CRÍTICAS / 346
SOBRE O LIBRO"O PREZO DA FAMA"
O príncipe Capitalismo e a princesa Rusia
Este libro inclúe os relatos que Sławomir Mrożek escribiu a principios da década de 1990. Un libro que ten relatos para que ama o humor crítico, conseguido con diferentes receitas: historias cotiás nas que se insire un elemento igualmente verdadeiro pero perturbador, relatos totalmente fantásticos, relatos nos que realidade e ficción se mesturan en distinta dose… E neles hai espazo para falar de política, de relixión, de consumismo, de valores... mesturados co márketing, os soños, as fantasías sobre o paraíso, as fábulas retocadas ou as historias de piratas. Rinoceronte traduce e publica en galego unha obra de lectura altamente recomendable.
SOBRE O LIBRO"OS FíOS"
No final, o absurdo
Tres historias que camiñan pola fronteira do cotián e do absurdo, enfiadas por Xurxo Sierra. Unha historia de vidas cruzadas na que o destino dos personaxes introduce un plus de intriga que sorprende ao lector. Unha narración que bebe da incerteza do cotiá en cada páxina. Que ninguén é quen parece e que todos gardamos no peto un segredo para os demais é a primeira conclusión que se pode tirar desta obra. A segunda é que a casualidade e o absurdo son elementos consubstanciais á propia existencia, tanto que ás veces semella que son elas as que dominan a vida das persoas.
SOBRE O LIBRO"FANTASMAS DE LUZ"
Literatura para cambiar o mundo ou o orgullo da nosa LIX
Unha novela cargada de homenaxes ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón»: unha novela cargada de paixón, de sentimentos, de reflexións sobre a contemporánea exclusión social, unha novela fantástica lonxe dos amores románticos de vampiros e anxos, ateigada de luz literaria e de mensaxes de esperanza por un futuro mellor no que todos temos un papel. De novo unha novela que podemos ler todos e todas, “tamén” a mocidade.
SOBRE O LIBRO"GUíA DE PETRóGLIFOS DE GALICIA"
Por amor á Arte (rupestre)
Esta guía permite doadamente o achegamento parte da nosa arte rupestre, proporcionando toda a información necesaria para o coñecemento e gozo dos xacementos máis senlleiros. Un libro fermoso e útil destinado para todos os amadores do Patrimonio deste país, aqueles que gozan coas saídas ao campo. Un libro para levar na mochila desfrutando dos gravados do país.
SOBRE O LIBRO"VIGO A 80 REVOLUCIóNS POR MINUTO"
Movida escríbese con V, de Vigo
Crónica da movida viguesa da década de 1980 realizada por Emilio Alonso, colaborador activo deses acontecementos que supuxeron unha renovación conceptual das artes nunha época convulsa en Vigo. Un movemento cultural que tivo na música a súa bandeira, aínda que tamén destacaron as artes visuais, o cine e a vídeo creación, o teatro, a banda deseñada, a arquitectura, o deseño ou a moda.
SOBRE O LIBRO"LUME DE COBIZA"
Frank Soutelo xoga na casa (ou O vicio de ler)
Activismo ecolóxico, incendios provocados e especulación urbanística, tres piares do fío argumental desta potente novela cuxa lectura queima nas mans e nos ollos e nos agudiza o vicio de ler. A cuarta entrega das peripecias do detective Frank Soutelo coloca ao seu protagonista desta vez en Galicia en 2006, nun escenario incendiario onde demostra ser incombustible.
SOBRE O LIBRO"PROCESO A UNHA BIBLIOTECA"
Libros perigosos
Durante a guerra civil española, foron moitos os actos vandálicos contra a cultura exemplificados fundamentalmente nos saqueos e requisas de bibliotecas, tanto públicas como privadas. Francisco Redondo Abal dá conta nesta publicación do acontecido coa biblioteca persoal de Castelao, da súa incautación e saqueo, as vicisitudes que a acompañaron desde 1937 até 1969 e o paso por diferentes almacéns e institucións culturais até rematar no Museo de Pontevedra.
SOBRE O LIBRO"O MUNDO SECRETO DE BASILIUS HOFFMAN. O LADRóN DE SOñOS"
O nacemento dunha saga
Aquí comeza a saga do profesor Basilius Hoffman: historiador, arqueólogo, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa. Un conxunto de ingredientes converten esta historia nunha engaiolante lectura, na que o escritor demostra a súa condición de coñecedor das claves do xénero, introducindo chiscadelas de doado recoñecemento; o seu sentido narrativo, a súa habilidade á hora de crear personaxes en absoluto planos; e mesmo unha clara influencia cinematográfica ben palpable na profusión de descricións que espertan a imaxinación do lectorado.
SOBRE O LIBRO"AMIGOS E SODOMITAS"
Libro de amar e maldizer
Botando man dunha ampla documentación medieval neste libro explícase como entre os séculos XI e XIV se configurou o pecado-delito de sodomía, inexistente nos mil primeiros anos de historia do cristianismo. Auténtica investigación de rescate, máis tamén un libro que se achega á realidade social do presente. Unha obra galardoada co XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011.
SOBRE O LIBRO"A VIDA FóRA"
Coas uñas pintadas
Unha historia sinxela, a construción literaria da enfermidade e da vellez, das relacións humanas diante do sufrimento, cunha elaboración narrativa que na súa naturalidade emociona e sorprende. Colócanos diante da dor que hai detrás dun pensamento tan suavemente descorrido que resulta case humorístico por momentos, pero dese humorismo que compartían Mark Twain e Castelao. Despois de obter o Premio Repsol en 2006 con 'Se algún día esta muller morta', Miguel Sande retorna con outro convite para lectores apaixonados polas historias intensas.
