CRÍTICAS / 346
SOBRE O LIBRO"O GARDIáN INVISIBLE"
Os crimes do basajaun
Dolores Redondo Meira, unha autora navarra de ascendencia galega, constrúe na súa segunda novela un thriller onde se mestura a investigación policial e científica co suspense e coa mitoloxía das lendas navarras. O libro engancha ao lector, transpórtao a espazos que descoñece pero que de súpeto ten ganas de visitar, unha historia na que o ritmo non decae, senón que flúe en fervenza e nos subxuga. Ás veces, coma neste caso, as grandes promocións editoriais avalan historias que paga a pena ler.
SOBRE O LIBRO"OLLADAS"
Detrás das olladas
A novela coa que Adelaida Vidal acadou o Premio Risco de Creación Literaria no 2011 é un catálogo de emocións, teorías e olladas, narrado nunha prosa coidada e fluída, cuns personaxes ben definidos e verosímiles, exuberante no contido e sen fíos sobrantes, un manifesto de vida, filosofía e arte, contundente e fácil de ler.
SOBRE O LIBRO"ONDE O MUNDO SE CHAMA CELSO EMILIO FERREIRO"
Novo punto de vista
Ramón Nicolás preséntanos a biografía de Celso Emilio Ferreiro cun novo punto de vista, o que leva a novas conclusións e novas formulacións ante a súa figura e ante un período da nosa historia que por recente non está estudado na intensidade desexada.
SOBRE O LIBRO"TONAS DE LARANXA"
Reloxos sen agullas
Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo.
SOBRE O LIBRO"EU, PEL"
Distopía en clave de conto
O primoxénito da familia Semper-Vanien, tras nacer cun misterioso mal, centra a súa existencia na experimentación para dar cunha cura que anule a súa diferenza. Así, deseña un mundo á súa medida que esvaeza a súa condición de “monstro” rexeitado. Unha novela ambiciosa que pon en pé todo un mundo a partir de claves coñecidas ben interiorizadas e que mantén o interese e a tensión na lectura mesturando ingredientes da estirpe do gótico, o fantástico e o terror.
SOBRE O LIBRO"DA MáQUINA"
AloiaK
Unha novela de ciencia ficción ambientada na Galicia do presente con elementos do xénero policial, da novela psicolóxica e do ciberpunk. Nas súas perfeccións e imperfeccións hai unha proposta diferente, un sentido do humor agre e descarnado, e unha lucidez fonda e sarcástica sobre as nosas vidas que paga a pena saborear.
SOBRE O LIBRO"ATL"
A felicidade dos autómatas
Premio Blanco Amor de Novela 2011, Atl propón un novo achegamento ao asunto da Atlántida desde o eido da creación literaria, mais un achegamento iluminado coas luces converxentes da historia e o mito, a ciencia e a intuición, a crónica e a fábula. Velaquí unha alegoría do noso presente, unha interrogación sobre a falta de liberdades na que vivimos e grandes doses de intriga ata o final.
SOBRE O LIBRO"15.724"
As engrenaxes tras a placidez
Xesús Constela trasládanos a unha Patria «asentada no lombo dunha ave durmida» que está presidida pola figura do Gran Mariscal e ten como símbolo intocable o armadillo da súa bandeira, unha maquinaria que ben podería identificarse con contextos non tan afastados da nosa realidade. O autor consegue deixar á vista dos lectores as engrenaxes do que é unha maquinaria de suxeición cidadá, onde os puntos máis macabros se abren no seu aparello de represión, coa pena de morte como cumio.
SOBRE O LIBRO"MURGUíA"
Profeta na terra
Con esta biografía de Manuel Murguía (1833-1923), primeiro presidente da Real Academia Galega e destacado representante do nacionalismo galego no século XIX, o historiador Barreiro Fernández, que tamén presidiu esa institución, pon nas mans dos lectores unha obra magna, case mil páxinas para recoller e transmitir o tempo vital de quen foi unha das figuras esenciais do galeguismo.
SOBRE O LIBRO"DúAS LETRAS"
Que é mellor, o libro ou a película?
A carta que non dá chegado, a misiva do fillo que está na emigración, pelexando co destino e a sorte, e a nai que espera a chegada da carta que lle dará, ademais de novas, algo de esperanza. Invertendo o procedemento tradicional a partir da realización do filme, Fina Casalderrey elaborou posteriormente a adaptación literaria, unha ficción independente do guión, radicalmente literaria co fin de presentar ambos os dous resultados nunha publicación, o texto e máis o DVD. O resultado traduciuse nun libro de esmerada feitura, cunha proposta interesante e de calidade.
