Esta obra, editada en conmemoración ao Ano Darwin, contribúe decisivamente a profundar no impacto que a obra de Darwin tivo na historia do pensamento galego. As universidades españolas, e a de Compostela non foi unha excepción, fixéronse eco das teorías do científico inglés con consecuencias que van máis alá da propia bioloxía.
12 / 4 / 2010
Gustavo Hervella García. Santiago
A universidade de Santiago de Compostela preséntanos unha recompilación de estudos sobre a presenza e influenza das teorías darwinistas en Galicia baixo o título
O darwinismo e Galicia. Analízase a pegada dos traballos de Charles Darwin desde 1859 que ve a luz
A orixe das especies até a actualidade, cando as disputas entre creacionistas e evolucionistas están a coller un novo pulo. Díaz-Fierros coordina a publicación na que tamén aportan traballos Xosé Antón Fraga, Alfredo Iglesias, Xosé Luis Barreiro, Xosé Ramón Barreiro, Antón Costa, Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, Carlos Paris, Marilar Jiménez e Blanca Puig, Thomas Glick. Todos eles, desde os seus ámbitos de coñecemento analizan a pegada do científico inglés tanto na Galicia da época como na actual e, ao tempo, tamén desde diferentes espazos disciplinares: universidade, literatura, filosofía, movementos políticos ou educación.
É evidente que o darwinismo, tras a lectura destes artigos, é un dos “ismos” esenciais da modernidade e, como non, incluso da postmodernidade. Certamente, como expón Barreiro Fernández no seu traballo: “A revolución conceptual provocada por Darwin significou un cambio de paradigma, porque a unha visión do mundo, antes de Darwin os naturalistas vían só a man dun creador, e dende Darwin só vemos a eficacia da selección natural” (p. 144).
Á sombra do darwinismo vai crecendo a idea do “progreso indefinido”, a “diferencia das razas” ou o “darwinismo social”..., entre outros termos filosófico-sociais, acompañando cada un deles a correntes ideolóxicas opostas e tendo como efecto inmediato realidades diferentes para a humanidade, unhas positivas e outras perigosamente negativas.
A reacción á evolución non só tivo espazo entre os pensadores do século XIX, aínda hoxe son moitos os poderes que lle opoñen as teorías creacionistas: Bush en USA, Berlusconi en Italia ou Aznar en España; son os ultraliberais que, como no intre da publicación dos traballos de Darwin fan coincidir o seu concepto de sociedade coas ideas reaccionarias auspiciadas pola igrexa. Como nos indican Marilar Jiménez e Blanca Puig, son moitos os gobernos da Europa actual os que perseguen que nas escolas as teorías da evolución sexan de novo substituídas polas ultramontanas católicas. A utilización das teorías de Darwin para intereses políticos xa era un feito en vida do propio Darwin; como sinala X.A. Fraga: “O darwinismo foi utilizado por todas as opcións ideolóxicas, xeralmente de forma esquemática; como unha arma ideolóxica” (p. 16) .
As universidades españolas, e a de Compostela non foi unha excepción, tamén se fixeron eco das teorías do científico inglés e con consecuencias que van máis alá da propia bioloxía, “...o darwinismo foise espallando dun xeito imparable polo mundo civilizado” (p. 10). E ante o progreso, como non, a igrexa católica. A aproximación entre igrexa e evolucionismo é a raíz da chegada á cadeira papal de León XIII, que aínda que segue a rexeitar o liberalismo e calquera ideoloxía democrática, tolerarao en “beneficio dos cidadáns”. A igrexa, baseada a súa existencia moral no pecado orixinal, “non pode admitir as teorías evolucionistas porque estas apelan á necesidade da redención de Cristo” (p. 123), como tamén afirma Costa Rico no seu estudo: “Para todos os tradicionalistas e conservadores o darwinismo significa un atentado contra a debida formación moral dos escolares” (p. 188). Ao principio, as teorías de Darwin foron rexeitadas porque non eran compatibles coa Biblia, logo xurdiron pensadores que tentaron conciliar ambas visións: Romero Blanco, Vilá Nadal, Pérez Sandor e incluso literatos como Pardo Bazán, entre outros moitos. Os seus argumentos son estudados en varios capítulos do libro achegando conclusión moi interesantes. Galicia, a pesares de estar lonxe dos centros de pensamento da época, non foi inmune aos efectos das novas teorías e xa desde practicamente o momento da publicación dos traballos de Darwin, apareceron opúsculos que atacaban ou defendían estas novas ideas, o que ben a corroborar, novamente, a desfeita do mito do atraso –a primeira exposición pública do darwinismo foi en 1872–. Foi, como non podía ser doutro modo, tras a revolución de 1868 (p. 18, 64) cando as novas ideas científicas –e con elas as sociais e lexislativas– se instalen definitivamente na sociedade española e, loxicamente, tamén na galega. Aínda que cada vez son máis os que apoian este novo pensamento, Galicia, sen embargo, caracterizarase por unha posición dominante dos antievolucionistas –ou como moito, e sempre dentro do ámbito académico, os que tentan concilialo coa ortodoxia católica–. No curso 1876-77, foron defendidas na universidade as teorías antidarwinistas e será a partires de 1881 cando exista unha maior pluralidade de posicións, cambio directamente relacionado coa entrada dos liberais moderados ao goberno. Neste ambiente aparecerán as obras de Curros Enríquez –que será condenado, pero sen moito efecto entre a poboación, polo bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo pola obra
Aires d´a miña terra–, Víctor López Seoane ou o propio Vilá Nadal. Non será até 1903 cando na inauguración do curso académico sexa lido un discurso onde se sinale o evolucionismo como unha teoría aceptable.
