a comprensión da evolución deste movemento político en Galicia. Créase así un libro que recolle algúns dos documentos máis sobranceiros do nacionalismo galego, aínda que certamente certas sensibilidades do actual panorama nacionalista non se sentirán de todo reflectidas nel.
30 / 11 / 2009
Gustavo Hervella García. Santiago
A Fundación Galiza Sempre vén de publicar unha recompilación de textos políticos referentes para o nacionalismo galego acompañados de breves reflexións por parte de especialistas na materia. Na introdución, a coordinadora do traballo xa nos explica que se trata dunha “selección dos textos máis significativos para a comprensión da evolución do nacionalismo como movemento político en Galiza” (p. 11); polo tanto trátase daqueles que, a xuízo dos editores, constitúen os máis destacados á hora de coñecer a evolución ideolóxica do nacionalismo galego.
Os primeiros textos seleccionados son o manifesto na Asemblea de Lugo de 1918 e a declaración de principios do Partido Galeguista –P.G.- de 1931. O profesor Beramendi realiza unha descrición cronolóxica de como o movemento provincialista e rexionalista se converte en nacionalista, e con este, tras as escisións e abandonos por parte de agrupacións locais, se vai erixindo durante a II República como unha opción real entre o electorado galego: “O P.G., malia as tensións internas que non desapareceron, demostrou nos seus catro anos e medio de existencia, non só unha notable capacidade integradora, senón tamén unha extraordinaria aptitude para o crecemento” (p. 40). Noa Ríos reflexiona sobre a presenza da muller en ambos escritos, chegando á conclusión que “...constataçon clara e rotunda do nulo interesse que o tema despertava nos dirigentes nacionalistas” (p. 49).
Os seguintes escritos teñen como elemento vertebrador común á U.P.G. No primeiro, de 1964 reprodúcense os dez puntos fundacionais da organización comunista, no segundo a declaración de principios do PSG en 1974 e no terceiro o texto conxunto de ambas organizacións de 1973. Prudencio Viveiro é o encargado de analizar esta etapa. Comeza coa figura de Ramón Piñeiro e a pegada que deixou nunha xeración de galeguistas: “o obxectivo fundamental [de Piñeiro] era acadar a galeguización xeral da sociedade” (p. 105). Non só fai referencia a PSG e UPG senón que tamén se refire ao Consello de Galiza, ERGA ou ao Sindicato Obreiro Galego –SOG-.
A transición política está reflectida nas Bases Constitucionais e a creación do Consello de Forzas Políticas Galegas –CFPG- ambos en 1976. A UPG segue a ser o “epicentro da loita pola reconstrución nacional e da política galega contestataria ao denominado ‘Estado Imperialista Español’” (p. 148-49), segundo a reflexión de Uxío Breogán Diéguez. Con isto, chegamos aos anos oitenta e noventa. A fundación do BNG e as alianzas establecidas polos seus dirixentes, ben en Galicia –cos colectivos saídos de C.G e da extrema esquerda estatal como o MCG-INZAR-, ben no estado –declaración de Barcelona xunto a CIU e PNV-. Os textos de Quintana Garrido e Fernández Baz son clarificadores neste aspecto, coa análise das políticas “posibilistas” que algúns reclamaran a principio dos oitenta e que en 1995 son aceptadas polo conxunto da organización frontista, recoñecendo a virtualidade política e lexislativa das institucións autonómicas como medio de profundar no autogoberno ou a incorporación da bandeira galega oficial nas eleccións de 2001 (p. 181-82).
Despois desta descrición, quédanos analizar como está reflectido o nacionalismo galego nestes textos. Todos eles son, certamente, referentes para entender o devir histórico deste movemento político. Sen embargo, e ao noso xuízo, habería outros que, sobre todo para o final do franquismo, poderían amosar outros camiños aos marcados pola UPG: O texto fundacional do Consello de Galiza, o da fundación do POG de fins de outubro de 1977 tralo congreso de Marín, o de Unidade Galega e o de Esquerda Galega e a súa posterior coalición co PSG desde 1984 ou a esquerda independentista radical que, aínda que minoritaria, estaba presente no nacionalismo galego do momento –o PGP, o PCLN e sobre todo a FPG fundada en 1987 tras confluír diversas sensibilidades independentistas expulsadas do BNG-, poderían ser algúns deles. Así mesmo, a análise histórica que se fai de determinados momentos peca, ás veces, de excesiva implicación nos feitos narrados: “Fronte ao ‘autonomismo’, que se albiscaba como clara aposta das
forzas españolistas e seudogaleguistas, o documento do CFPG aposta pola construción do poder popular como resultado do exercicio da soberanía nacional” (p. 153).
Trátase, en definitiva, dun libro que recolle algúns dos documentos máis sobranceiros do nacionalismo galego, aínda que certamente certas sensibilidades do actual panorama nacionalista non se sintan de todo reflectidas nel.