CRÍTICAS / 346
SOBRE O LIBRO"O IMPOSIBLE DE DESATAR"
Imposible de desatar, seis letras
Esta desafiante novela que obtivo o XXVIII premio de novela Blanco Amor ten moito que ver cun encrucillado, moito que ver tamén cun espello partido en mil anacos. Con mestría Iván García Campos regálanos un espello escachado para mirármonos nel e obrigarnos a aceptar que a imaxe que nos devolva nunca será a imaxe completa desta historia, porque esa imaxe redonda e perfecta non existe, igual que non existe na vida.
SOBRE O LIBRO"A FILLA DO LADRóN DE BICICLETAS"
Pouso teatral
Obra gañadora do XXV Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 2010 coa que a autora debuta como narradora. Por dura que poida parecer a trama, o relato desdramatiza todos os elementos negativos utilizando o humor nos contrastes continuos e, sobre todo, nas escenas que poñen en práctica gran cantidade de técnicas de filiación teatral. O humor situacional artella moitos dos momentos máis gratificantes desta historia.
SOBRE O LIBRO"ALGO MáIS QUE UN CAFé"
A historia está servida
A historia do Café Bar Derby de Vigo é a dos milleiros de persoas que pasaron por ese local durante os case cincuenta anos en que permaneceu aberto. Unha fonte histórica á hora de realizar investigacións sobre o Vigo de 1921 a 1968 e, por extensión, tamén de Galicia. Como sucede tantas veces, as grandes decisións e os acontecementos que en realidade influíron no devir dunha sociedade acontecen en lugares aparentemente normais.
SOBRE O LIBRO"PRISCILIANO NA CULTURA GALEGA"
O Noso Cebreiro da Galeguidade
Achegamento á figura de Prisciliano, este libro aborda a súa relevancia para a cultura galega, sobre todo desde o século XIX ata os nosos días. O mártir de Tréveris foi e segue sendo un símbolo e obxecto de estudo para unha elite intelectual pero pouco ou nada lle di á sociedade galega, que non elaborou discurso algún sobre Prisciliano.
SOBRE O LIBRO"UNHA LECTORA FóRA DO COMúN"
Os cans e os libros
A raíña de Inglaterra nunca mostrara moito interese pola lectura, pero tomou en préstamo un libro, e a este seguíronlle moitos outros, tantos que pouco a pouco a afección se converteu en devoción, perturbando as relacións coa súa familia, os ministros, a servidume e os amigos.
En moi poucas páxinas e cunha ironía da mellor escola inglesa, Alan Bennett amósano-lo poder que posúe a literatura para cambia-la vida das persoas, mesmo a vida dunha Isabel II educada para o deber.
SOBRE O LIBRO"CAMIñO ANDADO"
O gardián da chama
Autobiografía ao tempo que crónica persoal da historia galega desde o espertar da República até o labor cultural para reconstruír durante o franquismo o movemento galeguista, Francisco Fernández del Riego recreou neste libro toda unha traxectoria, unha época e un xeito de concibir Galicia que resulta fundamental para entendermos o presente do noso país.
SOBRE O LIBRO"A FAMILIA C"
“C” de complicidade
A familia C (C de circo?) é unha familia que adora o ambiente circense e ese amor pola fantasía, o xogo de irreal-realidade, é o que permite que a rutina dos seus días se impregne de ilusión. Unha proposta refrescante para se enfrontar ao día a día con outros ollos nestes tempos grises, que invita á descuberta dos múltiples segredos que agocha a rutina.
SOBRE O LIBRO"RANDEA DO ALENTO"
Furgar na memoria cura as feridas
Herta Müller, coas fermosas palabras do poeta Oskar Pastior, cos seus recordos e cos doutras testemuñas devólvenos unha parte da historia de Europa, da ferocidade do século XX, no que a inocente palabra Campo, se converte en símbolo do horror. Primeira tradución nas linguas do Estado da última obra da Premio Nobel de Literatura, Herta Müller é o resultado dunha dolorosa travesía polas lembranzas da minoría alemá instalada en Romanía en tempos do Imperio Austríaco, obxecto de represalias polas súas simpatías co derrotado réxime nazi.
SOBRE O LIBRO"O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS"
Lenzo de palabras
A novela é un lenzo, un cadro en que os acontecementos suceden paseniño, mais que cando o fan, deixan marcas ben profundas. O texto amósanos a vida de Vincent Van Gogh en Auvers-sur-Oise, relatada a través do ollar dun mozo parisino que chega á pequena vila para reconducir o seu camiño. Quen se achegue a estas páxinas, mozo ou non, deberá deterse a observar unha lectura que nos pinta os ollos de emocións e que nos lembra, maxistralmente, os últimos dous meses de vida do pintor holandés.
SOBRE O LIBRO"A LEI DAS áNIMAS"
O único certo é a incerteza, amigo
Carlos G. Reigosa marca outro fito nas letras galegas: facer que a Santa Compaña fale en primeira persoa, que sinta e que padeza. O detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde son testemuñas abraiadas dunha pescuda apaixonante e misteriosa. A lenda comeza onde as pegadas rematan, ou incluso antes.