A defensa do darwinismo tivo un ton radical na sociedade da época, “como un símbolo de enfrontamento ideolóxico profundo; atopou boa acollida nos autores republicanos, sectores anarquistas e sociedades librepensadoras” (p. 17). Así, pouco a pouco as teorías evolucionistas foron calando entre a sociedade fronte aos inmobilistas que defendían as teses creacionistas. Deste xeito, e xurdido dunha discusión científica, os cidadáns amosaron os diferentes conceptos de convivencia que tiñan aproveitando a canle que supuxo a loita entre evolucionistas/creacionistas. Este aspecto é o tratado por Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, fundamentalmente, no seu traballo. Así, os republicanos, anarquistas, socialistas, monárquicos liberais, carlistas, mostraron as súas preferencias ou non por Ch. Darwin. Aínda neste tempo, ciencia e filosofía camiñaban da man, será na segunda metade do século XX cando se produza o distanciamento case que irreconciliable que aínda hoxe se padece –sobre este aspecto, interesantes son as conclusións das xornadas que o Consello da Cultura Galega organizou en 2009, precisamente ao redor da separación entre ciencia e humanidades–. A investigación de Pereira e Fernández indica como os sectores máis progresistas da sociedade aceptaban cegamente a teoría da evolución nas súas diferentes vertentes: “Os ataques da Igrexa Católica ás teorías de Darwin, ao considerar que poñían en cuestión o deseño divino fixérono, en principio, atractivo para a militancia republicana, socialista ou libertaria. Foi así como Darwin foi colocado, entre outros, nos altares laicos do libre pensamento e a ciencia (p. 207). E, de novo, será A Coruña unha das principais cidades onde estas teorías teñan un especial predicamento, xa desde fins do XIX con xornais como
El Corsario ou grupos como
Ni Díos ni Amo ou
Germinal. A explosión desta aptitude será na II República cando os grupos libertarios de Galicia fagan unha aposta decida pola liberdade individual: aborto, anticonceptivos, eutanasia, feminismo... O retroceso, que aínda hoxe é evidente, será tralo golpe de Estado de 1936 e a volta ao poder da ortodoxia ultramontana católica, como tamén sinala T. Glick: “Las facultades de medicina, por el histórico liberalismo de los médicos a lo largo del s. XIX (y en el s. XX hasta la Guerra Civil) se convirtieron en baluartes del darwinismo” (p. 238) –o decano de Medicina na USC Luís Morillo suicidouse en 1937 debido ao acoso dos falanxistas–.
E que nos queda hoxe destas discusións? Na actualidade, a evolución segue a encher páxinas de xornais, como sinalan Jiménez e Puig: “... o darwinismo é talvez a noción científica que tivo maior impacto social, suscitando debates na opinión pública desde o momento da súa publicación, e aínda hoxe continúa sendo obxecto de controversia” (p. 271); hai ataques do fundamentalismo relixioso en moitos lugares –Galicia por sorte, non é un deles– ás teorías de Darwin que pretenden ser arredadas dos planes de estudo... Libros como o que aquí presentamos axudan a lembrar que se corre o perigo de involucionismo ideolóxico, incluso con teorías que, a priori, semellan indiscutibles como son as que Ch. Darwin deu a coñecer en 1859.