A historia do Café Bar Derby de Vigo é a dos milleiros de persoas que pasaron por ese local durante os case cincuenta anos en que permaneceu aberto. Unha fonte histórica á hora de realizar investigacións sobre o Vigo de 1921 a 1968 e, por extensión, tamén de Galicia. Como sucede tantas veces, as grandes decisións e os acontecementos que en realidade influíron no devir dunha sociedade acontecen en lugares aparentemente normais.
17 / 1 / 2011
Gustavo hervella. SantiagoA historia dunha cidade non está reflectida unicamente nos papeis oficiais, nos regulamentos lexislativos que indican o número de persoas que viviron nela, nin sequera a relación de industrias que a enriqueceron. Importantes tamén son aquelas facetas que pasaron inadvertidas para os coetáneos ao seren acontecementos típicos dunha capital que, pouco a pouco, se fixo un lugar no territorio. A este respecto, o estudo dos denominados lugares de socialización adquire unha destacada presenza nos ensaios históricos dos últimos anos. Así, pescudar o desenvolvemento dos mercados de abastos, das rúas e prazas non só como contedores de cidadáns senón tamén como protagonistas de primeiro orde dos acontecementos, ou dos bares/tabernas/cafeterías/ultramarinos, é un traballo de investigación que nos ofrece resultados moito máis achegados á realidade social do lugar que os censos industriais, padróns ou documentos legais dos concellos. A memoria que Albino Mallo nos presenta do bar Derby de Vigo é un bo exemplo desta realidade. Certamente, como moi indica o título do traballo: foi algo máis que un café.
O texto, escrito nunha linguaxe xornalística que o fai accesible aos lectores, amósanos en cada capítulo un anaco da memoria dunha cidade como Vigo, capital industrial de Galicia e icona do desenvolvemento modernizador do territorio galego desde o último tercio do século XIX. O protagonista é Albino Mallo, pai do autor do libro, un berciano de Villafranca que, buscando fortuna en Arxentina, queda namorado da cidade olívica. Marchará ao Prata e a comezos dos anos vinte, cando regresa, montará un bar-lunch –terminoloxía porteña– no Vigo dos que traballaban con alegría, como sinalara a viaxeira inglesa C. Gasquoine Hartley en 1911. Non deixa de ser esta a historia de moitos “emigrantes andoriña”, que se establecían uns anos en América, facían cartos e regresaban á terra para investilos. E que mellor lugar que a populosa Vigo, a cidade máis emprendedora de Galicia, escaparate de emigrantes retornados sobre todo ourensáns que invisten os seus aforros na cidade que os vira saír anos atrás. Este é o caso de Albino Mallo, non ourensán pero si berciano, o que naqueles tempos era practicamente sinónimo.
Inaugura un bar de nome Derby, que delata profundas reminiscencias inglesas, pero tamén de lembranzas sudamericanas evidentes; practicamente todo o inglés e francés que naqueles anos estaba en Galicia proviña non de Londres nin de París senón de Bos Aires. En 1918 o intelectual e logo gran político español Manuel Azaña definira a Vigo con estas palabras: “Vigo, novísimo, rico, anglófilo, estase a construír a todo luxo sobre o trazado roto da cidade vella”. Esta é a vila na que nace o Derby, cunha estrutura social claramente industrial e con tendencia á terciarización —en 1930 o 45% da poboación adscribíase ao sector terciario—, sen universidade pero con moitas inquedanzas culturais e onde se editaban dous dos xornais máis importantes da Galicia anterior á guerra civil,
Galicia e
El Pueblo Gallego.
O Derby non era un bar ou taberna ao uso, tampouco era un ultramarinos ao estilo dos boliches porteños; era unha cafetería, con camareiros que servían en mesa vestidos de smóking café, gasosas ou cócteles, non viño do Ribeiro. Era un lugar para familias e para parladoiros, onde tiña cabida a música en directo e onde non só se ía a consumir, senón que tamén era un espazo de relacións sociais. Isto indícanos por unha banda a visión do seu propietario para crear un lugar de esparexemento cun concepto moderno, unha especie de casino ou ateneo pero aberto a todos e, por outra parte, tamén indica como era a cidade viguesa no momento, onde un negocio destas características non só tiña éxito senón que se acabou convertendo nun lugar referente para os vigueses.
A historia de Vigo e de Galicia pódese seguir a través do relato do Derby. Fundouse en 1921 na rúa de Urzáiz, político do reinado de Alfonso XIII. Este mesmo lugar, centro do Vigo do primeiro terzo do século XX pasou a denominarse da República entre 1931 e 1936 e logo, na ditadura franquista, de José Antonio. Tamén muda o nome do bar. Se comezou sendo unha cafetería con nome inglés —o moderno da época sempre viña da Inglaterra, incluso o fútbol do Celta, equipo do que Albino Mallo era socio— tivo que cambialo nos anos corenta por Imperial, máis acorde cos postulados falanxistas, e no menú, a ensalada rusa cambiou pola española e os bistés rusos foron bistés imperiais (p. 53). Un dos camareiros, Pastor Rodríguez, militante do PSOE, foi detido, xulgado e sentenciado a morte –logo conmutada- en 1936. Cando volveu a Vigo non falaba de política, pero seguía sendo antifranquista e cliente do Derby, que se converteu a comezos dos corenta nunha especie de
Rick’s Bar e Vigo na Casablanca de Galicia, “...os consulados de Alemaña e Estados Unidos tiñan presenza no ‘neutral’ Vigo” (p. 32) e moitos dos partidarios duns e doutros se xuntaban no Derby. Aquí estivera o falanxista Hedilla, o nacionalista Castelao e o republicano Federico García Lorca, a intelectualidade galega anterior e posterior a 1936; os persoeiros máis importantes da economía e da industria e, como sinala Albino Mallo, os anónimos clientes que de seguro teñen as súas historias e “ben porque non fosen habituais ou porque non pertencían ao mundo da cultura ou porque foron tantos que é practicamente imposible lembrar sequera moitos dos máis significativos” (p. 139).
O final do Derby vén acompañado cunha das imaxes da Galicia dos anos sesenta, a da especulación inmobiliaria e a do “desarrollismo” franquista, “todo o bloque desapareceu pola especulación dun solo moi aproveitable no mesmo corazón de Vigo” (p. 153). Isto tamén forma parte da nosa historia. Vigo convertérase, xa desde comezos de século na cidade moderna de Galicia, tentou ser a Barcelona do Atlántico e o Derby foi un chanzo máis.
Estamos ante un traballo que reproduce as memorias dun neno, adolescente e adulto coa importancia que isto ten polo que aporta como visión particular dunha realidade. Pero tamén estamos ante unha fonte histórica á hora de realizar investigacións sobre o Vigo de 1921 a 1968 e, por extensión, tamén de Galicia. Como sucede tantas veces, as grandes decisións e os acontecementos que en realidade influíron no devir dunha sociedade acontecen en lugares aparentemente normais; o Derby foi un deses espazos.