SOBRE O LIBRO"JOSé PASíN ROMERO: MEMORIA DO PROLETARIADO MILITANTE DE COMPOSTELA"
A maioría de idade do obreirismo compostelán
O texto que se reproduce foi escrito nos meses escuros e desacougantes da represión franquista, durante a guerra civil, cando os camiños de Galicia eran sementados con cadáveres e as cadeas ateigadas expandían unha imaxe terrorífica do novo estado. Neste ambiente, o vello Pasín, era buscado pola contorna de Compostela, dous fillos foran detidos e asasinados e o resto da familia perseguida até a extenuación. O relato está completado con apuntes históricos desenvoltos por Dionisio Pereira tras anos de investigación arquivística, bibliográfica e entrevistas a militantes obreiros de anteguerra.
SOBRE O LIBRO"O MARIñEIRO CON CABALOS MATUTINOS BAIXO O VESTIDO"
A permeabilidade das máscaras
Elías Knörr é o alter ego de Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981), poeta e tradutor en galego. Con este pseudónimo foi escollido coma un dos tres poetas máis representativos da lírica actual islandesa, na Poetry Review do Reino Unido. Este é o seu primeiro libro en islandés. Portela confecciónase unha máscara a medida con fasquía e sotaque islandés que lle permite inxerirse nun espazo alleo e procurar unha escrita anovadora coa que transitar novos vieiros.
SOBRE O LIBRO"HISTORIAS DE OREGóN"
Corte limpo
Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia 2011 é este un nobelo de historias sinxelas, crueis, patolóxicas algunhas. O autor amósanos, como adoita, a forza dos que seguen vivindo a pesar de todo o sufrimento que levan ás costas unha prosa feita a escalpelo.
SOBRE O LIBRO"MORGANA EN ESMELLE"
O meu nome é Morgana
A chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. Na novela de Begoña Caamaño, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade. A autora non se amedrenta ante a reescritura do mito, nin ante o peso das culpas dos seus personaxes e franquéanos con sabedoría e lucidez inusitadas as portas de Esmelle-Ávalon-Britania.
SOBRE O LIBRO"DARK BUTTERFLY"
Unha dura vivencia
Esta novela enfróntanos ao proceso da enfermidade mental como unha lenta e consciente deriva cara á escisión e a exclusión. Un literal descenso aos infernos ante o que a psiquiatría revela toda a súa impotencia. Merece a pena entrar a fondo na lectura para chegar a sorprendernos coa intensidade que cobra o relato. Rexina Vega acomete a difícil tarefa de facernos partícipes dunha realidade complexa.
SOBRE O LIBRO"RUíNAS AO ESPERTAR"
Do descenso ás tebras
A fotografía de Manuel Vilariño (Premio Nacional de Fotografía) non pode entenderse sen a ollada poética que a motiva ao igual que os versos deste poemario son herdeiros dos universos evocados nas súas series fotográficas máis austeras, lúgubres e barrocas. Esta primeira incursión no ámbito da poesía escrita é unha exploración radical do sentimento de perda, visión e experiencia da dor a través dunha poesía depurada por unha estética da imaxe e do silencio.
SOBRE O LIBRO"NINGUéN"
Paredes de papel
Fran Alonso aborda os actuais xeitos de relación entre as persoas nas sociedades urbanas e o modo en que a cidade e a tecnoloxía inflúen para mudar os medios que empregamos para comunicarnos. O libro está centrado na convivencia entre os veciños dun edificio, pero tamén no uso da tecnoloxía como paradigma das formas de relación. Desde a presenza do teléfono móbil ata o contacto persoal a través das redes sociais.
SOBRE O LIBRO"AS FIANDEIRAS"
As febras do recordo
Na vila da Estrada, no contexto convulso das insurreccións cantonais de fins do século XIX, debúxase un triángulo afectivo arredor do cal se desenvolve unha trama inquisitorial. A cadencia narrativa que desenvolve Piñeiro adquire a forma dun coidado fiado a man, onde se repasan as febras da narración con esa prosa lenta, dos detalles, e que lle valeu o XXIII Premio García Barros.
SOBRE O LIBRO"JAZZ ESPIDO UN E DOUS"
Improvisación en verso e trazo
Achega interartística que activa todos os sentidos de quen se aproxime a ela. Os lectores, levados polo pulo da música evocada en cada composición, farán cadrar o ritmo da súa lectura ao tempo dos movementos de danza recollidos nos debuxos secuenciais para, finalmente, completar un orixinal percorrido pola historia do jazz e do blues. A voz de Ella Fitgerald ou o saxo de Coltrane xorden ao mesmo tempo que se pasan as páxinas.
SOBRE O LIBRO"AS MULLERES EN GALICIA NO SéCULO XX"
Ser muller aquí no século XX
Diferentes historiadores analizan o papel da muller na recente historia con exemplos da realidade galega de cada período e cunha liña temática transversal que nos achega a análise de cada momento histórico dun xeito máis comprensible. A muller foi acadando espazos de visibilidade propios, lonxe dos tutelados polos homes. A imaxe que durante anos nos sinalaba a muller como un elemento sen iniciativa é cuestionada neste estudo grazas á análise que se leva a cabo da realidade do momento.