Combinando o manexo das fontes arqueolóxicas, epigráficas e literarias, a autora traza un percorrido histórico desde os máis humildes fragmentos da Prehistoria ata a análise do movemento priscilianista. O libro fornece un texto de leitura áxil e doada, aporta unha interesante análise do corpus epigráfico galaicorromano e conta cun acaído apéndice de referencias textuais nas fontes clásicas así coma unha bibliografía comentada de indubidable utilidade para os lectores. O volume cumpre sobradamente co obxectivo divulgativo establecido como guieiro da colección.
29 / 7 / 2011
Xurxo M. Ayán. Santiago
Con este libro ábrese a colección
Historia das mulleres en Galicia impulsada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Este proxecto institucional bota man de recoñecidas historiadoras da Universidade compostelá entre as que se atopa a autora desta primeira entrega, Mar Llinares García. Esta investigadora, profesora titular de Prehistoria, xa estudara no seu día dende un punto de vista estruturalista o trasfondo social e simbólico da figura da
moura no imaxinario popular galego. Pola súa vez, ten adicado tempo á crítica historiográfica do concepto de matriarcado na Antropoloxía clásica. Froito desta traxectoria dentro do que poderiamos alcumar como
estudos de xénero chega ás nosas mans este relato que procura a muller na época máis temperá do noso devalar histórico.
O libro fornece un texto de leitura áxil e doada, aporta unha interesante análise do corpus epigráfico galaicorromano (páxs. 91-5) e conta cun acaído apéndice de referencias textuais nas fontes clásicas así coma unha bibliografía comentada de indubidable utilidade para os leitores. Cómpre subliñar tamén o apartado que resume a historia intelectual da arqueoloxía das mulleres (páxs. 41-50) destacando a denuncia dos prexuízos androcéntricos que presiden dende sempre a investigación. Polo tanto, neste senso, o volume cumpre sobradamente co obxectivo divulgativo establecido como guieiro da colección. Noutra orde de cousas, debemos facer fincapé nunha serie de eivas que limitan o alcance dunha publicación que podería encher con máis éxito un relativo baleiro bibliográfico.
En primeiro lugar, non semella oportuna unha introdución de 23 páxinas nas que se debulla a Prehistoria galega, adoptando un discurso tradicional centrado na descrición de rasgos formais, morfotipolóxicos, de obxectos ou fósiles guía de cada período (páxs. 15-37). Unha cousa é debuxar un marco xeral, como se anuncia na páxina 15, e outra facer unha ampla recensión do que sabemos dende o Paleolítico, xa que para iso xa está a bibliografía orientativa que pecha o libro. A este respecto, un problema engadido son as afirmacións categóricas que se atopan neste percorrido, dificilmente sustentables hoxendía como que no Neolítico existen escasos datos dos lugares de habitación (páx. 19), que as pinturas, gravados e túmulos son os únicos elementos dispoñibles para analizar o modo de vida neolítico (páx. 20). Tampouco axuda moito a discriminación que fai a autora de parte do rexistro da Idade do Ferro, cando asume deixar de lado ámbitos fundamentais para os estudos de xénero coma o comercio, o vestido ou o adorno persoal (páx. 33).
Misión imposible?
En segundo lugar, chama a atención a insistencia da autora na imposibilidade real de escribir un libro coma este, con afirmacións desta caste:
Non se conservan restos humanos, co que entrar en detalles concretos sobre as vidas, características, accións de homes e mulleres é totalmente imposible (páx. 16);
O rexistro non permite apenas, para os momentos iniciais da Prehistoria, lecturas que estean na liña dos actuais estudos de xénero (páx. 40);
vai ser imposible incidir en nada relacionado directamente coa Prehistoria galega (páx. 50). Dende logo, podemos subliñar as limitacións e condicionantes do esquivo rexistro arqueolóxico, pero non pechar os camiños dunha investigación en clave de xénero que está a ser desenvolta hoxendía con aportacións senlleiras dentro da Arqueoloxía galega e española. Esta carencia para maximizar o potencial interpretativo do rexistro arqueolóxico acompáñase dunha utilización sesgada da bibliografía e da información dispoñible hoxendía, cando se poñen en tea de xuízo conceitos como
cultura castrexa ou comunidades indíxenas.
Na parte final contamos cunha disgresión xeral sobre a idea das deusas nai e do matriarcado (páxs. 50-58), un descolocado apartado sobre as fontes clásicas e a definición do territorio da Gallaecia (páxs. 60-70) e dúas reflexións de interese máis vencelladas coa temática real da obra, unha centrada no papel da muller no priscilianismo e outro na predominancia da visión matriarcal na literatura, o xornalismo e a historiografía contemporánea galegas.
En definitiva, atopámonos diante dun volume dispar, demasiado misceláneo e con dúas partes moi descompensadas. Neste senso, a parte adicada á prehistoria constitúe unha excelente oportunidade perdida para levar a cabo unha aproximación arriscada, valente e documentada ás mulleres que se agochan detrás de fusaiolas, muíños baquiformes e arracadas.