Autobiografía ao tempo que crónica persoal da historia galega desde o espertar da República até o labor cultural para reconstruír durante o franquismo o movemento galeguista, Francisco Fernández del Riego recreou neste libro toda unha traxectoria, unha época e un xeito de concibir Galicia que resulta fundamental para entendermos o presente do noso país.
29 / 11 / 2010
Gustavo Hervella García . SantiagoFrancisco Fernández del Riego fai parte inseparábel da recente historia de Galicia, sendo protagonista activo de moitos dos acontecementos políticos, sociais e económicos acaecidos na terra nos últimos sesenta anos.
Desde moi novo a lectura foi unha das súas paixóns: “Durante a noite, afastado dos outros dormitorios por tabique livián, dedicaba á lectura un tempo que lle roubaba ao sono”.
Xa adolescente, foi testemuña privilexiada do derrocamento da monarquía e o estabelecemento do réxime republicano, algo que o encheu de satisfacción, xa que deste modo os galegos estarían considerados como merecen segundo a historia. A través das súas memorias, reflexionou continuamente sobre a democracia, a nacionalidade galega e a política ideal coa que Galicia se sentiría máis realizada. En 1931 a súa familia trasládase de Lourenzá a Santiago, e el fai o propio desde Madrid. Son interesantes as sensacións que a cidade do Apóstolo lle producen: “Dentro do escenario urbano a fachada do Obradoiro amosábase, cun xeito de paisaxe acesa, a donda e dourada arquitectura chea de meiguia”. Vai participando nos movementos sociais que ían agromando en Compostela; e das persoas coas que se relacionaba, serán dúas as que lle sinalarán o camiño: Castelao e Otero Pedrayo, e aínda que tivo máis relación co segundo que co primeiro a súa posta de largo política foi cun mitin no Pino, onde participaba amais del e do rianxeiro, Ánxel Casal: “Incorporeime moi axiña ás actividades do partido. Nunca esquecerei a miña primeira intervención oratoria na nova andaina. A secretaria do Partido encomendárame que fose discursar, xunto con Castelao e Ánxel Casal, nun mitin a celebrar no Pino”. Fernández del Riego sentiu unha especial predilección pola política, e son moitas as lembranzas que tiña das diferentes convocatorias electorais nas que tivo oportunidade de participar, destacando delas as de 1933 e o plebiscito do Estatuto de Autonomía tres anos despois.
Na configuración do movemento nacional galego, o de Lourenzá foi unha das pezas destacadas, participando na fundación das Mocidades Galeguistas, cunha pretendida actuación que ía máis alá das fronteiras galegas: “Xurdiu, inicialmente, como movemento de vangarda do Partido con plena autonomía. O seu acento era universalista”.
Rematada a guerra civil e xa en Vigo, Fernández del Riego sofre as mesmas penurias que o resto dos galegos: “Xa dispuña así dun verdadeiro amigo co que falar e ruar [Maside]. Contabamos un e o outro con escasísimos medios pecuniarios. Conformabámonos cunha soa comida ao día”. Na década dos corenta tivo lugar un dos episodios máis duros da súa vida, cando foi detido, encarcerado e sometido a un consello de guerra por parte das autoridades franquistas. No entanto, el relatou este feito sen acritude, máis ao contrario enorgulleceuse de que fose por tentar recuperar o ideario galeguista xunto a persoeiros como Gómez Román ou Ramón Piñeiro. No entanto algo que o molestou moito foron as vexacións ás que foi sometido Antón Fraguas por parte duns falanxistas nos primeiros momentos do golpe de estado franquista.
Un acontecemento destacado para a cultura galega foi a creación de Galaxia en 1950, do que Fernández del Riego foi un dos principais impulsores. Nas súas memorias dedicoulle parte do capítulo oito e o vinte. Dos persoeiros cos que colaborou, destaca a figura de Xaime Illa Couto pola súa entrega e disposición a traballar en calquera das tarefas que se lle encomendaba. Xunto a el o omnipresente Ramón Piñeiro, figura criticada por algúns ensalzada por outros, mais da que Fernández del Riego logra amosar unha cara nova, a do intelectual comprometido e con vitola de líder indiscutíbel.
