Este estudo analiza o feito termal desde diferentes puntos de vista e achega valiosas conclusións á hora de pescudar na historia, nas costumes e no desenvolvemento cultural e económico do territorio. Achega datos arqueolóxicos, etnográficos, simbólicos, económicos e políticos; en definitiva, un libro que deixa abertas moitas posibilidades de cara á investigación sobre a historia cultural de Galicia.
21 / 2 / 2011
Gustavo Hervella. Santiago
A Biblioteca de Divulgación Científica da Universidade de Santiago de Compostela preséntanos desta volta un rigoroso estudo sobre a cultura dos balnearios en Galicia. O traballo, realizado polas historiadoras Raquel Casal e Silvia González, amósanos como desde a época prerromana as augas do subsolo galego foron utilizadas tanto polo seu valor salúbrico como polo espiritual. Así, levan a cabo unha análise diacrónica dos usos destes espazos e, ao tempo, unha posta ao día da situación en que se atopan cada un dos balnearios, tanto desde o punto de vista do aproveitamento das augas como o estado arquitectónico e de mantemento das infraestruturas máis elementais.
Nos últimos anos apréciase un auxe da cura termal en Galicia. Tras décadas de practicamente abandono, desde mediados dos oitenta e sobre todo a partires dos anos noventa, os balnearios volven a ocupar un lugar central entre os principais destinos turísticos. O paradoxal é que non só se trata de turismo medicinal, tamén existe unha recuperación cultural e arquitectónica destes espazos como lugares de contacto coa natureza e como centros de ocio e sociabilidade.
O estudo lévanos nunha viaxe diacrónica desde a época prerromana até a actualidade, analizando os lugares onde a xente ía tomar as augas ben pola súa calidade ben por estar rodeadas dun halo espiritual que as convertía en milagreiras: “Na tradición popular, como acontece incluso hoxe en día, con excepcional incidencia no caso de Galicia e as súas augas milagreiras, atribúese dunha forma ou doutra á intervención divina a todo aquilo que de algunha maneira cure” (p. 46). Tamén, percorremos xeograficamente Galicia a través da visita a diferentes lugares onde existen augas termais, o estado das construcións que albergaban espazos habitacionais para os residentes ou simplemente piscinas e pozas onde os veciños acudían a curar os seus males.
As autoras analizan o proceso de abandono e recuperación dos balnearios a través da análise dos restos arqueolóxicos, como a máis evidente grazas ás fotografías, textos clásicos e modernos, artigos de prensa ou coa realización de entrevistas a visitantes de balnearios e propietarios. Así mesmo, o cambio de rol dos balnearios tamén é sinalado na obra; non se trata xa de espazos destinados á cura de enfermidades senón que forman parte da diversión e diversificación turística. Hoxe en día o turismo é unha parte esencial do PIB de calquera país. En España é o sector económico máis representativo xa desde os anos sesenta. A saída da crise económica que estamos a padecer pasa por un incremento das divisas que proveñen deste sector. Polo tanto, o coidado do turismo e a súa diversificación son esenciais á hora de artellar os orzamentos dun estado e os balnearios adquiren neste contexto unha categoría de primeira orde. A análise que Casal García e González Soutelo realizan neste ensaio pon á cultura termal no centro do debate, devolvéndolle a importancia que vira decaer anos atrás.
O libro está dividido en nove capítulos onde se analizan os baños termais na época romana, medieval, moderna, contemporánea e actual, tanto de utilización das augas como a cultura de socialización que se creaba ao redor desta práctica. As augas aproveitadas pola cultura hispanorromana, o abandono acontecido durante a Idade Media, o rexurdir no século XIX —sobre todo na segunda metade—, o auxe da cultura termal a comezos do século XX e a decadencia acontecida trala guerra civil, até chegar ao empuxe actual, con 21 balnearios en funcionamento en Galicia onde non só se atenden ás doenzas, tamén se converteron en “puntos obrigados de encontro social” (p. 14).
O estudo baséase na toponimia —Caldas de Reis, Baños de Molgas, Caldelas de Tui, etc.— e nos escritos de Plinio o Vello ou Herodoto para dar conta da interese que aos romanos lles espertou a existencia deste tipo de enclaves. De seguido analizan os restos arqueolóxicos: vaixelas, epígrafes, cerámicas, moedas e diferentes restos que axudan a reconstruír o pasado. Por último, sinálase a forma en que os usuarios utilizaban as augas: inmersión, vapores, baños, duchas ou inxeríndoas. Séguese coa análise dos restos arqueolóxicos medievais e como a introdución do cristianismo supuxo un declive no uso dos balnearios, “a introdución do cristianismo como relixión oficial incidiu con forza no declive, xa que se fomentou a crenza de que os balnearios antigos eran espazos de culto ao demo” (p. 103). Topónimos de carácter relixioso como Augas Santas ou Fonte Santa que responden a unha superposición de crenzas, algo moi habitual nos séculos de asentamento cristián. O capítulo sexto analiza o que as autoras denominan “Rexurdimento”, que é o momento da recuperación dos modelos clásicos xa nos séculos XVI-XVIII onde a revalorización da cultura clásica é unha constante. De novo a análise da literatura: Alfonso Limón Montero que realizou un traballo pioneiro no desenvolvemento da hidroterapia, o licenciado Molina, Ambrosio de Morales ou frei Martín Sarmiento son algúns dos que expuxeron as bondades das augas galegas, entre moitos outros autores e informes. A eclosión é no século XIX e primeiro terzo do XX, onde amais do apoio documental, as autoras baséanse nos edificios de nova planta realizados en moitos balnearios de Galicia, a recuperación de espazos esquecidos e a lexislación establecida por parte das autoridades estatais e municipais para o correcto aproveitamento das augas. Os balnearios pasan a ser algo máis que lugares de curación; convértense en espazos onde as relacións sociais adquiren un peso específico: En Mondariz, A Toxa, Caldas de Reis, Caldelas de Tui, Lugo ou Arteixo a nova clase burguesa acode a curarse de doenzas, de vacacións ou a pechar negocios. A imporatncia dalgúns balnearios é tal que nos anos vinte un deles se converterá en concello, Mondariz-Balneario, coa visita rexia de Alfonso XIII e do ditador Miguel Primo de Rivera. Xa antes estivera nel o insigne Eugenio Montero Ríos xunto a outros próceres da Restauración. A segunda metade do século XX é un momento de declive. A nova medicina abandona as bondades acuíferas e moitos destes establecementos teñen que pechar. A recuperación chega nas últimas décadas do século coas novas tendencias turísticas e sobre todo co auxe que no resto de Europa teñen as augas termais como parte da cura de saúde dos cidadáns.
Estamos ante un traballo pleno de posibilidades. Un estudo que analiza o feito termal desde diferentes puntos de vista e que achega conclusións moi valiosas á hora de pescudar na historia de Galicia, nas súas costumes e no desenvolvemento cultural e económico do territorio. Achega datos arqueolóxicos, etnográficos, simbólicos, económicos e políticos; en definitiva, un libro que deixa abertas moitas posibilidades de cara á investigación sobre a historia cultural de Galicia e que acompaña a outros sobre o deporte, a alimentación ou o viño que viron a luz nos últimos anos.