Puntuación: 2.3/5 (100 votos)
Autobiografía ao tempo que crónica persoal da historia galega desde o espertar da República até o labor cultural para reconstruír durante o franquismo o mevemento galeguista, Francisco Fernández del Riego recrea toda unha traxectoria, unha época e un xeito de concibir Galicia que resulta fundamental para entendermos o presente do noso país. Partindo das súas propias vivencias dos feitos históricos, da súa relación con moitos dos protagonistas e da súa posición privilexiada na cultura galega do século XX, "Camiño andando" é, amais dun importante testemuño, un texto literario no que a mestría á hora de contar e a capacidade de recrear ambientes e caracteres o converte nun extraordinario expoñente do xénero das memorias.
Ao debullar os fitos, as revoltas, os claros e as sombras da súa biografía, Francisco Fernández del Riego afronta con valentía o balance dunha vida desde o miradoiro dos seus noventa anos. Seguindo o carreiro cronolóxico, estas súas memorias inclúen capítulos tan significativos coma "Castelao no meu espello" ou "Rexedores do labor cultural" e ecoan até desembocaren na dignidade dunha vida que non remata aquí, con este "Camiño andado", senón que continúa co pulo da intelixencia viva, coa vizosa actividade do escritor, coa paixón por Galicia viva na súa andaina cotiá.
[presentación editorial]