O terreo da divulgación e o da pesquisa conflúen ás veces de xeito persistente, e todo esforzo por segregalos resulta baldío. Máis aínda, cando a realidade pesquisada e que se pretende divulgar é resultado dun proceso de construción colectiva aínda aberto. No caso da presente publicación, perseguíanse senllos obxectivos: contribuir á reflexión sobre a historia de pensamento e acción nacionalistas, e colocar ao mesmo tempo esa reflexión á disposición dun público lector o máis amplo e diverso posíbel.
Ambos os obxectivos determinaron a estrutura da publicación. A propia necesidade de elaborar unha selección dos textos máis significativos para a comprensión da evolución do nacionalismo como movemento político en Galiza, obrigounos a un labor de lectura, descartes, discusións e novas achegas que concluiu coa escolma que finalmente compón este volume. [Fragmento do prólogo de Comba Campoy]