SOBRE O LIBRO"HISTORIA DAS MULLERES EN GALICIA. PREHISTORIA. HISTORIA ANTIGA"
Prehistoria: feminino singular
Combinando o manexo das fontes arqueolóxicas, epigráficas e literarias, a autora traza un percorrido histórico desde os máis humildes fragmentos da Prehistoria ata a análise do movemento priscilianista. O libro fornece un texto de leitura áxil e doada, aporta unha interesante análise do corpus epigráfico galaicorromano e conta cun acaído apéndice de referencias textuais nas fontes clásicas así coma unha bibliografía comentada de indubidable utilidade para os lectores. O volume cumpre sobradamente co obxectivo divulgativo establecido como guieiro da colección.
SOBRE O LIBRO"CRóNICAS DO MAñá: 50 ANOS DE CONTOS CUBANOS DE CIENCIA FICCIóN"
A cara oculta da Illa
Esta escolma, realizada por José Miguel Sánchez «Yoss», un dos principais representantes da literatura de Ciencia Ficción na Cuba contemporánea, pretende achegar ao lector medio século de literatura cubana do xénero a través dos mellores contos provenientes da illa caribeña. Benvidos á ciencia ficción cubana, a outra cara da Illa, un lugar onde o lume verde, os clons con ansias de liberdade e as devoracións por amor son irredutibelmente posíbeis.
SOBRE O LIBRO"HISTORIA DUN ERMO ASOCIATIVO"
Colleita do 36
A investigación realizada por Daniel Lanero ofrece moitas claves para comprender a formación da sociedade franquista e as consecuencias que para o futuro-o noso presente- tivo a política desenvolvida desde as altas instancias do réxime. A importancia do traballo non radica soamente no feito de desenredar o organigrama do sindicalismo vertical franquista, senón tamén en poñelo en relación co anterior e co que vén despois da morte do ditador.
SOBRE O LIBRO"LOITA DE CLASES E REPRESIóN FRANQUISTA NO MAR (1864-1939)"
A Memoria dos barcos
Amosándonos a evolución do asociacionismo mariñeiro en Galicia na etapa contemporánea, Dionisio Pereira mergúllanos no desenvolvemento da conflitividade social e laboral dende finais do século XIX e comezos do XX, así como na represión que tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936 se dirixiu contra todo este tecido individual e colectivo.
SOBRE O LIBRO"O BEBEDOR DE RAKIA"
O xogo de Itzik
No contexto do paso dos soldados españois pola guerra de Bosnia en suposta "misión de paz" velaquí unha poderosa novela que cómpre ler para para non pechar os ollos a todo aquilo que non nos amosan na televisión, unha novela que demostra que a arte serve como testemuño máis veraz que os medios informativos, a verdade escudada na ficción como xeito de saída, a verdade non supervisada. A novela de Xesús Manuel Marcos non deixa vagar para coller aire.
SOBRE O LIBRO"OS ANCARES, A SERRA ESQUECIDA"
Onde non chegaba o presente
Este libro recolle as vivencias dunha expedición a Donís, parroquia situada lonxe das estradas no corazón dos Ancares lugueses, onde se trasladou en 1968 o autor da obra, o xornalista e escritor Enrique de Arce, xunto cun reducido grupo de estudantes de medicina da Universidade de Santiago de Compostela. As súas crónicas e imaxes outórgalle ao libro un valor etnográfico, político, histórico e sociolóxico evidente.
SOBRE O LIBRO"TARDES CON MARGUERITTE"
Cómplices
Un delicioso relato arredor da amizade entre dous seres humanos de diferentes xeracións e estrato social, que se coñecen por azar no banco dun parque e que contaxian a súa complicidade. Por unha banda, Germain, na mediana idade e pasado de quilos e de tristura. Por outra, Margueritte, unha velliña que sabe todo o que hai que saber sobre os libros e coñece cal é a súa forza e como nos poden cambiar a vida para siempre. Así comeza en Germain un proceso de cuestionamento sobre a súa vida que consegue derrubar moitas barreiras.
SOBRE O LIBRO"FUTURO IMPERFECTO"
Sensibilidade e forza narrativa
Durante as décadas de 1980 e 1990, moitos mozos descubriron simultaneamente o amor e a droga. As consecuencias desa vivencia marcáronos para sempre, a algúns de xeito dramático. Este libro é un un alegato contra a desmemoria que permitirá mirar dende os ollos de quen estivo alí como foi a vida dunha parte da mocidade na época en que probar era sinónimo de ser libre, pero tamén de descoñecemento. Para as mozas e mozos de hoxe, unha lectura imprescindible, obrigada. Un futuro que xa non pode ser perfecto mais é esperanzado.
SOBRE O LIBRO"PERIFERIA"
Plano favela
Obra gañadora do Premio Xerais de novela 2010, a forza e a intensidade da prosa que flúe nestas páxinas reborda os sentidos. É un peso pesado literario sexa cal for a etiqueta que o designe. Nesta novela hai espazos e personaxes, vidas que son fíos dos que se pode tirar para ver, o triunfo absoluto do interartístico e da polifonía. Nela habitan por igual a narrativa e o baile, a música e o grafiti.
SOBRE O LIBRO"OS BALNEARIOS DE GALICIA. ORIXE E DESENVOLVEMENTO"
A cultura da auga
Este estudo analiza o feito termal desde diferentes puntos de vista e achega valiosas conclusións á hora de pescudar na historia, nas costumes e no desenvolvemento cultural e económico do territorio. Achega datos arqueolóxicos, etnográficos, simbólicos, económicos e políticos; en definitiva, un libro que deixa abertas moitas posibilidades de cara á investigación sobre a historia cultural de Galicia.