Fernández del Riego viaxa a América en 1954 concretamente a Bos Aires. Alí estabeleceu contacto coa intelectualidade emigrada e exiliada, e deste xeito puido comprobar como era a Galicia de alén mar, á que tantas veces idealizaran polo moito que contribuíra ao rexurdimento político e cultural galego. Tras esta andaina viñeron outras e delas destacamos a que realizou a Venezuela, onde tivo contacto con Celso Emilio Ferreiro e grazas á vontade do de Lourenzá, viu a luz un dos poemarios máis significativos das letras galegas: “Durante varias xeiras de escolla rematamos artellando o libro. Presentouse despois o problema do título que se lle debía por. Alternamos as opinións ambos os dous sobre o particular. Ao cabo, ocorréuseme suxerirlle o dun dos poemas escolmados,
Longa noite de pedra”.
Xunto á editorial viguesa, outra das institucións culturais polas que Fernández del Riego amosou especial predilección foi a Fundación Penzol. Para el, un dos persoeiros máis importantes da recente historia de Galicia foi Fermín Penzol. Del destaca, como doutros intelectuais, a vontade de perpetuar a cultura galega, realizando traballos de campo, publicándoos e burlando á censura arriscando tanto a súa carreira profesional como a súa liberdade. Tiveron sempre consciencia de que eles, os intelectuais galeguistas, foran os depositarios das raíces da nacionalidade galega, e por tanto os responsábeis para que chegase ás novas xeracións. De aí o afán de legar as súas pertenzas a bibliotecas, fundacións ou museos, creando boa parte da infraestrutura cultural da que careciamos. Fernández del Riego, seguindo esta liña, creou unha fundación que leva o seu nome nos anos noventa en Vigo, baixo a mesma perspectiva coa que naceron outras cincuenta anos atrás: “Doei en vida e non leguei para despois de finado, libros e cadros para que non se crebase unha traxectoria longa de servizo a Galicia. Quixen así chegar ao final sendo fiel aos principios que inspiraron o decorrer da miña existencia”.
Fernández del Riego foi un persoeiro que deixou unha profunda pegada na cultura galega, sendo dos que, tras a guerra, pretendeu manter acesa a chama do galeguismo, participando en todas as institucións que pouco a pouco ían agromando no país, así como tentando que as xa existentes mudaran de rumbo. Unha delas foi a R.A.G. Da súa elección como membro, afirma: “foi un xeito de galeguizar a institución”. A conmemoración das letras galegas partiu do seu enxeño: “Ano tras ano víñase conmemorando en todo o territorio do Estado, cada 23 de abril, a data do pasamento de Cervantes [...]. Parecíame que tendo Galicia unha literatura e unha lingua de seu sería conveniente que contase cunha festa simbólica semellante”.
Unha das persoas coas que tivo oportunidade de traballar e que espertaron nel admiración foi Ramón Otero Pedrayo: “A figura máis querida e admirada por min [....] sorprendeume a súa prestancia física. Moito máis aínda, pola locuacidade”. Coñecelo xunto a outros intelectuais foron amoldando o seu carácter e as súas inquedanzas sociais e políticas. Fernández del Riego realizou ao longo da súa vida reflexións sobre o momento que lle tocaba vivir, deixando para a posteridade uns recordos claros e achegados á realidade.
O de Lourenzá foi unha das figuras referentes de Galicia, non só por ter sido protagonista en moitos dos acontecementos culturais que aconteceron ao longo do século XX, senón porque influíu decisivamente no despegue intelectual galaico apoiando a persoas e feitos que á larga foron decisivos. Fernández del Riego estivo presente en Galaxia, na Fundación Penzol, na R.A.G., ao tempo que axudaba a Celso Emilio Ferreiro ou secundaba as propostas de Ramón Piñeiro ou do seu admirado Otero Pedrayo.
Nos últimos anos Fernández del Riego non abandonara a defensa de Galicia: “Arestora, o destino que acolle case de xeito exclusivo a miña laboria, está na Biblioteca Penzol. Nela permanecerei mentres dispoña de folgos”.