SOBRE O LIBRO"DIóXENES"
Excesos: Dióxenes
Esta obra gañadora do Premio Lazarillo 2008 é unha micronovela exenta de pedagoxía e boas intencións, feita de anaquiños que se entrelazan e se mesturan entre humor absurdo e afecto. Un libro especial, deses que conmoven e sorprenden e axiña entran no círculo das recomendacións.
SOBRE O LIBRO"INMUNDA ESCORIA"
A USC antes de maio do 68
Ricardo Gurriarán, que xa é por dereito o cronista oficial da USC para o século XX, saca á luz a intrahistoria político-cultural da universidade compostelá do ano 1936 ata as datas previas ao maio do 68. A través de entrevistas aos protagonistas, consulta de arquivos públicos e privados e unha axeitada interpretación das fontes, vai desentrañando a cuestión universitaria achegándonos a través desta a toda a sociedade que loitaba por saír adiante nun ambiente escuro.
SOBRE O LIBRO"GUíA DO AUTOSTOPISTA GALáCTICO"
Facer dedo nos confíns do universo
A Guía do autostopista galáctico e un sorprendente libro, protagonista á súa vez deste, que recolle o saber intergaláctico e que advirte na súa cuberta QUE NON CUNDA O PÁNICO. Seguindo a Arthur Dent, un dos dous únicos seres humanos superviventes á demolición do planeta para a construción dunha vía rápida hiperespacial, descubrimos que a galaxia pode ser un sitio moi, moi divertido.
SOBRE O LIBRO"A ROSA DO VIñO"
Reflexos nun espello de viño
Xavier Castro invítanos a facer un paseo a través da historia do viño en Galicia descríbíndonos a realidade do país e os cambios aos que se viu sometido a medida que as xentes foron mellorando as súas condicións de vida. O viño tiña e segue a ter unha clara función social e este relato presenta con rigor unha faceta relevante da experiencia colectiva dos galegos.
SOBRE O LIBRO"PODEROSA 2"
Escribir para transformar, escribir para atoparse
Neste segundo título da serie, Sérgio Klein adéntrase no complexo mundo da adolescencia e nos embarca na aventura de descubrilo. Un diario protagonizado por unha rapaza que tiña o mundo na man. Unha novela para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras e que consegue sorprendelos a cada paso explicando así o éxito acadado xa en Brasil, Arxentina e México.
SOBRE O LIBRO"OS VIQUINGOS EN GALICIA"
Rumbo a Jakobsland
Nestas páxinas o autor acada amosar o tremendo e descoñecido (para moitos) impacto viquingo na configuración da Galicia altomedieval dá a coñecer ao público xeral un estado da cuestión actualizado e moi necesario nuns tempos nos que se dá un totum revolutume senta os alicerces para unha correctísima actualización da temática abordada. O autor manexa de primeira man as fontes documentais así como bibliografía especializada escrita nos idiomas escandinavos.
SOBRE O LIBRO"O DARWINISMO E GALICIA"
Historia dunha evolución controvertida
Esta obra, editada en conmemoración ao Ano Darwin, contribúe decisivamente a profundar no impacto que a obra de Darwin tivo na historia do pensamento galego. As universidades españolas, e a de Compostela non foi unha excepción, fixéronse eco das teorías do científico inglés con consecuencias que van máis alá da propia bioloxía.
SOBRE O LIBRO"A DO VINTE E UN"
Moito máis ca unha batalla
Esta obra sitúanos nos primeiros anos do século XIX, cando a ambición do Gran Corso, o emperador Bonaparte, é unha ameaza para todas as nacións europeas. O protagonista, un rapaz da Costa da Morte, enrólase na Armada onde participa na defensa da cidade de Ferrol e en Cádiz é testemuña do maior combate naval que viron os séculos nas augas do Estreito de Xibraltar, acontecido fronte ao cabo de Trafalgar o 21 de outubro de 1805. A gran batalla e as súas consecuencias serán o tema desta narración de aventuras que mereceu o Premio Risco de Creación Literaria 2009.
SOBRE O LIBRO"UN TIPO LISTO"
Coñecer o pai
A novela de Xosé Monteagudo premiada co García Barros 2009 ten trazas de crónica familiar e social, ao tempo que propón unha reflexión sobre a relación pais-fillos, a herdanza como carga e como débeda que cómpre asumir para integrarse na sociedade ou a ruptura dos vencellos entre irmáns. As lectoras e lectores quedan prendados, máis alá da intriga de desfalcos, polo proceso de indagación na que o fillo chega a coñecer ao pai despois da súa morte.
SOBRE O LIBRO"XENTE DE ORDE. O CONSENTIMENTO CARA AO FRANQUISMO EN GALICIA"
Aceptación, consentimento e colaboración
Unha ditadura non se sostén coa simple coerción, senón encontrando unha base e tecendo unhas redes de captación que permitan a súa supervivencia. Este volume analiza, estuda e explica como o franquismo concretou unha serie de instrumentos de socialización que lles transmitise ós cidadáns a crenza na lexitimidade do sistema político e na súa acción positiva con eles.